A Galicia rural e o espíritu comunitario

A Galicia rural e o espíritu comunitario

Polo xeral, foi e segue a ser moi común oír fala a propios e alleos de que unha das causas que condicionaron o noso desenvolvemento foi o individualismo endémico que como unha eiva intrínseca ao noso ser, caracterizounos como galegos. Creo certamente que estamos ante unha afirmación inexacta, que como tantas, foise convertendo en tópico, xerando así unha imaxe distorsionada das nosas xentes.

Se reflexionamos un anaco sobre a nosa realidade antropolóxica, de súpeto encontrámonos cunha creación sustancial das nosas xentes que nos achega bastante luz sobre o noso proceder ao longo do tempo no eido do asociacionismo, e tamén, nos clarifica en grande medida, o grao de madureza e necesidade de dependencia da nosa sociedade rural. Estoume a referir concretamente ao significado que a casa tivo para este mundo labrego.

Esta creación labrega, segundo o antropólogo Lisón Tolosana, é "unha entidade física"; pero dela emerxeu un núcleo humano: a familia troncal. De ámbalas dúas realidades, física e humana, xurdiu unha simbiose que rematará xermolando un proxecto vital singular, capaz de transcender aos seus moradores para facelos á súa vez, partícepes dun destino común no que tódolos membros contribúen a engrandecelo.

En cada membro desas familias non fun quen de albiscar, polo xeral, un sentimento de identidade verdadeiramente de seu, autónomo e independente da propia casa; semellaba como que a súa singularidade se lle recoñecese en base á institución da que formaba parte. Os que nacemos nese mundo rural, sabemos de certo que decote se identificaba a cada parroquiano polo nome da casa á que pertencía, e raramente, como individuo illado, con identidade propia e proxecto autónomo, xa que este non existía como tal; mellor dito, existía nun segundo plano, escurecido pola forza da casa e acotío subordinado a esa mesma entidade que o acubillaba. Cada persoa era o froito dunha simbiose que tiña as súas raiceiras nun pasado que anegaba de zume a todo o corpo familiar e do que resultaba unha institución singular e con nome de seu, polo que é coñecido cada labrego. A casa proxectaba sobre todo pasado, seguridade e posibilidade de transcendencia aos seus moradores; dáballes sentido e orientación, amplo significado ás súas vidas, xa que nesta entidade patrucial, vai quedar selada a súa pegada existencial como continuadora da tarefa histórica dos seus devanceiros.

Pero dende hai uns anos, tralos cambios que se foron producindo na Galicia rural, a situación trocou sustancialmente. A casa tradicional foi esmorecendo paseniñamente e un mundo compacto, soerguido só dende as camadas populares vai trocando a súa faciana por un novo mundo de xentes máis liberadas das estructuras antergas, pero moi eivadas polas consecuencias dunha historia dabondo condicionada por intereses externos ao propio país.

Feitas estas consideracións, tomo de novo o fío da argumentación para decir que me quedan poucas dúbidas no senso de afirmar que as xentes da Galicia tradicional, nunca tiveron auténtica conciencia do seu eu como entes autónomos, senón en simbiose coa contorna vital na que viviron e na que a casa, era elemento esencial. Estamos a falar de persoas arraigadas nun todo estructurado, no que a vida acadaba a súa verdadeira significación.

O devandito faime pensar cada vez con máis forza que un factor que frustrou o desenvolvemento do cooperativismo no mundo rural, entendido este como un movemento que demandaba unha integración de parcelas e explotacións, veu máis ben empurrado pola forza e significado que a casa tivo como soporte físico, pero sobre todo psíquico, e non en razón dos galegos como entes aillados e plenamente autónomos. A casa da que estamos a falar, non tiña capacidade de transcenderse a se mesmo se non era por medio dos seus moradores, e estes, necesitábana en plenitude como medio de seguridade e identidade.

É certo que acotío facíase presente neste mundo rural, un amplo espíritu comunitario e solidario. Nas mallas, nas colleitas, nas segas, nas sociedades gandeiras, nos arranxos dos camiños parroquiais... púñase claramente de manifesto. Pero non é menos certo que estes aconteceres endexamais levaron o xerme dunha nova estructura societaria que tentara transcender o papel que desempeñaba a casa para os seus moradores; máis ben, este espíritu comunitario xermolaba da necesidade de afortalar as dúas entidades básicas que fornecían en gran medida o mundo material e espiritual dos labregos; estoume a referir á casa e á parroquia. Todos se axudaban, todos tiñan necesidade dunha man veciña; pero sempre partindo dunha ou doutra entidade como elemento aglutinador das tarefas colectivas.

En consecuencia, penso que o espíritu comunitario que acotío se desenvolvía no mundo rural, xermolaba fundamentalmente das necesidades que tiña a propia casa da colaboración de brazos externos ao núcleo familiar, para así, garantir o seu medre e conservación nun espazo carente dos recursos técnicos axeitados. Ao tempo que turraba por esta cooperación, frustraba tamén calquera proxecto integrador que pulara mesmo polo desenvolvemento de organizacións comunitarias que tentaran transcender o propio ser da devandita institución, xa que esta, estaba convertida na principal fornecedora de seguridade e, xunto coa parroquia, da identidade do mundo labrego.

A casa, pois, era unha estrutura artellada de tal maneira que simbolizaba como ningunha outra o baixo grao de individuación e madureza da nosa sociedade rural, e xa que logo, os límites de socialización da mesma. Esta situación dificultou grandemente as posibilidades do cooperativismo e como consecuencia, a xeitada modernización das nosas estructuras agrarias, impedindo así o normal desenvolvemento do noso mundo labrego.