A economía doméstica das familias lucenses

A economía doméstica das familias lucenses

Vivimos tempos de confusión deseñada, nos que a información masiva e masificada parece buscar o colapso da capacidade de comprensión da sociedade, tanto pola cantidade de mensaxes como pola deseñada manipulación de misivas e datos. De aí que nos fatiguen e atordan con termos e conceptos difíciles de seguir. De aí que un poida acabar pensando que cando escoita falar da prima de "risco" do que falan realmente é dalgunha parente do noso paisano da Xeración Nós, ou cando se acordan repetidamente do "bono" alemán se están a referir a unha versión teutoa do recoñecido vocalista e líder do grupo musical irlandés. Datos e números que moitas veces pasamos por alto, pero que reflicten as situacións e circunstancias que padecemos todos os días. Velaquí unha mostra.

Informe tras informe, as publicacións estatísticas oficiais referidas a Lugo e á súa sociedade, poñen sempre de manifesto o mesmo: que só ocupamos os primeiros postos nos correspondentes cadros, series e rexistros, para significar a nosa posición en termos negativos. Así somos as zonas do interior, Lugo e Ourense, quen estamos á cabeza da listaxe en índices de envellecemento da poboación ou nas taxas de desemprego. Destacamos na cabeceira por seren os nosos pensionistas quen reciben as pensións máis baixas e distinguímonos por sermos dos traballadores que percibimos uns salarios máis baixos. E poderíamos seguir cunha longa restra de datos que nos sitúan nunha situación realmente alarmante, non só polo graves que son en si mesmos, senón tamén porque reflicten unha tendencia que nin o Goberno do Estado nin a Xunta de Galiza se negan a asumir e a atender.

Segundo os últimos datos oficiais, en Lugo os xubilados son o sostén de case o 40% dos nosos fogares. Este dato, demostra a gravidade da realidade social do interior de Galiza e ilustra o abandono do rural galego que veñen practicando PP e PSOE, -desde a Xunta e desde o Estado-, e que derivou na destrución das alternativas laborais que puidesen situar esas taxas de dependencia das achegas dos nosos pensionistas en cifras asumíbeis. E pon tamén de manifesto a importancia que as prestacións por xubilación teñen no noso país.

Repetidas son as conversas nas que se recontan as casas nas que non hai tantos anos nacían e residían máis de catro e cinco persoas. Eu que procedo dunha familia numerosa, sempre botei de menos ter un espazo propio, porque daquela era un soño. Trasladada aquela realidade a hoxe, curiosamente seguimos falando de espazos, pero agora de metros cadrados hipotecados e de núcleos rurais abandonados. Aquí tamén as estatísticas son tristemente teimudas. Nun moi elevado número de vivendas das parroquias e concellos de Lugo viven como moito tres persoas, na maior parte dos casos dúas e noutros só unha, en moitos casos de máis de 65 anos.

E por riba neste fogares tamén baixa o poder adquisitivo e sube o custe da vida. Sóbennos a luz, a auga, o butano,... e todos os produtos de primeira necesidade. E fronte a esta situación, os grandes debates redúcense as leas entre PP e PSOE sobre decisións xudiciais. O PP e o PSOE están máis empeñados en falar do que acontece en Madrid, en aplicar a técnica da confusión deseñada, que en falar dos problemas dos veciños no día a día e do que pasa nos nosos concellos. Todo se volven promesas abstractas e palabras grandilocuentes que nada nos din a quen as escoitamos. Que lle pode importar á veciña dos meus pais, viúva, sen fillos, que vive nunha pequena casa que pouco a pouco arranxaron ela e o seu home e que vive dunha pensión que non chega a 300 euros, quen se presenta ás eleccións polo mundo adiante?

A ela impórtanlle as cousas importantes, as vitais, as prioritarias para o seu día a día: que non lle suban a luz, que non reduzan máis a paga e que a sanidade, o médico e os medicamentos que ten que tomar sigan sendo gratuítos, porque senón non poderá pagalos. Pero na televisión, na radio e na prensa non aparece nada disto. Nesta semana santa só vimos procesións (u-lo o estado laico) e telenovelas sobre presos fuxidos e "eres" fraudulentos, como se só iso importase.

Estamos ante un proceso electoral no que estas serían as cousas das que habería que falar, do día a día de cada quen, de economía doméstica e non doméstica, do que nos está pasando ás mulleres con esta gravísima crise económica que nos volve a mandar para a casa, dos recortes en materia social, do que lle custa aos concellos prestar determinados servizos para os que non teñen medios, pero tamén do mal que se gastan os cartos públicos, do mal xestionados que están, da falta de iniciativa política de quen levan en moitos casos anos e anos desgobernando. Por iso é tempo de transformar as cousas, de poñer as bases para crear concellos que traballen de maneira conxunta por superar situacións que en moitos casos lles veñen impostas. E queixarse non vale de nada. Hai que deixar de lamentarse e actuar. Facer propostas en positivo e ignorar os localismos enfermizos que nos impiden avanzar.

Máis ca nunca, agora é tempo de que practiquemos o noso compromiso nacionalista. Cómpre que traballemos para rachar esa arañeira informativa que intenta agochar os problemas reais, os que vive e padece a maioría social deste país. Os datos, as estatísticas están aí. Pero o BNG ten alternativas claras, serias e realizábeis para comezar a modificar esas tendencias. Quédanos agora o labor de trasladarllas aos nosos veciños e veciñas. O país meréceo e necesítao.