A doce compracencia na barbarie
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de A Coruña resolve no mes de xullo que a retirada por parte do Pleno do concello desta cidade do título de fillo predilecto da cidade ao golpista Millán Astray non se axusta a dereito por ter sido concedido ese honor ao militar sublevado varios anos antes da Guerra Civil. O actual alcalde do PP declara a propósito que o Concello non recorrerá esa sentenza perante o Tribunal Superior de Xustiza porque a fundamentación xurídica da resolución é moi consistente. Poucos días despois, sabemos que o Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da mesma cidade tiña xa ditado no mes de maio outra resolución que se pronuncia en sentido contrario sobre o mesmo asunto verbo dun recurso presentado, neste caso, pola Asociación de Veteranos de la Legión.
Millán Astray, en 1936, cando se produciu o levantamento militar, encontrábase na Arxentina e regresou decididamente a España para incorporarse aos sublevados. Foi nomeado por Franco director de Propaganda, Prensa e Radio. A súa frase máis coñecida é ¡Viva la muerte! ¡Muera la inteligencia!, dirixida a Unamuno o 12 de outubro de 1936 no acto de exaltación do Día de la Raza no paraninfo da Universidade de Salamanca. Foi creador do mito do Caudillo e un dos máis firmes instigadores da proclamación do xeneral Franco como Xefe de Estado do goberno de Burgos. Fundador de Radio Nacional de España, a emisora do bando sublevado, converteuse no orador oficial durante guerra e a posguerra. Velaquí un fragmento da súa arenga pronunciada o día 6 de setembro de 1936 na praza coruñesa de María Pita: ¡Maldito el nacionalismo separatista que ha acabado para siempre! El que de vosotros tenga guardado en un recóndito pliegue de su alma algún odio a España será fulminado. España es una, es única [...] ¿Verdad que no hay más nacionalismo? (No. Contesta ao unísono a multitude). Muera el nacionalismo separatista. (Muera. Contesta a multitude). Los judíos moscovitas querían encadenar España para convertirnos en esclavos, pero hemos de luchar contra el comunismo y el judaísmo. ¡Viva la muerte! (¡Viva! Berra a multitude). Hermanos obreros, ¿creéis en mí? (Sí. Responde a multitude). Pues estáis perdonados de sufrir la pena de muerte los que no hayáis cometido crimen o traición [...] Marchemos siempre juntos en la nueva aurora de España. De paz y de justicia; pero hemos de luchar como legionarios contra el comunista, contra el judío. ¡Viva la muerte! ¡Viva la muerte! ¡Viva la muerte! (Unánimemente son contestados os tres vivas)." (La voz de Galicia, 9-IX-1936).
Feitos como estes de compracencia na barbarie son impensábeis noutros países europeos que sufriron ditaduras como Alemaña, Italia ou Portugal. No país de Hitler, a esvástica está prohibida pola constitución e os campos de concentración que non foron destruídos convertéronse en museos do horror onde acoden os escolares e neles os guías explícanlles aos visitantes a historia negra do seu país co obxectivo de que nunca se repita. Nin en Italia nin en Portugal tampouco quedan estatuas nin rúas cos nomes dos ditadores ou dos seus secuaces. En Francia, o mariscal Pétain, malia ter sido recoñecido como o Heroe de Verdún pola súa participación na Primeira Guerra Mundial, no ano 1945 foi xulgado polo delito de alta traizón como colaboracionista coa ocupación nazi e condenado á morte, á degradación nacional e á confiscación dos seus bens. A pena de morte seríalle logo condonada debido á súa avanzada idade e substituída pola pena de cadea perpetua. Como parte da degradación, foi tamén expulsado da Academia Francesa.
Sen embargo, aquí os bárbaros seguen a ocupar honores. O PP endexamais condenou o levantamento militar franquista. O día 11 de setembro de 2009, o daquela portavoz municipal do PP no Concello de A Coruña, e agora Alcalde, a propósito do recente acordo municipal que privaba a Millán Astray do título de fillo predilecto da cidade e acordaba a retirada da súa estatua dunha praza, declarou literalmente que "estamos hablando de un monumento a una persona que es un coruñés de pro de toda la vida". Quen pronunciaba esas palabras era daquela xefe da oposición municipal de A Coruña. Hoxe é alcalde por maioría absoluta, isto é, por recoñecemento dos cidadáns. Lembremos tamén que o primeiro presidente da Xunta de Galiza fora piloto da Lutwafe, a forza aérea da Alemaña da época nazi, e que outro presidente, cuxo mandato se prorrogou por maioría absoluta durante dezaseis anos, foi ministro de sucesivos gobernos de Franco desde 1962 a 1969.