A dignidade, a nosa mellor defensa

A dignidade, a nosa mellor defensa

Hai poucos días a opinión pública puido coñecer a existencia dunha demanda contra Galiza Nova que interpuxo a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. O presunto delito cometido foi facernos eco das queixas de membros da comunidade educativa en relación ao seu papel como docente do IES San Tomé de Vigo, onde imparte aulas de inglés e publicalas nun boletín que despois foi repartido ás portas de dito centro, a comezos do curso que acaba de rematar. Calquera persoa radicada en Galiza, con capacidade para ter unha mínima análise crítica sobre a realidade que vivimos, compartirá comigo que algo máis hai detrás dunha demanda que se presenta como restituidora dunha honorabilidade que nunca foi danada. Digo eu, que algo terá que ver quen a presenta, contra quen a presenta e en que contexto político e social se encadra este feito. E nisto non hai nada de inocente nin de neutral. Vaia por diante, que tampouco era neutral o voceiro, pois foi publicado por unha organización como Galiza Nova, que ten na defensa do galego entre a mocidade unha das súas principais loitas e que non lle doen prendas en criticar as prácticas aniquiladoras da nosa lingua.

Xa de antes, pero especialmente dende os anuncios da aprobación do Decreto do suposto plurilingüismo, que vén a substituír o 124/07, comezamos un intenso traballo nos centros de ensino para concienciar e mobilizar ao estudantado dos retrocesos que ía supoñer: tanto na adquisición da lingua propia de Galiza, como no mantemento de prexuízos e polo tanto dun comportamento diglósico entre a mocidade, que terían como consecuencia a mutilación do futuro do galego a través da nula recuperación de falantes entre a xente nova. Puxemos especial empeño sobre todo nas cidades, como ámbito máis desgaleguizado, impulsando diferentes actos e reunións como a celebrada no IES San Tomé, na que estudantes e profesores criticaron libremente as actitudes hostís da Señora Lago nas aulas, contra a lingua galega. A ninguén estrañou o testemuño do que alí se recolleu, pois non descubrimos ningunha idea diferente sobre a lingua, da que previamente esta señora fixera gala nas súas intervencións públicas. Malia isto, ao máis puro estilo inquisitorial preséntanos unha demanda por termos supostamente atentado contra ela tanto privada como laboralmente.

Confundir o máis puro exercicio da liberdade de expresión e opinión cun feito constitutivo de delito ou de deshonra debera servir, ademais de para estudo sociolóxico, para que reivindicásemos máis aulas nas que se ensinase en profundidade o sentido práctico de termos tan prostituídos como democracia, pluralismo ou liberdade. Se aproximadamente 1500 caracteres de crítica política motivan unha demanda pola que se piden 30.000 € en concepto de indemnización, cantos "quilos" de resolucións xudiciais (tanto en documentos como en cartos) debería suscitar a fachenda pública dun proxecto que ten como eixo central o ataque, a discriminación e a marxinación da lingua de Galiza vulnerando o máis elemental dereito de calquera pobo que é a vivir na súa propia lingua con normalidade?

Son das que acredita en que un ensinante debe impartir docencia pero tamén decencia no exercicio profesional. Atacar a lingua propia de Galiza, non absterse de emitir xuízos de valor sobre ela ou considerar discriminatoria a normativa lingüística existente en relación ao galego, baixo a xustificación da liberdade sería tan incomprensíbel e incoherente como quen recorre ás leis e á xustiza para se defender da opinión libremente expresada por mozas e mozos que discrepan das súas ideas. A teima contra o galego e a profunda xenreira que ten contra as e os que pensamos diferente, parece que cegan á presidenta de Galicia Bilingüe, ao non querer aceptar os valores macelados dos que se valeu cando tentou introducir un proxecto que non comparte a maior parte do pobo galego.

Que ninguén leve engano, estamos ante unha demanda claramente política. Con ela búscase criminalizar a todas e todos os defensores da lingua galega, a todas e todos os que queremos galego e erguemos a nosa voz clara e enérxica. Malia estar anunciado un Acto de Conciliación para o 1 de xuño, se a demandante non rectifica verémonos nun xuízo. Non lle temos medo. Agardemos que a xustiza actúe como un panzer alemán (aquí si), emendando o que o sentido común por si só parece que non é quen de facer.

Acostúmase a dicir frecuentemente que o futuro, do galego incluído, está na mocidade, pero a continuación semella como se non se acreditase na potencialidade das mozas e mozos de hoxe para dar esas batallas de xeito tan entregado como no pasado. Hoxe estase a librar un combate polo futuro da lingua galega especialmente no ensino, polo que significa de rectificación do proceso de colonización lingüística e cultural das futuras xeracións. Se é importante o traballo do profesorado implicado coa nosa lingua, reparade en como é de vital o compromiso daquelas/es estudantes máis conscientes que anonimamente sofren un combate corpo a corpo, cada día e en clara inferioridade nas súas aulas. E todo isto silandeiramente sen que pomposos columnistas se fagan eco nos artigos de opinión dos xornais.

Coa mocidade toparon e é a nós a quen queren neutralizar primeiro, pois se conseguen espirnos das roupaxes do pobo do que formamos parte, terían o noso corpo libre para enchernos a lategazos e dito sexa de paso gañar servís adeptos á súa loita en contra da existencia da nación galega. Se a señora Gloria Lago pensa que con esta demanda vai frear o traballo de apoio, colaboración, afiliación e mobilización que Galiza Nova desenvolve nos centros vólvese equivocar. Danos máis folgos aínda, tantos como para convocar a primeira mobilización, sen curso escolar de por medio, baixo o lema Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego. Participemos activamente, mobilicémonos e evidenciemos que a nosa dignidade colectiva é a mellor defensa que temos como pobo. Dignidade posta en acción por unha nobre causa, a da existencia de Galiza, que por certo... non hai cartos que a paguen.