20-N, Galiza e nacionalismo
Para o próximo día 20 de novembro están convocadas as eleccións as cortes do Estado (Congreso e Senado) nun contexto de crise profunda e nunha carreira desenfreada de recortes de dereitos sociais e laborais sen precedentes.
O primeiro que chama a atención nesta convocatoria é precisamente o día; non puideron escoller outro mellor para volver a axitar o "pantasma da dereita". Efectivamente, a socialdemocracia española consciente da perda de apoios, trata por todos os medios de que sexa a menor posíbel e, entre outros aspectos, vai axitar o "medo a dereita" para conter esa sangría de votos das persoas descontentas coa súa práctica. Xa o fixeron noutras ocasións (lembremos o famoso vídeo do doberman nas eleccións do 96) que, a falta de presentar un balanzo positivo para a maioría social, tratan de erixirse na autentica alternativa aos "cavernícolas da dereita" e o seu é o "voto útil" para poder manter o "estado do benestar e o progreso" pretendendo utilizar o sentimento no canto da razón.
Máis desta volta, e durante o último ano e medio, a socialdemocracia española demostrou a súa verdadeira faciana, converténdose no máximo representante do capitalismo máis ruín e depravado como é o neoliberalismo. A grande coalición PSOE-PP, que estiveron gobernando de feito durante este período, non ofrece ningunha dúbida do seu sometemento aos ditados dos especuladores, que pasaron do proceso de "queremos máis" a "querémolo todo", proceso ao que non se lle mira final a pesares dos múltiples retallamentos xa efectuados.
Nun escenario, onde o bipartidismo non esta tan polarizado pois o desgaste e a contestación social ás políticas do goberno do Estado acompáñao tamén a práctica do goberno da Xunta, que demostrou non so a súa incapacidade para cumprir as promesas electorais senón, tamén, de dar resposta ás necesidades da maioría social galega e esta instalado na pendente de maiores recortes, existen condicións obxectivas para que o nacionalismo galego poida recoller o voto de moitas persoas descontentas, tendo en conta que a maior caída electoral vai ser da socialdemocracia española, o que pode facilitar a recuperación do nacionalismo galego como opción transformadora.
Efectivamente, neste contexto as maiorías sociais están agardando a reacción e as propostas do BNG cara os principais problemas da sociedade; emprego, mellora dos servizos públicos, avance nos servizos sociais, mellores condicións laborais, etc.. e é esta unha boa oportunidade para facerse valer como unha opción distinta, que outro xeito de gobernar e de actuar non so é posíbel, senón que é necesario e viábel e que esta encarnado no nacionalismo galego, no BNG, e que leva tempo traballando na construción da Galiza e a prol da maioría social.
A nosa práctica é o mellor aval que temos e demostramos que si realmente se quere gobernar, si se quere traballar para resolver os problemas das persoas, máis cedo que tarde, estas entenderan que a única "alternativa útil" pasa por unha opción transformadora como é o nacionalismo galego. Así foi como logramos avanzar en tempos de maiores dificultades e logramos esa confianza que hoxe aínda non temos recuperado na súa totalidade.
Si hai unha coincidencia xeneralizada de que foi co BNG cando Galiza tivo voz no Congreso e no Senado, que somos os que mellor e máis defendemos ao noso País, onde esta o fallo da ecuación para que teña o traslado aos resultados electorais?. A maiores de cuestións externas, que son moi poderosas e teñen moita influencia, hai no noso comportamento, no noso xeito de transmitir efectos non desexados que dificultan a recepción das nosas propostas e teñen provocado unha desafección do noso electorado.
Debemos asumir que, diante do compromiso adquirido coa maioría das clases traballadoras e a bagaxe acugulada, nestas eleccións o BNG debe transmitir unha posición única, sólida, sen ambaxes, e demostrarlle á cidadanía, unha vez máis, que é necesario reforzar as forzas políticas propias, como é na Galiza o BNG. Estou convencido de que non so somos capaces, senón que tamén o desexamos como así o temos feito noutras circunstancias moito peores pero estabamos convencidos de que era o mellor para Galiza. Hoxe os vimbios están creados e so é cuestión de entrelazalos para transmitir esa imaxe de estabilidade e de compromiso, de forza e capacidade como o temos amosado ao longo destes anos. Debemos, pois, prescindir do que non é absolutamente esencial e concentrar todos os esforzos en afianzar as nosas posicións comprendendo as peculiaridades específicos destes momentos para acadar novas forzas.
Ese é o noso grande repto e demostrar, tamén, que a solución non pasa pola abstención, pois como diría aquel critico de teatro "os malos dirixentes son electos por bos cidadáns que non votan". No noso convencemento e capacidade vai depender a forza e a credibilidade da nosa mensaxe e dos nosos compromisos. e, polo tanto dos resultados nesta convocatoria e o futuro do noso País.