20-N: ELECCIÓNS XERAIS


O nacionalismo galego tardou 19 anos en ter presenza no Congreso dos Deputados. Desde 1977 até 1996 non houbo alí defensa dos intereses de Galiza nin unha visión do Estado e do mundo desde unha perspectiva galega. Non é unha esaxeración. Simplemente é constatar unha situación obxectiva, que tivo moi negativas consecuencias para o noso país. Galiza estivo ausente de debates fundamentais e da conformación dos deseños políticos, económicos e sociais, a comezar pola propia redacción da Constitución de 1978. Non foi menor o efecto negativo desta ausencia na agudización da idea de Galiza ser unha parte de España sen relevo nin perfil político algún. Os representantes, electos por circunscricións electorais galegas, en consonancia co papel que os seus partidos asignaban a Galiza, non fixeron máis que consolidar a visión subordinada, a desconsideración polos nosos problemas, sempre ausentes. Polo tanto, o acceso do nacionalismo en 1996 ao Congreso significou, por fin, se ben que moi tardiamente, a oportunidade para, malia os límites da política parlamentar, comezar un camiño de mudanza de tanta ignorancia e cómoda discriminación do pobo galego por parte dos sucesivos gobernos do Estado.

O percorrido do BNG desde 1996 até hoxe, 15 anos, nas Cortes Xerais, pode e debe ser avaliado de forma moi positiva. Tampouco é esaxeración aseverar que, malia a súa modestia cuantitativa, a súa continua iniciativa e intervención fixo da representación do nacionalismo galego unha das máis dinámicas e laboriosas, cunha presenza e incidencia práctica moi superior á que cabería esperar. Facemos esta valoración, porque é contrastábel con só entrar na información que os Diarios do Congreso e do Senado fornecen a través das súas páxinas en internet, alén de non poder ser negada polos grupos políticos españois que controlan a maior representación electoral de Galiza nesas cámaras. Mais cómpre precisar, mesmo enumerar, cais foron as consecuencias desta presenza para calibrar a súa importancia. Comezaremos por dicir que Galiza como pobo definido, con lingua e cultura propia, tivo a través do BNG a súa expresión constante, de forma que xa non foi posíbel que as cesións feitas a outras "nacionalidades" desde competencias estatais en materia lingüística, por exemplo, non acabasen por estenderse a Galiza. Por exemplo, se hoxe a denominación oficial das provincias da Coruña e de Ourense é conforme á toponimia orixinaria é grazas ao BNG, que se preocupou de que a iniciativa do Parlamento galego non caese en saco roto.

Non houbo problema, en calquera dos sectores básicos da economía galega, que non acabase tendo reiterada presenza nos debates parlamentares e nas mocións aprobadas, a través do tesón do BNG. Desde 1996 nin o PP nin o PSOE puideron actuar xa nas Cortes Xerais coa mesma indolencia e indiferenza respecto de Galiza. As súas posicións estiveron condicionadas sempre pola actuación do BNG. Moitas veces para vérense obrigados a asumir as demandas do pobo galego, outras, para facelo só aparencialmente, e, en ocasións, para ficaren ao descuberto os seus deseños discriminatorios. Se algúns deputados e deputadas destes partidos comezaron a interviren nos debates foi para fixaren posición perante as iniciativas do nacionalismo galego, para daren a impresión de que tamén eles se preocupaban do país.

O cambio producido non foi cualitativo en canto ao papel de Galiza no conxunto do Estado. Aínda segue tendo un papel preponderante o bipartidismo español na Galiza, alén de que esta mudanza esixe modificacións estruturais tanto no modelo institucional do Estado como do sistema económico e social. Porén o cambio cuantitativo está á vista. Por primeira vez, Galiza, malia aos deseños elaborados orixinariamente tanto polos Gobernos do PP como tamén, inicialmente, polo PSOE, non ficou á marxe dos grandes planos de infraestruturas, nomeadamente as ferroviarias. Especialmente nos 6 últimos anos, os investimentos contemplados nos orzamentos do Estado para Galiza tiveron certa correspondencia coas necesidades. O papel negociador do BNG, propiciado polas circunstancias concretas da aritmética parlamentar, foi crucial. Sen el non se tería producido esta asunción de que Galiza debía ser destinataria de parte dos orzamentos públicos en consonancia coa súa poboación e as súas necesidades. Certo que nós non fixemos a planificación dos investimentos nin os modelos de infraestruturas, en grande parte, con deficiencias derivadas de seren concesións de mala gaña e moitas veces adaptadas a intereses das grandes construtoras.

O BNG optou sempre por defender nas Cortes unha concepción do Estado democrática e polo tanto acorde coa súa diversidade nacional, cultural e lingüística. Foi sempre activo e solidario coas demandas de avance no camiño de lograr un autogoberno merecente de tal nome por parte do pobos que integramos o Estado. Esta visión nacionalista fundamentouse sempre na defensa das clases populares de Galiza e dos dereitos do pobo galego como tal. En lóxica consecuencia, as posicións do BNG en materia de dereitos sociais e laborais, dereitos civís, política fiscal e económica, en xeral, foron sempre as máis avanzadas das que se expresaron no Congreso dos deputados durante estes anos. Especialmente, desde o momento en que a crise económica se fixo máis evidente e o goberno do PSOE e a suposta oposición do PP articularon toda a batería de medidas involutivas, regresivas, contra as maiorías sociais, a oposición máis xenuína, a máis contundente correu por conta do BNG. Non é difícil constatar, na dialéctica parlamentar, nas distintas iniciativas e posicións, que o nacionalismo galego é a única esquerda merecente de tal nome, sobre todo se atendemos á exixencia de responder ás estratexias e tácticas necesarias para a emancipación do pobo galego, á vez que contribúe a favorecer a evolución a favor da igualdade social e económica no conxunto do Estado e unha orde internacional xusta.

As eleccións do 20-N vanse celebrar nun contexto de grave crise económica e social, e de deslexitimación da política democrática, alentada desde grandes medios de comunicación dos poderes oligárquicos. Naturalmente esta deslexitimación, aparentemente xustificada polos excesos e incoherencias do bipartidismo dominante, paradoxalmente quere estenderse a toda proposta política alternativa, como se todos representásemos o mesmo. Non hai que advertir que todo descrédito da política persegue instaurar outra política que non ten por que ser alternativa nin substancialmente diferente. Simplemente pode consistir en debilitar aínda máis o papel das institucións democráticas e facer máis absoluto o control dos grandes poderes económicos.

En toda a parte, pero de maneira moi especial na Galiza, o control mediático é maior que nunca. A desconsideración e anulación informativa do traballo institucional e social do nacionalismo acada cotas nunca vistas. O despiste e confusión da sociedade é un obxectivo fundamental para os que pretenden levala á resignación perante as medidas que, en nome da austeridade e do control do gasto público, se están aplicando para favorecer o capital financeiro e industrial, ao tempo que se recentraliza o Estado. A Unión Europea aparece descarnadamente como un mercado oligopólico, ao servizo do cal as institucións se deitan con descaro, ditando normas que non fan máis que agravar a crise en contra das clases populares, nomeadamente na periferia do sistema, á que Galiza pertence. No noso caso a crise actual non fai máis que afondar a estrutural que vimos padecendo desde o ingreso na Comunidade Económica Europea. Non é casual que o nacionalismo galego mantivese sempre unha posición crítica con este modelo de Unión Europea que nin é democrático, nin está artellado para beneficio de todos os pobos que a forman, nin cumpre un papel activo a prol da convivencia pacífica a escala internacional.

Vainos a vida, pois, en reforzar a presenza do BNG nas Cortes Xerais. Á vista do actual contexto, e perante as moitas reformas que en todas as ordes se aveciñan, o nacionalismo galego ten que estar en disposición de continuar con máis enerxía e forza o traballo realizado. É a única garantía de que estea alí representado o pobo galego. É a única garantía de que haxa unha perspectiva galega de como solucionar os problemas do Estado e da Unión Europea con modelos verdadeiramente alternativos. É unha voz imprescindíbel para unha visión da política internacional claramente antiimperialista. Este é o voto máis útil na Galiza, a alternativa que nos defende. A que por ter o epicentro no noso país, sírvenos a nós e por iso redundará nunha evolución política verdadeiramente democrática no Estado español. Non esquezamos que, sen o BNG, a práctica omisión e anulación de Galiza sería un feito na política española. Non hai máis que mirar a base informativa do Congreso e do Senado. Se nós non miramos por nós mesmos, ninguén o vai facer, moito máis en momentos tan críticos. Isto si que está palmarmente constatado na política española desde que hai eleccións democráticas. O avance electoral do BNG é, pois, o obxectivo prioritario neste momento. E este avance depende só do esforzo dos sectores sociais que teñen claro xa ou aos que podemos clarificar a vital importancia da nosa presenza nas Cortes.