X aniversario do golpe de Estado petroleiro

X aniversario do golpe de Estado petroleiro

O anuncio de Chávez de nomear como sucesor o ministro de Exteriores, Nicolás Maduro, debido ás complicacións da súa doenza, coincide co X aniversario do inicio do segundo intento de golpe de Estado contra o seu goberno, cunha folga da dirección da empresa estatal de petróleo, Petróleos de Venezuela Sociedad Anónima, Pdvsa, que paralizou o país 63 días.

Un golpe desde dentro do Estado

Dous intentos de golpe de Estado sufriu Chávez. O primeiro o 11 de abril de 2002 e o segundo, en decembro do mesmo ano, coa folga patronal e o peche de Pdvsa.

O 2 de decembro de 2002, oito meses despois da derrota do primeiro golpe de Estado patronal-militar, a oposición comezou un «paro cívico nacional»; un paro patronal que tiña dúas únicas exixencias: a renuncia do presidente e a convocatoria de eleccións, coa prohibición expresa da presentación como candidato de Chávez.

A patronal, Fedecámaras[i] o sindicato Central de Trabajadores de Venezuela[ii] (CTV) e a dirección da principal empresa estatal Petróleos de Venezuela[iii] S.A. (PDVSA) iniciaron a folga coas imaxes do apoio da tripulación do tanque de Pdvsa Pilín León[iv] e o posterior seguimento de toda a frota de tanques encargados de exportar o petróleo, única fonte de divisas do Estado venezolano.

A alianza contranatura entre a patronal e o principal sindicato do país non era abondo para exixir a renuncia dun presidente con amplo apoio popular nas rúas e lexitimado polas urnas. A verdadeira medida de forza era a paralización da vida económica do país, suspendendo a produción de petróleo e a distribución dos seus derivados, impedindo xa que logo a distribución de gas (non se podía cociñar), a distribución de gasolina (paralización de todos os transportes, alimentos, distribución e produción de menciñas, funcionamento normal de fábricas, colexios, hospitais, etc…) e a paralización da extracción e exportación de petróleo coa conseguinte falla de entrada de divisas e o estrangulamento das importacións[v].

Tanto o primeiro golpe de Estado (11 de abril de 2002) coma o segundo (2 de decembro de 2002) son artellados pola dirección da compañía estatal Pdvsa. Durante os anos anteriores á aprobación da Constitución bolivariana en 1999, a chamada IV República, Pdvsa foi un feudo apartado do Estado que, con vida autónoma, vivía un sistema autoimposto de apartheid económico en que os seus directores tiñan rango de ministro e o seu presidente administraba un orzamento igual de importante (ás veces maior) que o do Estado venezolano. É dicir, Pdvsa de feito funcionaba como unha empresa privada dirixida por unha clase tecnocrática que se autoelixía nos cargos e perpetuaba o seu poder na empresa de costas á maioría da poboación venezolana. O poder da empresa chegou incluso a impoñer ao Estado venezolano a diminución da contribución fiscal de Pdvsa[vi].

A chegada ao poder de Chávez rematou este sistema de apartheid económico e social para pór a riqueza xerada por Pdvsa ao servizo da poboación, por medio das chamadas Misiones que pasaron a ser financiadas por Pdvsa.

Por que Pdvsa?

A maior resistencia ao proceso de cambios impulsado polo goberno revolucionario bolivariano, até xaneiro de 2003, veu da xerencia de Pdvsa.

As intencións de redistribución dos ingresos petroleiros non eran unha sorpresa para a dirección de compañía petroleira, xa antes de gañar as súas primeiras eleccións Chávez. Coñecedor das súas intencións, o presidente de Pdvsa Luis Giusti (1994-1998) inicia unha campaña[vii] chea de falsidades para tentar privatizar a compañía estatal antes de que Chávez gañase as súas primeiras eleccións en 1998.

Moitos dos presidentes e directores de Pdvsa entraron ou tentaron entrar en política, sobre todo ante a inminente chegada de Chávez, e posteriormente representaron a cara visíbel da oposición. O propio Giusti ou Humberto Calderon Berti tiveron ambicións presidenciais e o líder da folga patronal e da xerencia en folga de Pdvsa, Juan Fernández, unha vez fracasada esta, abriu unha páxina na internet para recoller apoios, que resultaron infrutuosos, para a súa futura candidatura presidencial.

A derrota da folga, despois de 68 días, permitiu a reorganización de Pdvsa[viii] así como a derrota dos golpistas do 11 de abril de 2002 permitiu a reorganización da xerarquía do exército venezolano.

Consecuencias económicas da folga petroleira[ix]

As perdas por vendas non realizadas alcanzaron os 11,029.06 millóns de euros aproximadamente, coa conseguinte diminución de 7,641.27 millóns de euros na capacidade contributiva de Pdvsa á Facenda venezolana. Isto anulou a capacidade do Goberno revolucionario para cumprir o seu programa de Goberno.

O Produto Interior Bruto (PIB) venezolano, que viña subindo un 3,4% en 2001, rexistrou unha caída de -15,8 % durante o cuarto trimestre de 2002, e de -24,9%, durante o primeiro trimestre de 2003, é dicir, un -40,7. Na industria petroleira a caída do PIB foi de 25,9% e 39,3% respectivamente.

Nunca na historia económica de Venezuela se perderan tantos postos de traballo. Foron despedidas 460 mil persoas, e a taxa de desemprego pasou do 13 en 2001[x] ao 16,6% en 2002 e 16,7% en 2003, rachando a diminución progresiva do desemprego, que hoxe atinxe a un 7,35% da poboación.

A inflación subiu do 12,3% en 2001 ao 31,2% en 2002 e 27,1% para 2003 e a pobreza pasou dun 39% no segundo semestre de 2001 até chegar a un 48,6% en 2002 e un 55,1% en 2003.

Rexistrouse, asemade, unha contracción nas reservas internacionais en divisas e no Fondo para a Estabilización Macroeconómica, que obrigou ao Goberno revolucionario, conxuntamente co Banco Central de Venezuela, a estabelecer un sistema de control de cambios, para atenuar os efectos negativos sobre a economía venezolana, control de cambio que aínda se mantén en 2012.


Para saber máis verbo a maior sabotaxe á industria petroleira venezolana:
Publicidade televisiva opositora durante a folga patronal-petroleira de 2002.
Petróleo subversivo. Mommer, Bernard.



[i]
Presidida polo asturiano Carlos Fernández despois da detención do seu presidente por dous días, Pedro Carmona Estanga.
[ii]
Presidida polo hoxe prófugo, condenado a 16 anos de cadea, Carlos Ortega.
[iii]
Cuxo voceiro era o enxeñeiro de orixes galegas (Cambre) Carlos Fernández.
[iv]
Nome dunha ex Miss Mundo venezuelana que participou mediaticamente no intento de tirar a Chávez do poder. Na actualidade reside «autoexiliada» en Barranquilla, Colombia.
[v] Venezuela viuse na obriga de importar gasolina do Brasil e contratar técnicos petroleiros paquistanís e hindús para substituír os cadros técnicos en folga.
[vi]
Tomando como causa a necesidade de recuperar niveis satisfactorios de reservas probadas, moi baixas cando se nacionaliza a industria petroleira en 1975, permitiuse que PDVSA non pagase dividendos ao seu único accionista, é dicir, o Estado venezuelano, durante varios anos. A exoneración mantívose até 1994, ano da peor crise económica e bancaria en Venezuela, en que quebraron 17 institucións financeiras, e obrigou ao Goberno de Rafael Caldera a exixir a Pdvsa o pagamento dos dividendos.
[vii]
«Aún existen sectores en el país que se oponen a una privatización de Pdvsa, pero en cualquier caso se están dando los pasos correctos para hablar en un futuro del tema» Luis Giusti en Economía Hoy, 26 de xaneiro de 1998, páxina 16 e entre outros artigos a prol da privatización de Pdvsa, Un sueño truncado por Luis Giusti, El Nacional, 24 de febreiro, 2002, páxina A/4
[viii] Foron despedidos 18.756 altos funcionarios e traballadores de Pdvsa. Máis de 460.000 traballadores no país perderon os seus traballos debido á paralización da actividade económica por falta de combustíbel.
[ix] Fonte Banco Central de Venezuela. [x] En 1999, un ano despois da entrada de Chávez ao poder, a taxa de desemprego era dun 15,3%. INE da República Bolivariana de Venezuela