Unha nova etapa na vida de México

Unha nova etapa na vida de México

A lexislación mexicana fai que a toma de posesión como Presidente da Unión de Estados mexicano de Andrés Manuel López Obrador (AMLO) se produza cinco meses despois da súa impresionante vitoria electoral, unha vitoria que mudou radicalmente a correlación de forzas nas distintas institucións do estado mexicano.

A nova situación e os niveis de apoio obtidos supoñen unha grande responsabilidade para AMLO; nas súas mans o povo mexicano puxo a posibilidade de iniciar un novo camiño, un camiño que mude radicalmente a realidade dun inmenso estado que desde hai anos é un exemplo de estado falido.

A situación límite na que están millóns de mexicanos e mexicanas e a teimosía de AMLO levaron a que nas súas mans se depositara a esperanza de parar a degradación, o espolio, o asasinato e a destrución, para iniciar a construción dun México máis xusto e soberano.

Non sendo un revolucionario podemos considerar que as propostas de AMLO supoñen unha verdadeira revolución nun estado como o mexicano, pois na súa proposta de refundación de México quere condensar o esforzo das décadas de loitas que teñen remataron en derrotas.

Ademais a Coarta Transformación na que centrou a súa campaña declárase continuadora directa do proceso independentista contra España, das reformas de Benito Juárez e da revolución mexicana; tres momentos chave que supuxeron profundas transformacións na vida dos mexicanos e as mexicanas.

Deberemos acompañar con atención os primeiros pasos do novo goberno mexicano, dado que esa grande esperanza que se abre ten enfronte a toda a estrutura dun estado totalmente corrupto, ás empresas transnacionais que dominan a súa economía, aos carteis da droga e as súas conexións directas co exército e coas bandas paramilitares, ao poder financeiro internacional; e sobre todo ao veciño do norte que nas últimas décadas por medio do Tratado de Libre Comercio conseguiu converter México nun exemplo de como quere que sexa o seu “patio traseiro”.

Fronte a estes inimigos AMLO debe proceder a transformar esa inmensa esperanza que a xente depositou nas súas mans en apoios reais, apoios que impulsen as políticas transformadoras e que as defendan na rúa, pois a maioría parlamentar coa que conta é moi fráxil, ao non contar cun movemento social forte que actúe como cómplice das decisións políticas.

Xa se están dando algúns pasos pero é de extrema urxencia articular os apoios; outros procesos políticos que se teñen dado en América Latina nos últimos tempos contaban ou contan con importantes ferramentas de loita social, pero en México a articulación de forzas sindicais, políticas, de povos indíxenas..., está aínda por construír.