Un mártir molesto: San Romero de América

Un mártir molesto: San Romero de América

O arcebispo Romero saíu con bágoas da entrevista co papa Wojtyla. Non entendía nada. Pouco sospeitaba que a CIA tiña perfectamente informado a Xoán Paulo II da súa conduta. Acababa de amosarlle ao papa fotos de torturas, asasinatos e unha carpeta chea de informes sobre a represión: -Déixese de papeis, xa dixen que non me traian papeis, non teño tempo para lelos! Vostede o que ten que facer son as paces co goberno do Salvador!-foi a reacción do papa.

Uns meses despois, o 24 de marzo de 1980, o arcebispo Romero caía asasinado polos Escuadróns da Morte creados polo fundador de ARENA, (o partido no goberno do Salvador durante máis de 20 anos) o maior Roberto d´Aubuisson.

Cúmprense 30 anos do martirio, e da brutal represión que acabou coa vida duns 100.000 salvadoreños a mans dos distintos gobernos militares, aos que o Pentágono subvencionaba con 500 millóns de dólares anuais, para combater a guerrilla marxista. Algunha razón debían levar pois houbo que esperar a que un presidente da república e ex-guerrilleiro da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional, Mauricio Funes, proclamara o 24 de marzo como día Nacional de Monseñor Romero. Por vez primeira o goberno Salvadoreño recoñeceu a súa participación na morte de Romero, e dos xesuítas da UCA, e de milleiros de campesiños, estudantes, profesores, sindicalistas...o mellor dun pobo. Ata o momento nin unha palabra, a pesares do clamor popular que canonizou a Romero sen permiso de Roma: San Romero de América. O maior d' Aubuisson foi condenado nos EE.UU polo crime, pero non cumpriu ningunha pena, morreu aos 48 anos dun cancro e o goberno de ARENA ergueulle monumentos e nomeouno fillo de...do Salvador.



Agora que a Igrexa católica anda emporcallada cos pederastas non lle viña mal virar cara aquel a quen deron as costas. Hai un proceso de beatificación aberto pero que non avanza, desconfían porque monseñor falaba cos comunistas. Seguramente Xoán Paulo II, que protexeu e bendiciu ao gran pederasta Marcial Maciel, fundador dos Lexionarios de Cristo, acadará a canonización coma un foguete. A igrexa española prepara outra batería de mártires da Guerra Civil para os próximos meses. Hai mártires e mártires.

Trinta anos despois o capitán Álvaro Saravia, lugartenente de d' Aubuisson, condenado nos EE.UU e agachado nalgún país latinoamericano rompe o silencio: "o tirador saíu do equipo de Mario Molina, fillo do presidente da república Arturo Armando Molina. Eu puxen o coche, un wolkswagen Passat de cor vermella e o meu chofer, Amadeo Garay. Falo agora porque os meus fillos me miran coma se fora Hitler..."

Non sabemos se Saravia estaba tamén detrás dos francotiradores que o domingo de Ramos dispararon sobre a multitude que asistía ao funeral de Romero, desde as terrazas do Palacio Nacional, deixando ducias de mortos.

Milleiros de persoas en todo o mundo fixeron nesta xornada memoria de San Romero de América como o denominou o tamén bispo combativo, Pere Casaldáliga, desde a selva brasileira do Araguaia. No vaticano, na audiencia dos mércores, Bieito XVI non fixo ningunha alusión a este mártir incómodo que deixou dito:

"Unha Igrexa que non sufra persecución, senón que goza dos privilexios e o apoio da burguesía, non é a Igrexa de Cristo (...) Cando damos pan a quen ten fame, din que somos santos. Se preguntamos por qué non teñen pan chámannos comunistas e ateos. Pero hai un ateísmo máis próximo e perigoso: o ateísmo do capitalismo(...) De que serven fermosas autovías e aeroportos, fermosos edificios de grandes vivendas, se están amasados co sangue dos pobres que endexamais gozaran deles?" (homilías, fragmentos)"