Un ano para consolidar un futuro novo

Un ano para consolidar un futuro novo

Neste ano que da aínda os seus primeiros pasos, Latinoamérica deberá afrontar catro procesos electorais que, con especial incidencia nas presidenciais mexicanas, poden consolidar unha viraxe á esquerda en todo o continente que entre outros, reflectido nesta nova visión da economía, permitiu que entre grandes contraccións do sistema económico a nivel mundial capeara case sen despeitearse o temporal.

A materia pendente, e por iso a necesidade de que máis países se integren neste novo bloque, e o fomento dunha integración máis consistente, non tanto no ámbito político, mais si no social e comercial, beneficiándose dun mercado interno en constante crecemento e reducindo a dependencia dos tratos cos EUA e con Europa sobre todo das exportacións de materias primas.

Outro dos elementos que rematará por debaterse dentro de non moito tempo e a necesidade de dotarse de políticas comúns para enfrontarse como mínimo en igualdade de condicións aos inversores internacionais, é dicir, a pesares da nacionalización dos recursos naturais en Venezuela e Bolivia -outro tanto co caso do petróleo en Noruega- e de garantir o dereito do pobo a beneficiarse en conxunto dos seus beneficios, as compañías internacionais continúan a invertir, porque aínda que en menor medida que antes, pero seguen tendo a capacidade de extraer beneficios da súa inversión; namentres, en Colombia ou Perú,
cunha economía centrada na extracción e cunha lexislación moi beneficiosa para os intereses do capital, témese un troco de modelo argumentando precisamente a imposibilidade de manter esa inversión e os danos que podería causar a economía, de alí xurde esta necesidade dun organismo efectivo común que permita aos países máis dependentes facer valer os seus dereitos no proceso de transformación a unha economía cada vez máis social.

Todo isto resume a importancia de que neste contexto, a esquerda -e todo o seu campo de influencia- acade novas cotas de poder, con fin de seguir tecendo cada día máis alternativas ao capitalismo mundial, os dous primeiros países en chegar as furnas neste caso, son O Salvador, en marzo, e a República Dominicana, en maio.

O Salvador

A dous anos e medio da chegada de Mauricio Funes o poder no Salvador, en representación do Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional, converténdose no primeiro presidente de esquerdas da pequena nación centroamericana, e relevando no goberno ao ARENA (Alianza Republicana Nacionalista), formación de extrema dereita que controlou o poder político dende a firma da paz en 1992 no Castelo de Chapultepec, o país achégase a unhas eleccións lexislativas e municipais en marzo que poden reafirmar o FMLN no poder de cara as presidenciais do ano próximo ou permitirlle ao ARENA rehabilitarse do retroceso electoral do 2009.

Este tempo, que deixou a Funes como un dos presidentes máis respectados da rexión tanto dentro coma fora d'O Salvador, saldouse cunha redución da pobreza do 1.3% anual, dado que aínda tímido, reflexa un troco de tendencia con relación o aumento das desigualdades socioeconómicas que se viña rexistrando no pasado, todo isto no medio de catástrofes naturais como as chuvias do pasado mes de outubro, con 20 mil evacuados e 900 millóns de dólares en danos materiais, ou o aumento dun 94% no prezo do trigo e un 64% no do millo, cun efecto potenciado pola dependencia das importacións produto de políticas dos pasados gobernos.

A mellora das condicións de vida da metade da poboación que vive por debaixo do nivel da pobreza constituíu un dos eixos principais do goberno do FMLN, acadando que a auga potable chegara a un 81.8 % dos cidadáns dos 32 municipios máis pobres, 20 puntos máis que hai cinco anos, ou a acción do Programa de Axuda Temporal ao Ingreso, que atende a 56 mil mulleres xefas de fogar e sen emprego.

No eido da educación puxéronse en marcha dous dos programas mellor valorado polo pobo, a entrega de uniformes e útiles escolares e a instauración da alimentación escolar en tódolos centros do país, reducindo un 8% a deserción escolar nos cen municipios máis pobres e aumentando un 4% a matriculación escolar, mentres que a cobertura médica medrou 30 puntos dende a pasada década.

Se ben aínda falta moito camiño para poder mudar a estrutura da base económica salvadoreña, a progresiva inclusión de grupos ate o de agora marxinados no mercado de consumo, xunto a un aumento lento pero asentado do nivel de vida e o acceso laboral están debuxando un novo panorama, afianzado con programas como o recoñecemento da propiedade da terra, que pretende entregar ate 2014 90 mil títulos de propiedade nas áreas rurais.

A problemática máis grave no Salvador é o auxe dunha violencia que persiste desde a guerra civil e que deixa unha das taxas de homicidios máis alta do mundo, 62 habitantes de cada 100 mil entre 2004-2009, e que a dereita lle botou en cara a Funes coa publicación dun informe da ONU, que sen embargo abarca so os gobernos de Francisco Flores e Elías Antonio Saca, do ARENA, e aínda que as enquisas igualaron as preferencias e incluso puxeron a dereita por
diante nos derradeiros meses tras unha vantaxe relativamente cómoda do FMLN que acadou os dez puntos nas lexislativas, agárdase unha vitoria axustada da esquerda upada pola popularidade de Funes, que depende dun importante bloque de indecisos pero case sen posibilidades chegar a maioría absoluta nas eleccións do 11 de marzo.

A pesares de non acadar a maioría absoluta no parlamento unha maioría
cómoda por diante do ARENA permitiríalle levar adiante trocos significativos no ámbito lexislativo dende unhas condicións máis favorables; namentres nas eleccións municipais a esquerda atópase seis puntos por diante a nivel nacional, con maior incidencia nos municipios máis pequenos e case sen posibilidades nas cidades máis grandes, no caso de San Salvador, por exemplo, o ARENA avantaxa en 40 puntos ao FMLN.

República Dominicana

Xa o 20 de maio, celébranse as eleccións presidenciais en República Dominicana, o país que ocupa dúas terceiras parte da Illa de A Española atópase no medio de fortes contrastes, mentres a economía capeou a crise mundial case sen dificultade, medrando o 6% o pasado ano, o desemprego e o máis alto do continente, limitando co 20% da poboación activa, e inclusive dentro dos empregados máis da metade pertence o sector informal.

Un dos elementos que limita o acceso a maiores ingresos e a una mellor calidade de vida é a reducidísima inversión en educación, o 2.5% do PIB, menos da metade da media rexional, deixando a un 50% dos estudantes sen cobertura escolar na etapa secundaria e cun déficit de 700 mil vivendas.

Aínda nun contexto tan difícil non se agarda que estas eleccións vaian significar grandes trocos, dado que os dous grandes partidos dominicanos, o Partido de Liberación Dominicano, que postula a Danilo Medina, e o Partido Revolucionario Democrático, que representa Hipólito Mejía, ambos fundados por Juan Bosch enmarcaríanse no centro-esquerda e a socialdemocracia, defendendo posición moi similares que en boa parte do mundo estarían integradas nunha soa
organización política.

A República Dominicana tamén chegaron as privatizacións dos noventa,
sendo vendidas nos catro derradeiros anos da década todas as empresas estatais, durante o primeiro goberno de Leonel Fernández, que ocupa neste intre a presidencia, e esta e precisamente unha das maiores preocupacións da poboación, que namentres a corrupción se move as súas ancas, os líderes políticos continúan tornándose os cargos entre as elites de poder, sen ir máis lonxe, Medina e Mejía xa competiron nas eleccións presidenciais do 2000, resultando naquela ocasión vencedor o segundo.