Un ano para consolidar un futuro novo (e II)

Un ano para consolidar un futuro novo (e II)

Xa superando o ecuador deste 2012, terán lugar os outros dous comicios
que se celebrarán o longo de ese ano en América Latina, en xullo serán
os mexicanos os que elixan os seus representantes, mentres que en
outubro será a quenda para os habitantes de Venezuela, sen dúbida,
estes dous procesos electorais son os que a nivel continental terán
unha maior repercusión pola importancia a nivel económico, político e
ideolóxica destes dous países.

México

Nos Estados Unidos Mexicanos o 1 de xullo é o día no que se elixirán
amais do Presidente da República, 128 senadores -que coma o presidente
contarán cun período de 6 anos- e 500 deputados que lexislarán durante
3 anos, nun proceso que deu comezo o 7 de outubro do pasado ano tendo
en conta o tempo necesario para a celebración das primarias ao interno
dos partidos partidos.

Máis dunha década despois da chegada por primeira vez da dereita a
Presidencia, rachando 71 anos de goberno do Partido Revolucionario
Institucional (PRI) por medio de Vicente Fox, e cunhas eleccións
gañadas con demasiados indicios de fraude no camiño, tódolos indicios
apuntan a unha derrota do dereitista Partido de Acción Nacional (PAN)
nos próximos comicios, froito sobre todo dunha estratexia militar de
loita contra o narcotráfico que deixou dende 2006, ano da chegada a
presidencia de Felipe Calderón, máis de 50 mil mortos.

A nivel económico o Tratado de Libre Comercio de Norteamérica (NAFTA)
continúa a lastrar a economía mexicana, minimizando as oportunidades
dos traballadores e obrigándonos a acepta-las condicións impostas
polas empresas de Estados Unidos, asemade, a crise e as medidas
proteccionistas tomadas por este último país agregan novas
dificultades no eidos económicos máis sensíbeis das clases
socieconómicamente máis desfavorecidas, coma o prezo dos alimentos e
do transporte público.

Todos estes elementos expoñen un panorama moi difícil de xustificar
para a dereita, que ve como os sondaxes deixan a Josefina Vázquez 15
puntos debaixo do candidato do PRI, Enrique Peña Nieto, pola contra, o
candidato da esquerda Andrés Manuel López Obrador, do Partido
Revolucionario Democrático, ex alcalde do Distrito Federal que foi
derrotado fraudulentamente nas pasadas eleccións, so acada o 17% das
preferencias de voto, previsiblemente, estes dados sufrirán varias
modificacións dende o 30 de marzo, día no que oficialmente comeza a
campaña.

Aínda que neste momento as eleccións atópanse nun momento coñecido
como intercampaña, nas que os candidatos teñen prohibido aparecer en
mitins ou facer anuncios nos medios de comunicacións, a fortaleza do
candidato do PRI dende fai meses converte a recuperación dese
porcentaxe, contando ademais que están convocados 80 millóns de
votantes as furnas, nunha tarefa case imposible, por isto e mais co
acaecido nas pasadas eleccións, tanto PRI como PRD protestaron tras
declarar Felipe Calderón nunha reunión con banqueiros afíns que a
pelexa pola presidencia sería "moi estreita", erguendo as sospeitas
pola posibilidade dun novo fraude.

Nesta ocasión, a esquerda ten moi difícil repeti-los resultados das
pasadas eleccións, quedando probablemente como terceira forza, a
vitoria do PRI aínda que non traerá apenas modificacións a nivel
económico, sí que reducirá o impacto da guerra contra o narcotráfico,
sen ceder pero cun novo enfoque, mentres que no tocante a política
exterior se ben continuará a depender de Estados Unidos sí podería
traer unha visión máis ampla e unha relación máis próxima cos
gobernos de esquerda, neste momento a maioría dos de América Latina.

Venezuela

Cando xa este resolto quen ocupará os próximos seis anos a residencia
oficial Los Pinos, dará comezo a campaña electoral en Venezuela, unha
vez perfilado tralas primarias abertas celebradas fai dúas semanas pola
oposición, que deparou a elección de Henrique Capriles Radonski,
Gobernador do rico estado de Miranda como o candidato da oposicións
-representada pola Mesa de la Unidad Democrática- a enfrontarse con
Hugo Chávez.

Dúas cuestións centrarán a campaña electoral do vindeiro outubro, a
principal a nivel social e o auxe da violencia, un dos principais
peros que se pode achacar a Hugo Chávez nos seus anos de goberno, e
que se ben resposta a unha realidade que afecta a todo o continente, e
que fai medrar as cifras de crimes por toda América Latina, tivo unha
especial incidencia no caso venezolano, convertendo a Caracas nunha
das cidades máis perigosas do mundo.

Pola outra banda a recaída de Hugo Chávez, que será operado nos
próximos días, abre unha serie de escenarios hipotéticos que fan máis
difícil ca nunca prever o que pase de aquí a outubro, isto non evita
que incluso parte da oposición exista certa percepción de que Chávez
de presentarse posiblemente conseguirá un novo mandato, pero tamén se
han de valorar as consecuencias no caso de falecemento.

Xa coa primeira comunicación da enfermidade do presidente, quedou
patente que o personalismo adoptado pola súa figura pública, aínda
que polas condicións do país poida representar en certo senso unha
vantaxe política, limitou tanto o coñecemento de boa parte da
poboación dos futuríbeis lideres do Partido Socialista Unido de
Venezuela como a consolidación do novo sistema económico e político
que se está a implantar máis alá de el mesmo. Isto xera dúbidas tendo
en conta a posibilidade de desatarse unha loita de poderes de non
quedar un líder claro despois del, que compre sinalar, neste momento
non existe. Sen embargo, de continuar a existir unha organización
unida e forte non deberían -incluso sen Chávez- ter dificultade en
gañar unhas novas eleccións.

Os dados indican que pouco máis dunha terceira parte dos habitantes de
Venezuela compoñen o que os analistas políticos denominan chavismo
sociolóxico, outro terzo sen deostar a Chávez tampouco o apoia
cegamente; mentres que o derradeiro o constituirían os antichavista; o
segundo grupo, ate o de agora máis proclive a Chávez, e o que na
maioría das votacións celebradas ate o de agora nese país lle deu
sucesivamente a vitoria.

Pero, así como a xa mencionada violencia, tamén a progresiva
incorporación de venezolanos a clase media, pode influír a hora de
achegalos a posicións máis liberais, nun dos países máis consumistas
do continente, onde por exemplo, hai máis terminais Blackberry que en
Brasil, que ten sete veces máis poboación.