Trump non é o problema, é a globalización

Trump non é o problema, é a globalización

Hai uns seis ou sete anos unha parella de amigos decidiu mercar na Estrada os móbeis da súa cativa que acababa de nacer. Tiñan outras opcións onde mercalos, pero decidiron apostar pola industria local do concello onde viven. A sorpresa veu cando descubriron que os seus móbeis non se facían na Estrada como eles pensaban, senón en Portugal, onde non os fabrican mellor que na Estrada, pero seguramente si máis barato por iso esa empresa decidiu trasladar a produción de móbeis do noso concello ao país veciño.

Desafortunadamente isto non é algo anecdótico, a deslocalización da produción non só é cousa das grandes transnacionais, tamén se dá en pequenas e medianas empresas de fabricación de móbeis nun dos concellos que é referencia do móbel de calidade, coas consecuencias económicas e sociais que isto ten para unha localidade onde esta industria é un dos piares máis importantes da economía local. Así se explica por exemplo que a Cidade do Móbel, un polígono sectorial chamado a ser o revulsivo que a industria necesitaba, durma nos caixóns de San Caetano desde que o PP chegou á Xunta en 2009. Para que o necesitan se os móbeis fanse en Portugal? E é certo; con esta lóxica non é necesario construír ningún polígono sectorial, non se necesita solo industrial público, basta con ter as tendas no centro da vila. Iso é o que pensa unha parte do sector e boa parte dos partidos políticos da localidade; e mentres tanto esmorece unha industria importante para o noso concello. Pero esta estratexia tamén ten como consecuencia que non se creará emprego no sector nin nas empresas auxiliares, e a única saída que lle queda aos veciños e veciñas da Estrada será traballar no comercio, no sector servizos ou directamente a emigración.

Así é a globalización, pequenas e grandes empresas á procura de man de obra barata e máis beneficios, mentres que á clase traballadora local só lle queda aceptar peores condicións laborais, salarios máis baixos, máis horas de traballo, para simplemente sobrevivir nun contexto onde hoxe en día traballar xa non garante vivir dignamente.

Mais esta situación non se dá só na periferia do sistema, a clase traballadora das grandes potencias occidentais tamén sofren as consecuencias devastadoras do deseño económico das elites políticas e financeiras da Unión Europea e Estados Unidos. E mentres a lóxica e a tradición política e ideolóxica indica que deberían ser os partidos de esquerda e progresistas os que puxeran enriba da mesa propostas políticas para facerlle fronte á globalización, é a extrema dereita a que está sacando tallada electoral como se acaba de ver nas eleccións dos Estados Unidos coa vitoria de Donald Trump.

Para moitas persoas foi unha sorpresa a vitoria do magnate norteamericano, mais non había máis que deixar a un lado a caricatura creada polos grandes medios de comunicación e reparar nas propostas de tipo económico para ver que este candidato republicano si tiña un discurso diferente ao agardado. Ignacio Ramonet, nada sospeitoso de apoiar a Trump, debullaba poucos días despois da vitoria do magnate as sete propostas sobre as que pivotaba o discurso do republicano, unhas propostas que os grandes medios occidentais ocultaron, pero que si callaron no electorado norteamericano, especialmente de clase traballadora empobrecida pola crise económica e polas consecuencias da globalización. Así, mentres Hillary Clinton tiña centraba a súa atención nas minorías raciais, obviando á clase traballadora (entre a que tamén hai tamén minorías raciais, obviamente), Trump falaba de renegociar os tratados de libre comercio asinados por Estados Unidos no pasado e das negativas consecuencias do TTIP, falaba de impoñer tasas aos produtos importados para evitar que as transnacionais deslocalizaran a súa produción, falaba de imporlle impostos aos hedge funds, que se lucraban coa especulación financeira, etc, en definitiva poñía enriba da mesa solucións aos problemas da clase traballadora e sinalaba co dedo aos poderes que detrás do trono do Imperio manexan os fíos da economía mundial.

Está por ver cal é a axenda política e económica que pon en marcha finalmente o magnate norteamericano á fronte do Imperio. De feito, poucos días despois de gañar as eleccións xa matizou algunhas das súas propostas máis polémicas e non sería de estrañar que a partir do 20 de xaneiro todas as promesas se queden en nada, porque é difícil de crer que unha persoa que ten negocios en medio mundo sexa quen de disparar na liña de flotación da globalización renegociando, por exemplo, os tratados de libre comercio con medidas que protexeran a economía dos Estados Unidos, o que traería consigo, presumibelmente, melloras no emprego e nas condicións laborais da clase traballadora ianqui. O que si está claro é que non o terá doado se Trump teima en cumprir as medidas de tipo económico anunciadas durante a campaña electoral, xa que abrirá un novo tempo no comercio e na economía mundiais, que non será do gusto dos grandes poderes económicos, de aí a belixerancia que amosan os grandes voceiros mediáticos que os representan.

Mais, independentemente de que cumpra ou non o prometido na longa campaña electoral norteamericana, o que está claro é que Trump soubo gañarse á clase traballadora norteamericana con propostas concretas que van máis alá da retórica anti-globalización das organizacións políticas de esquerda. A Estrada non é Detroit, pero Galiza si se lle parece bastante onde son moi acusadas as consecuencias das políticas da Unión Europea, unha das patas nas que se asenta a globalización, en sectores estratéxicos da nosa economía, agudizadas pola dependencia política secular que ten Galiza a respecto do Estado español.

Neste sentido, o BNG, aproveitando o proceso de refundación no que está inmerso, ten un oportunidade de ouro para poñer negro sobre branco propostas concretas para paliar as consecuencias da globalización económica e dependencia política da Galiza que vaian máis alá da tímida proposta do programa electoral das Xerais (2016) de impoñer un imposto ás importacións, unha proposta semellante á de Trump para impedir que a produción de Ford se trasladara a Mexico, que no caso concreto da Estrada evitaría que unha parte da industria do móbel tivese a súa produción en Portugal.

Os tempos mudaron. Dicía George Lakoff no seu libro “Non penses nun elefante”, que “a xente non vota necesariamente polos seus intereses. Vota pola súa identidade. Vota polos seus valores”, e iso puido ser certo hai dez anos, pero despois de décadas de globalización e crise económica que estoupou en 2008, está claro que a xente vota polos seus intereses e polas súas necesidades. Demostrárono as persoas que votaron por Donald Trump o 8 de novembro, pero tamén as que votaron polo PP nas últimas Xerais, porque non había outra alternativa críbel da que botar man.

O problema non é Trump, é a globalización e o empobrecemento da clase traballadora que esta provoca. Trump, en todo caso, é consecuencia da falta de alternativas políticas de esquerda con propostas que combatan a globalización e especialmente con credibilidade para levalas adiante. Como dixen antes, as propostas de tipo económico e social deben ser a prioridade do BNG para atallar o empobrecemento e proporcionar traballo digno na nosa terra, chamarse A ou B, pode ser un debate que lle interese a determinado medio de comunicación, pero non é o que lle interesa aos galegos e galegas.


,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.