Tortura, brutalidade policial e Dereitos Humanos

Tortura, brutalidade policial e Dereitos Humanos

Xa se sabe que todos os Estados son violentos porque todos teñen unha policía e un exército para protexer a unha clase determinada e cando a clase desprotexida reivindica dereitos, ou se nega a perder os que xa ten, utilizan a violencia contra ela. Si fora a protexida a que reclamara eses dereitos non dubidarían en cambiar as leis para favorecer as súas reivindicacións, como fixo agora o Goberno español coas reformas laborais e cos rescates millonarios a banca. É certo que uns son moito mais violentos que outros porque neles aflora mais esa loita de clases e, nalgúns casos, como neste, tamén se da a violencia contra as nacións oprimidas. O Estado burgués faise violento cando ve en perigo os favores concedidos aos seus amigos obscenamente ricos ou cando os traballadores non se queren deixar arrebatar polas boas o que lle corresponde, como puidemos ver nas cargas policiais contra a multitude que rodeou o Congreso dos Deputados o 25-S e como, nunha manifestación pacífica, a mesma policía, por medio de infiltrados, provoca o motivo para poder cargar brutalmente contra os que soamente pedían non ser espoliados dos seus dereitos en beneficio da burguesía e de especuladores financeiros.

Ademais desas, no Estado español tamén se dá outro tipo de violencia, moito mais cruel pero menos visible, como é a tortura. Segundo as organizacións internacionais mais prestixiosas dos Dereitos Humanos sempre existiu; non deixou de existir desde que Franco deu o golpe de Estado e continua na chamada democracia, porque hai impunidade e aquí séguese indultando aos torturadores, cando non se premian con ascensos como ao Tenente Coronel Rodríguez Galindo, a quen Felipe González ascendeu a Xeneral a pesar das graves acusacións e posterior condena polo secuestro, torturas e asasinato de José Antonio Lasa e José María Zabala. Agora o Goberno do PP acaba de indultar a catro Mossos d´Escuadra que propinaron gratuitamente unha brutal malleira na comisaría a un cidadán romanés que confundiron con un delincuente común. A ese indulto incluso se opuxeron douscentos xuíces por medio dun manifesto, pero o Goberno, que se pasa o Estado de Dereito pola entreperna, di que indultar é unha competencia exclusiva do Executivo e que o Poder Xudicial solo pode emitir informes sen carácter vinculante, o que fai dos informes e dos xuíces algo innecesario e ornamental nesta democracia “Marca España”.

Esa decisión do Goberno sentou moi mal aquí en Euskal Herria, xusto cando, por iniciativa de Euskal Memoria, 200 torturados presentaban a súa testemuña. Fixo aflorar a rabia e lembrar o tormento polo que pasaron tantos vascos (mais de 3.000 desde a transición) que foron torturados polas diferentes forzas de seguridade do Estado, e mais si temos en conta que todos os torturadores convictos foron condenados a penas irrisorias, xa que (quitando as de Galindo e compañía, tamén indultados), as máximas impostas foron de tres anos de arresto, en 1989, a Julián Marín Rios polas torturas que lle causaron a morte a Joxe Arregui Izaguirre no ano 1981 e a Paulino Navarro, que foi condenado a finais de 1998 a oito anos de inhabilitación polas torturas a Kepa Otero e José Ramón Quintana, indultado por Acebes no ano 2001. En pago aos seus servizos Julián Marín Rios foi nomeado Comisario Xeral de Tenerife no ano 2005 polo Goberno do PSOE. Polos mais de 3.000 casos de tortura soamente foron condenados 62 axentes a penas ridículas e deles 36 foron indultados polos Gobernos do PSOE e do PP. Para eses delincuentes si hai indultos e para outros rehabilitados, como David Reboredo, non.

É moi difícil poder demostrar os casos de tortura debido a longa incomunicación a que son sometidos os detidos e porque nin sequera son atendidos as testemuñas, como afirma o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, pero incluso no caso de que se consigan demostrar, os policías delincuentes non chegan a cumprir a pena que lles foi imposta e despois son recompensados como “bos servidores do Estado”.

Ante esta lacra o modo de actuar dos diferentes gobernos sempre foi a mesma: negar a máxima, querelándose contra as vítimas que as denunciaban e protexendo ao funcionario delincuente. Neste tema, como noutras tantas cousas, non existen diferencias entre os gobernos do PP ou do PSOE. Para ambos prima a “razón de Estado” por encima da xustiza e as forzas represivas que o defenden coa súa violencia son intocables. Así foi e segue a ser nos últimos 50 anos nos que, segundo Euskal Memoria, solo cambiaron as formas pero o fondo non mudou.

Con este bagaxe “democrático” e semellante “Estado de Dereito” non me estraña que cada vez haxa mais arredistas que queiran fuxir desa coveira de canallas, como diría don Ramón Cabanillas, que validos de traidores, asoballan a nosa patria e o noso idioma. Non me estraña que vascos e cataláns se queiran arredar deles canto antes para non ser cómplices da súa barbarie, e nosoutros deberíamos de tomar o mesmo camiño antes de que asasinen a nosa lingua e destrúan a nosa capacidade produtiva, levándonos a ruína económica e cultural.
Pero mentres no reino do cazador de elefantes e osos borrachos sacan peito incriminando a sindicalistas, mallando manifestantes e detendo reporteiros, o Goberno quere ditar leis para que esas malleiras non sexan gravadas polo impacto que supoñen esas imaxes de brutalidade policial na opinión pública. Tampouco teñen empacho en dar leccións de democracia e Dereitos Humanos a Cuba, que está a anos luz por diante deles nese tema, xa que non pode haber tales dereitos se non se teñen os elementos de primeira necesidade como son a saúde, a ensinanza, un teito e un posto de traballo onde poder ganar o sustento. Cuba non está na ruína e non ten que pedir rescates que logo pagan os mais necesitados para darllos a catro mangantes que nadan na abundancia, non recortan a ensinanza nin a sanidade, non son mallados pola policía nin teñen que suicidarse porque os desafiúzan para deixalos na rúa. O Estado cubano, mal que lles pese, fai mais de cincuenta anos que apostou por protexer a clase traballadora fronte a oligarquía. A pesar dos problemas que lles causan os ianquis por mor dun bloqueo ilegal, e de ser un país non industrializado do terceiro mundo, tampouco pasan fame, como lles ocorre aquí a tantos parados aos que o Goberno lles quitou a axuda dos catrocentos euros... para que se jodan!, como dixo a filla dun presunto delincuente de alto rango do PP.