Siria: o problema non era Bush

Siria: o problema non era Bush

Todo marcha segundo o plan. Siria é o novo obxectivo do imperialismo, que en plena fase de radicalización guerrerista, aposta xa sen disimulo de ningunha caste por reforzar a súa hexemonía global. Non é casual optaren novamente por esa rexión. O Oriente Medio, para alén dun dos puntos quentes xeoestratéxicos canda o Pacífico Sur, vén a ser o Heartland por boca do estratega británico Sir Mackinder. O cerne dun novo mapa mundial, que tras a queda do bloque socialista, avanza imparábel cara un deseño xa non unipolar, senón que tronza calquera posibilidade de ascenso doutras referencias que disputen a hexemonía dos EUA e as potencias capitalistas aliadas. Incluídos os chamados BRICS. O conflito Sirio ten neste senso algúns aspectos de pugna inter-imperialista.

Xa en 2007 o xeneral norteamericano Wesley Clarck (ex comandante da OTAN) revelara os plans do aparello de guerra norteamericano de emprender unha ofensiva total (ver entrevista en vídeo. 7 invasións (Iraq, Libia, Somalia, Líbano, Sudán, Siria, Irán) en 5 anos, prognosticaba citando a folla de ruta deseñada polo Pentágono á altura de 2001. É innegábel que a invasión do Afganistán ese ano, cos atentados do 11-S por escusa, abriu unha nova etapa histórica. A chamada globalización económica pasaba a circular tamén polo carril bélico. A toda velocidade e sen o freo do contrapoder socialista no Leste.

Os efectos da crise sistémica que afoga un capitalismo senil, á beira do seu colapso –natural en tanto sistema falido-, alenta a guerra (e o fascismo) como mecanismo que historicamente a clase dominante empregou para resolver este tipo de conxunturas ao seu favor. Como sostén con acerto a politóloga iraniana Nazanin Armanian, nun artigo indispensábel para comprender as causas que explican a guerra contra Siria, os EUA tratan de “triunfar no terreno bélico e controlar militarmente ao mundo para recompensar o falhanço no econômico”. Armanian acrecenta cal é a utilidade sistémica da guerra: “A grandes crises econômicas, grandes guerras. O capitalismo venderá mais armas, terá novos mercados e criará oportunidades para as empresas construtoras hábeis em levantar o destruído. É outro assalto às conquistas dos trabalhadores de médio mundo, que pagarão com sua vida ou seus impostos a aventura de quatrocowboys. O aumento do preço do petróleo, que afetará todos os produtos, prejudicará também a economia chinesa”.

A posición Nin-Nin e a escusa “legal”


É palmario como sectores proclamados de esquerda e “progresistas” titubean desta vez ao se posicionar contra a agresión militar imperialista, que a neolingua reduce a “intervención”. Non falo daquelas posicións abertamente OTANistas, encarnadas polo PS do Hollande que hai ben pouco era presentado como esperanza da esquerda (sistémica) europea ou do PSOE. Refírome a quen baixo a denominada posición Nin-Nin, nin a favor da guerra nin a favor de Assad, incorre nunha lexitimación por pasiva da agresión á maneira do sempre terríbel “algo faría”.

Engádense aqueles que nun papanatismo atroz, descoñecendo que as relacións internacionais están sometidas á correlación de forzas, unicamente esgrimen razóns de tipo legal contra a guerra. Acaso sería máis xusta e menos brutal de contar co aval da ONU? Acaso as bombas e as balas que sempre acaban por masacrar a poboación civil son menos lesivas envoltas nunha resolución dun moi cuestionábel Consello de Seguridade? As teses do “imperialismo humanitario” [ler a Jean Bricmont], que entroncan vizosas co eurocentrismo dominante, serven para en nome de non se sabe que gobernanza global (a mención non é casual) resolver que algunhas guerras imperialistas son xustas, se levan o visado das Nacións Unidas. Nada novo. Xa ficou en evidencia cando importantes capas presuntamente progresistas aplaudían emocionadas a intervención que rematou por dinamitar a antiga Iugoslavia.

Como ben apuntaba o camarada Duarte Correa noutro artigo publicado neste mesmo medio, semella que o occidente capitalista outorgouse a si propio patente de corso para impor a súa particular e moi cuestionábel concepción da democracia (burguesa) e do respecto dos dereitos humanos. E todo desde o máis absoluto cinismo, como demostra o facto de que sexa o presunto e non probado uso de armas químicas por parte do goberno sirio a escusa para bombardear ese país. Cinismo infame por boca de quen ben as utilizou (Hiroshima, Nagasaski, Vietnam, Irak) ou consentiu con aberta complicidade que outros as usasen (como Israel). Cinismo dobre, cando se amorean probas que apuntan a que foron as milicias armadas de Al Qaeda (aka “forzas rebeldes”) as que detonaron un artefacto químico -fornecido pola teocracia saudita, aliada preferente dos EUA- por accidente ao transportalo.

O problema non era Bush

Que sexa nada menos que a esperanza Obama, o primeiro presidente afroamericano, todo un premio nobel da Paz, quen anuncie sen ambaxes a agresión militar a Siria, pon de relevo ou se se quer fai máis evidente que o problema non era Bush. Nin pai, nin fillo. Tampouco a filiación do Presidente nun ou noutro franquiciado electoral norteamericano (demócrata ou republicano, tanto ten). O problema non é quen sente no despacho oval. O problema é o imperialismo.

É contra el e a súa abafante propaganda de guerra contra quen temos que combater. Sen medos, nin complexos. Porque argumentos temos.