Seis meses despois da praza Tahrir

Seis meses despois da praza Tahrir

No mes de febreiro publiquei un artigo sobre as revoltas dos países árabes e máis en concreto sobre os acontecementos que se estaban a producir en Exipto, nel expresaba as miñas dúbidas non polas reivindicacións dos e das manifestantes senón pola sorpresiva e ampla repercusión mediática que acadaban na democrática Europa. Van alá seis meses e ler hai uns días nun xornal español unha nova sobre a reunión dunha ducia de activistas exipcios con Felipe González para que este lles explicara a transición post-franquista fíxome lembrar que case tan de súpeto como apareceu a revolución da Praza Tahrir nas nosas vidas desapareceu pouco despois da saída de Mubarak do poder.

Podería considerarse que a disminución na presenza da realidade exipcia nos medios de comunicación ten a ver con que os revolucionarios e o conxunto do pobo acadaron os seus obxectivos e o país camiña cara unha democracia. Pero unha vez máis as cousas non son como nolas presentan, e en Exipto non só non se están a cumprir as reivindicacións da praza Tahrir senón que os herdeiros de Mubarak coa connivencia dos EEUU e da UE están a artellar unha transición que de concretarse será un simple lavado de cara. Non en van os Estados Unidos teñen nese estado o seu mellor aliado da zona para a defensa do estado de Israel, sendo esta razón a que nos pode facer entender que Exipto sexa o segundo país do mundo en recepción de axuda militar estadounidense.

Está previsto para dentro duns días o inicio do xuízo a Hosni Mubarak e previsibelmente obterá importante repercusión mediática para facernos ver que a xustiza funciona contra os ditadores, pero ese feito non pode agachar a realidade de que o poder segue nas mans dun Consello Supremo das Forzas Armadas formado por militares totalmente comprometidos co goberno de Mubarak e presidido por quen foi o seu ministro de defensa Mohammad Tantawi; un Consello Supremo que dirixiu o referéndum que no pasado mes de marzo aprobou manter a constitución que rexía con Mubarak facéndolle unhas pequenas e cosméticas modificacións de nove artigos, e vén de anunciar eleccións paralmentares para antes de que remate o ano, unhas eleccións que serán organizadas por un Comité Supremo Electoral creado por eles mesmos.

Entre os sectores progresistas e revolucionarios da oposición fálase dunha única diferenza real entre os actuais gobernantes e Mubarak, con el cando menos tiñan fixada a imaxe do ditador pero cos actuais non é tan doado poñer cara ao inimigo que se dilúe nun Consello Supremo das Forzas Armadas formado por 18 militares, no resto a semellanza é total: corrupción, despotismo, tribunais militares que condenan a opositores, represión nas rúas, etc...

Neste momento hai fortes protestas no país e as organizacións políticas de esquerda denuncian a intención de celebrar as vindeiras eleccións cunha lei electoral que configuraría o parlamento cun 50% de parlamentares eleitos en listas pechadas e outro 50% con listas abertas, mecanismo que favorecería a persoeiros supostamente independentes con medios económicos para facer unha campaña e en moitos casos vinculados ao poder herdeiro de Mubarak, á burguesía comprometida cos intereses occidentais e aos islamistas máis reaccionarios, sendo nestes tres sectores nos que traballan sobre todo os EEUU para evitar calquer posíbel saída do camiño marcado dunha transición controlada.

Aínda restan moitos capítulos para alviscar que senda pode seguir o proceso exipcio pero non hai dúbida de que o obxectivo das potencias occidentais de manter un goberno sumiso aos seus intereses non coincide co dos manifestantes, nin cos manifestantes de febreiro nin cos destes días.