Se nos negan a nación -tamén- polo mundo adiante, que haberá que facer para romper o muro?. (II)

Se nos negan a nación -tamén- polo mundo adiante, que haberá que facer para romper o muro?. (II)

É unha obviedade afirmar que calquera proceso individual que se dea no Universo estará sempre inmerso nunhas coordenadas espazo-temporais concretas. Por veces hai unha lixeira marxe de manobra que nos permite fixar algúns acontecementos dentro dun marco espacial e temporal decidido por nós: eu podo escoller a que hora e a que lugar vou pasear hoxe. Mais na maioría das situacións non nos é posíbel escoller: quen puido decidir por si mesmo o lugar onde naceu?, quen pode estudar enxeñería aeronáutica nas universidades galegas? . A maiores, a vida de calquera está chea de sucesos que nin sequera están suxeitos a limitacións espazo-temporais, mas mesmo así non temos capacidade algunha para que as cousas ocorran de outra maneira: quen é "naturalmente" moreno ou ten ollos verdes por propia decisión?, quen pode evitar a aparición dun cancro?...

De igual modo, as nacións son produtos da historia, da cultura e - poucas veces - da vontade explícita dos seus integrantes. As nacións existen en espazos xeográficos predefinidos e desenvolven a súa existencia en épocas históricas non alterábeis a posteriori. Falamos, pois, de contextos externos nos que a nación se desenvolve, sen posibilidade algunha de que os integrantes da nación poidan modificalos.

A nosa nación formouse nun espazo xeográfico denominado Europa. Como a historia é unha realidade dinámica, os seus límites territoriais mudaron no tempo, case sempre por imposicións externas; tivo existencia como reino independente, mais no seu decorrer secular predominan os intervalos de dependencia política; por veces foi facho de cultura, coñecemento e creatividade, mentres que por períodos maiores a escuridade envolveuna até a extenuación. Todo isto, é moitas outras cousas, fíxonos ser o que somos e como somos.

Mais o espazo europeo non xoga ao noso favor. No entorno xeográfico - e xeopolítico - hai unha férrea resistencia a recoñecer a novas entidades que pidan alterar o mapa dos actores políticos. Fronte á Europa das Nacións e dos Pobos, a Unión Europea (e os seus Estados) responde coa Europa das Rexións e das Cidades. Entidades xeográfico-administrativas son asumíbeis, identidades nacionais susceptíbeis de exercer colectivamente dereitos políticos non son admisíbeis.

Un grande número de estados europeos se sinte ameazado. Tanto ten que consideremos estados supercentralizados politicamente como Portugal ou Franza, estados con recoñecemento para subentidades internas de carácter político (Bélxica, Reino Unido) ou estados cun modelo intermedio (Italia, Alemaña); a resposta varía nas formas e na actitude pero é politicamente uniforme: vostedes non existen como entidades políticas propias e diferenciadas.

Portugal comeza a se preocupar polas repercusións que o "sarampelo nacionalista" en Europa poida ter en Madeira e nas Azores. Córcega - case un 30% de votos nacionalistas nas elección rexionais do 21 de marzo - Bretaña, Alsacia, Euskalherría, e Catalunya, son, en moi diferente medida, focos permanente de tensión política na Franza. Escocia pode someter a votación no 2011 a súa "relación" co Reino Unido. Se Bélxica aínda existe como estado, débello en gran medida a ser a capital europea e a sede da OTAN; o norte de Italia coquetea coa "moi ampla autonomía" e a Sardeña olla para os corsos; Hungría é o "reino das minorías; algúns kasubos incordian en Polonia...

Por simplificar: na cuestión nacional en Europa, parece que en case toda ela comen fabas. Mais isto non xenera nin comprensión popular do feito nacional, nin moito menos simpatía social. Pola contra, falar en Europa de dereito de autodeterminación é blasfemia imperdoábel. Hai uns meses un alto dirixente político-sindical portugués expúñame claramente a posición do seu partido ao respecto: Para nós o dereito de autodeterminación acabouse con Timor Leste e o Sahara Occidental.

A disparidade ideolóxica e política das organizacións que se proclaman nacionalistas en Europa non facilita a comprensión. A maiores, infelizmente, un número considerábel delas sitúase no campo conservador e mesmo algunha delas desprende un noxento e inadmisíbel tufo xenófobo. Mais isto vai ser o tema central de outro dos artigos desta serie.

Cando hoxe construímos (e re-construímos) a nación, xurde a tentación de nos abstraer do que somos, de porqué o somos e de onde estamos. Segundo o tamaño das dificuldades así teremos que diversificar tamén as respostas potenciando a insistencia nos obxectivos, a constancia nos procesos e a creatividade nos camiños.

O recoñecemento internacional de Galiza como nación entra de cheo na categoría das dificultades de orde maior. Como en tantos outros obxectivos da construción nacional son necesarios diferentes enfoques, diversidade de actores e multiplicidade de iniciativas: desde as formacións políticas e As institucións, desde a cultura e as universidades, desde o sindicalismo, desde as organizacións da chamada sociedade civil... Todos somos necesarios, todos temos a nosa función.