Se Chávez é home e todos os homes son mortais...
O presidente venezolano pasa por unha seria proba e todas as conquistas sociais e de dignificación da condición humana en Venezuela realizadas pola Revolución Bolivariana tamén. Asistimos a unha orxía de opinións de opinadores profesionais. Aínda lembro o sobrenome que o «culto e educado» Xosé Luis Barreiro Rivas lle puxera ao presidente venezolano con motivo do golpe de Estado de 2002: «lambefístulas».
Se a extensa restra de sátrapas que Estados Unidos e a Unión Europea mantén e sostén na presidencia de medio mundo tivese que curar dun cancro, non tería problema en ir a Houston; é parte da franquía que o Imperio concede aos tiranos e submisos.
O tratamento da doenza de Chávez en Cuba non é casual nin froito da «admiración» de Chávez por Fidel. A vida de Chávez corre perigo en calquera hospital venezolano e na boca do lobo estadounidense. Os repetidos intentos de derrocalo, desde o golpe de Estado, pasando polo paro da petroleira de máis de dous meses até chegar ao golpe financeiro que obrigou a instaurar o control de cambio, son máis que suficientes mostras de que tanto Estados Unidos coma o seu aliado incondicional, a Unión Europea, non queren revolucionarios en países con probados e abundantes recursos enerxéticos.
Libia é a mostra máis próxima do futuro de Chávez en calquera momento. De «protexer» a poboación Libia pasouse a «matar» a Gadafi e instaurar unha Xunta que todos sabemos de onde saíu.
Chávez é un revolucionario. Demostrouno durante estes 12 anos. Non é certo que precisase de Cuba para lexitimar a súa revolución. O pobo venezolano e os millóns de votos que en todas as convocatorias logrou son suficiente lexitimación.
Así como sería impensábel en 1958 unha revolución sen Che ou Fidel, e en 2011 existe sen ambos, en 2011 sería difícil o mantemento dunha revolución sen Chávez, aínda que non imposíbel. A revolución bolivariana inzou Venezuela de universidades e escolas para a formación de revolucionarios. A continuidade da revolución está garantida polos logros sociais e polo prontuario dos 40 anos de democracia burguesa axeonllada ante os Estados Unidos.
Os gobernos progresistas-revolucionarios de Latinoamérica non se explicarían sen a primixenia luz de Cuba e máis tarde de Venezuela. Custou máis de 40 anos, pero pagou a pena, porque en Latinoamérica non está acontecendo unha alternancia de poder, senón unha revolución continental imparábel.