Reflexións observando a Folga Xeral do 30 de maio en Euskal Herria

Reflexións observando a Folga Xeral do 30 de maio en Euskal Herria

O xoves pasado Euskal Herria viviu unha importante Folga Xeral que baixo o lema Dereitos sociais e laborais dignos, por un modelo propio en Euskal Herria convocaron as organizacións sindicais que conforman a maioría sindical vasca contando ademais co apoio da esquerda soberanista e de decenas de colectivos do rico entramado social existente nese país; esta folga xeral pese á intoxicación informativa sabemos que contou cun amplo seguimento nos distintos sectores laborais, un seguimento arroupado coa asistencia de milleiros de persoas ás catro manifestacións celebradas na mañá en Gasteiz, Bilbo, Donosti e Iruña e ás concentracións e manifestacións da tarde en máis de 70 vilas.

Saber quen apoiou e quen non esta folga xeral pode servir de termómetro para coñecer o que acontece preto de nós, para comparar o que se di co que se fai e para tirar algunhas conclusións ao respecto de determinados fenómenos, deixando sempre claro que sería un erro caer en mimetismos pois Euskal Herria é unha realidade cos seus propios ritmos e Galiza outra realidade diferente.

Non me vou centrar na análise da oposición frontal de PNV, PP, UPN, podemos considerala dentro da lóxica de organizacións políticas todas elas pouco dadas a apoiar ese tipo de mobilizacións. Entendo moito máis interesante deitar a ollada nas actitudes daquelas organizacións encadradas no que a maioría da xente chama “a esquerda” aínda que nalgúns casos ese encadramento ten a ver máis co pasado que cos posicionamentos que manteñen na actualidade.

A esquerda soberanista amosou desde o primeiro momento o seu apoio á convocatoria por coincidir coas reivindicacións sindicais e por considerar que na loita política as reivindicacións do mundo do traballo e a defensa dunha sociedade máis xusta son básicas, unha loita política que consideran debe combinar acción institucional e acción e mobilización social. O apoio foi activo tanto nas semanas previas chamando a participar na folga como o mesmo día 30 participando activamente en piquetes e manifestacións. En canto á outra esquerda unha vez máis comprobamos a súa incapacidade para actuar cunha mínima autonomía, amosando co seu comportamento que non deixa de ser unha esquerda española actuante en Euskal Herria por moito que ultimamente fale ou escriba ao respecto da asunción da realidade plurinacional do estado español ou de que hai que superar unha constitución que ela mesma apoiou. Xa di a sabedoría popular que as palabras lévaas o vento e que o papel aguanta o que lle boten. O PSE-EE-PSOE e o PSN-PSOE, que desde que non goberna nin en Gasteiz nin en Madrid ten recuperado as bandeiras de plástico e as faixas en bastantes ocasións, desta vez decidiu que non podía facelo; manifestou que a convocatoria era precipitada chegando a dicir Patxi López nunha entrevista hai poucos días cousas como “Non me parece de recibo nin nada razoábel esta folga xeral" ou "hai sindicatos que frivolizaron coa folga xeral”
Trátase dos mesmos que co gallo da folga xeral do pasado mes de novembro convocada en Euskal Herria só polo minoritario sindicalismo de obediencia española dicían “Os socialistas sairemos á rúa para reivindicar que o PP deixe de axeonllarse diante das políticas que lle marcan desde Alemaña e pelexe por defender á poboación fronte á chantaxe. Queremos defender na rúa a aposta pola creación de emprego e o crecemento económico, o mantemento dunha educación e sanidade igual para todos” .

No caso de Ezker Anitza-IU e Izquierda Unida de Navarra-Nafarroako Ezker Batua a súa actuación poderíamos considerala sorpresiva se atendemos ás múltiples declaracións dos seus líderes estatais de que están sempre na rúa asumindo as reivindicacións da clase traballadora, dos movementos sociais, indignad@s, colectivos múltiples de afectad@s, etc… e ao seu chamamento a cruzar as liñas vermellas caducas existentes noutros tempos.

,Pero non, finalmente non houbo sorpresas e a cousa foi polo rego de sempre e curiosamente negaron apoio a unha Folga Xeral en Euskal Herria que se celebrou un día despois de asinar un documento a nivel estatal sobre o dereito a decidir, documento no que entre outras cuestións din “...o actual estado das autonomías e o marco constitucional han de ser superados nun proceso que recoñeza o dereito a decidir e garanta todos os dereitos sociais” E opuxéronse recorrendo unha vez máis á efectista pero moi demagóxica chamada a xuntar as forzas de tod@s como único xeito de poder vencer. Unha oposición de IU á que o PCE pon aínda maior énfase cun posicionamento moi medido nas formas pero que no fondo mantén a súa tradicional negativa a recoñecer a capacidade de decidir de cada pobo, un posicionamento que incluso recupera demagoxicamente o “Unídevos Irmáns Proletarios” como xeito de agachar que son eles quen negan a unidade a menos que sexa unha unidade baseada na concepción imperialista de considerar que uns pobos son superiores a outros.

Ao chegar a este punto pode haber quen considere excesivas as críticas que fago e entenda lóxico o non apoio a unha folga xeral que non é unitaria, a esas persoas só quero lembralles que en Euskal Herria quen agora decidiron non apoiar unha folga xeral convocada pola maioría sindical desa nación
apoiaron e participaron de varias convocatorias feitas polo minoritario sindicalismo español de xeito unilateral, e anunciadas desde Madrid dándolles igual naquel momento a unidade.

Tirando conclusións de todo isto comprobamos como quen nos machacan repetitivamente coa historia de que a cuestión nacional diante da crise sistémica é secundaria minten a mantenta, pois en canto teñen oportunidade dalles igual sumar forzas ou non e poñen por riba os seus intereses da España Única con centro en Madrid, impedindo así acadar unha unidade baseada na asunción da realidade plurinacional existente hoxe no estado español. Por moito que o neguen actúan como forzas sistémicas.