Recuperación progresista na Arxentina

Recuperación progresista na Arxentina

Cun aumento de máis do 7% anual durante os derradeiros catro anos, Arxentina consolidou a recuperación da súa economía despois da crise do "corralito", todo iso cun gasto social que aumentou un 9.4% no derradeiro exercicio e que representa o 4% do PIB, pero sen poder evitar unha taxa de inflación que pasa do 20%. Maila a este derradeiro indicador, o crecemento económico e o uso que o goberno fixo destes réditos levaron a Cristina Fernández de Kirchner a arrasar nas pasadas eleccións, gañando sen necesidade de someterse a unha segunda
volta.

Cunha participación que ascendeu o 78% do censo electoral, Kirchner recibiu 11 millóns e medio de votos, o 53%, gañando con máis de 37 puntos de vantaxe sobre Hermes Binner, do Partido Socialista, deixando apenas cun 8% e 6% os outros aspirantes do peronismo, Alberto Rodríguez Saa e Eduardo Duhalde respectivamente, consolidando o seu poder nos vindeiros catro anos. Asemade, aséntase unha visión cada vez máis progresista entre o pobo arxentino, como confirma non só a vitoria de Kirchner, tamén o segundo posto do socialismo.

A redución da pobreza e seguramente un dos elementos máis perceptíbel dos gobernos Kirchner, unha batería de subsidios que vai dende o subsidio universal a maternidade ou o desemprego na mocidade, isto permitiu que pouco a pouco os sectores máis desfavorecidos tiveran a oportunidade de medrar socialmente, reducíndose a pobreza dende o 50.9% en 2003, ano no que Néstor Kirchner chegou o poder, ao 23% en 2010, mentres que a pobreza extrema pasou de 24% a 8% nese mesmo período, o que explica o gran arraigo que ten a gobernante actual entre as clases populares.

Sen embargo, quedan materias pendentes como a mala distribución da auga entre as diferentes rexións do país, a alta taxa de mortalidade materna, e o deficiente acceso a servizos de saúde, que se conforman como elementos estruturais da pobreza no sector de poboación máis marxinado, e que compre transformar para eventualmente elimina-la pobreza entre os 41 millóns de habitantes do país sudamericano.

Nestes aspectos punto e aparte é o alto índice de mortes en nais o momento de dar a luz, que corresponde principalmente o alto número de abortos ilegais que se practica no país, xeralmente en condicións non axeitadas, debido a penalización legal desta práctica. A pesares de que a súa legalización foi proposta dende o Ministerio de Saúde en diversas ocasións nos derradeiros cinco anos, a presión da Igrexa Católica levou ao goberno a aparca-lo tema, asemade a posición pública da presidente e contraria o aborto, o que non descarta, tras matiza-la súa postura en recentes declaracións, que finalmente, e trala súa vitoria electoral, remate por despenaliza-lo.

No ámbito educativo, a pesares de medra-lo acceso aos estudos de tódolos niveis, con mil novas escolas entre 2003 e 2010, o dobre das construídas polos diferentes gobernos dende 1969; tamén se dispararon ate o 130% índices coma a deserción escola en escolas secundarias, isto é achacado polo expertos a causas máis alá da pobreza, coma a falta de motivación dos estudantes por seguiren coa súa vida académica, todo isto nunha conxuntura que ten desempregado ao 8% dos cidadáns en idade de traballar, cifra que acada o 22% entre a mocidade. Nos diferentes plans de goberno agasalláronse ate un millón
de ordenadores persoais para os estudantes, ou creáronse nove universidades estatais, reformando a educación superior e ampliando as transferencias de fondos.

Fomentouse da mesma forma o sector tecnolóxico, coa lei de software arxentino, e limitouse o uso de electricidade repartindo en todo o país lámpadas de baixo consumo, mentres que as reclamacións polas Malvinas continúan dando a razón a Arxentina pero sen evitar a inminente explotación petrolífera por parte dos británicos. Outro dos elementos que marcaron os gobernos de Kirchner e a política da patria grande, que outorgou papeis a case un millón de inmigrantes en situación irregular, cos correspondentes dereitos incluso a teren unha pensión o remataren a súa vida laboral.

A aparición nestes anos de novas cabeceiras a nivel nacional, así como o paso a televisión dixital terrestre e a aparición de novas empresas de comunicación de carácter estatal, posibilitou un acceso maior a información do pobo arxentino, e suscitou as críticas da oposición, principalmente dirixida polo diario Clarín, tabloide emblema do conservadorismo arxentino e dirixido por Ernestina Herrera de Noble, viúva do fundador do xornal e que mantivo durante anos unha pugna co goberno ante as dúbidas que os seus fillos adoptivos foran roubados as súas nais na ditadura. Finalmente, as probas de ADN que ate o momento o goberno solicitou e a xustiza arxentina obrigou a que fixeran os
fillos da directora de Clarín non coincidiron con banco de dados do estado.

Máis ala das críticas contra Kirchner por responder as acusacións dos diarios sen medias tintas e da suposta influencia que exerce contra eles, no seu período de goberno foron despenalizadas a calumnia e a inxuria.

O efecto Néstor Kirchner

A inesperada morte de Néstor Kirchner, fai pouco máis dun ano -27 outubro de 2010- supuxo un trauma na política arxentina, por canto se daba por descontado a súa presenza coma candidato nas recentes eleccións e por seren considerado coma unha das persoas máis influentes no devir da Arxentina, e cabeza do denominado kirchnerismo, movemento que representaba no executivo a súa muller, na que atopou unha gran continuidade nos proxectos de estado. Amais, aínda se desempeñaba coma deputado por Bos Aires e coma primeiro presidente na historia da Unión de Nacións Americanas (UNASUR), organismo continental creado pola esquerda latinoamericana para servires de contrapeso militar, social e político a OEA e as institucións auspiciadas polos Estados Unidos.

Aínda que dende os sectores conservadores da Arxentina, capitaneados por Mauricio Macri, expresidente do Boca Juniors e Xefe de Goberno da cidade de Bos Aires, comezouse a falar da fin do kirchnerismo e da conformación dunha alternativa de cara as recentes eleccións, que finalmente viuse abaixo pola renuncia de Macri a ir pola Presidencia dado o reponte de Kirchner nas enquisas de cara a un segundo mandato nun momento crítico que a obrigou a teren que decidir rapidamente se optaba a reelección.