Que ben fan o seu traballo os embaixadores norteamericanos!

Que ben fan o seu traballo os embaixadores norteamericanos!

Neste remate de ano, convulso de máis, andan algúns dos principais periódicos do mundo difundindo informacións que alguén desviou dos arquivos da diplomacia estadounidense ás mans de wikileaks. Centos de miles de documentos están sendo filtrados á prensa e motivando unha grande expectación entre os lectores, un grande cabreo nos gobernos que van aparecendo como implicados en cuestións que preferirían ocultar, denuncias e ameazas, mesmo de morte, contra o responsable do portal, e acalorados debates entre as miríades de tertulianos que pontifican e sentan cátedra nos incontables parladoiros que agroman polo territorio adiante a xeito de fungos.

Talvez porque as informacións que os periódicos nos andan a filtrar teñen máis óso que substancia e non están a descubrir nada que non soubésemos, todo se vai en dicir que este asunto está a afectar e a mudar o propio periodismo e a mesma diplomacia, pois, a partires de agora, os políticos serán moito máis coidadosos á hora de falar cun embaixador. E disque cobran por chegar a esas sisudas conclusións e discutir sobre elas en público. Todos se felicitan porque a información reservada, ou que os políticos deixan caer en pequenas e interesadas doses pasa a ser, grazas á prensa, de dominio público. Fato de hipócritas! Eles mesmos recoñeceron que non están a facilitar toda a información de wikileaks, aínda que din que si, que a información si, pero que, por prudencia, hai nomes que están sendo ocultados. Estamos coma sempre ou peor, pois á prensa, non ás embaixadas, deberíaselle esixir a verdade e toda a verdade.

En canto a que agora os políticos van ser prudentes, cando falen cun diplomático, só demostra descoñecemento total da función diplomática ou pensar que os políticos son necesariamente estúpidos. Cando casaron a Isabel II con Francisco de Asís, pronto alcumado como Paquito Natillas, despois das presións inútiles exercidas polo embaixador inglés, Henry Bullver, o secretario do Foreign Office, Lord Palmerston, dixo que Francisco de Asís “estaba incapacitado física e moralmente para facer a felicidade privada da raíña e a da nación española”. Canto daría hoxe para comentar unha frase coma esta!

Considérase a embaixada máis antiga da Idade Moderna a de España diante da Santa Sede, sendo da época a nunciatura do Vaticano en Viena e, algo despois, a de España, representada, neste caso, nada menos que por Baltasar Castiglione, amigo de Garcilaso e autor de “O Cortesán”, magnificamente traducido por Boscán. Os tertulianos, expertos en todo, semellan ignorar que xa aquelas legacións diplomáticas tiñan como obriga transmitir ao seu Estado toda a información económica e política relevante. Cando no Congreso de Viena de 1815 se organizan as chancelarías de toda a Europa postnapoleónica, os diplomáticos tiñan como principais misións “informar sobre o estado do país, negociar con el e espialo”. Hoxe, os países réxense pola convención de Viena de 1961 que, no artigo 3, 1, di que a legación diplomática debe “decatarse por tódolos medios lícitos das condicións e da evolución dos acontecementos no estado receptor e informar sobre eles ao goberno do estado acreditante”. Xusto o que están a facer os embaixadores estadounidenses.

Xa o Conde de Romanones, aquel potentado dono de media provincia de Guadalajara, con intereses nas minas de Marrocos e que desexaba que chegase o comunismo, porque “entre o que eu teño máis o que me vai tocar no reparto, media España vai ser miña”, no seu “Breviario de Política Experimental” dicía: “Procurar o fundamento das amizades internacionais na afinidade de razas, na identidade de sangue e de lingua, é unha falacia enganosa. Todo o devandito só serve como tropos para os xogos florais.

En política exterior só teñen primacía os intereses.

Grandes e pequenos diplomáticos: pensade sempre en que toda relación de amizade só ten como fundamento o interese presente, o interese do momento. Por iso os factores que integran as alianzas, mesmo as que se cren máis firmes, mudan de beirarrúa coa meirande facilidade”. E, despois de dicir que a política exterior española, durante o S. XIX, foi a de querer levarse ben con todos, rematando por ser de todos abandonada (tomemos nota), insiste: “É preciso que os nosos embaixadores sexan gratos aos gobernos diante dos que están acreditados.

Pero os gratísimos non serven; sen se daren de conta adoitan sacrificar o seu carácter en aras da amizade, da intimidade e da confianza co elemento oficial do país no que residen, correndo o risco de antepor o interese estraño ao propio coa maior boa fe”.

Sen dúbida, Romanones tería que concluír manifestando o seu aplauso polo bo facer dos embaixadores norteamericanos nos diferentes países. Decátanse de todo e informan ao seu ministro con precisión. Outra cousa é o funcionamento e o celo dos que, en EE.UU. teñen as chaves do arquivo.

E Antonio Gramsci, teórico marxista e fundador do Partido Comunista Italiano, remata o seu libro “A Política e o Estado Moderno” co apartado Sobre a verdade, ou sexa, sobre o dicir a verdade en política, ilustrándoo coa seguinte anécdota hebrea: “Onde vas?, pregunta Isaac a Benxamín. ‘A Cracovia’, responde Benxamín. ‘Mentireiro! Dis que vas a Cracovia para que eu pense que vas a Lemberg. Pero sei moi ben que vas a Cracovia. Xa que logo, que necesidade tes de mentir?”. E conclúe Gramsci: “En política poderase falar de reserva, non de mentira no senso ruín que moitos pensan: na política de masas, dicir a verdade é unha necesidade política precisamente”.