Portugal: un candidato independente moi dependente

Portugal: un candidato independente moi dependente

Nun Portugal conmocionado aínda diante dunha máis que probábel intervención da súa economía polo Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo colouse hai uns días nos medios de comunicación unha nova que está a provocar unha importante polémica mediática e nos ámbitos políticos.

Todo empezou cando o médico Fernando Nobre fixo pública o pasado día 13 a súa decisión de encabezar a candidatura do Partido Social-Demócrata polo círculo eleitoral de Lisboa ás eleccións á Assembleia da República a celebrar no vindeiro mes de xuño.

Na Galiza a figura de Fernando Nobre non di apenas nada pero en Portugal ese nome di moito sobre todo en certos sectores progresistas ao ter sido Fernando Nobre candidato independente ás presidenciais do pasado mes de xaneiro, desenvolvendo unha intensa campaña eleitoral centrada na crítica aos políticos e cun discurso que se definía "...da liberdade, da justiça social, do humanismo, da ética, da solidariedade, da transparência na vida pública, contra a chaga da corrupção, e para a adequada, justa e indispensável função redistributiva do Estado..." ao tempo que se reclamaba nin de esquerdas nin de dereitas sen ser tampouco de centro e proclamaba a súa independencia para poder criticar aos políticos profesionais na intención de rexenerar a política portuguesa no caso de acadar a presidencia da república.

Ese discurso anti-estruturas partidarias que condenaba a burocracia e se afirmaba como defensor dunha democracia directa na que a cidadanía tivera o protagonismo engaiolou a unha porcentaxe importante da cidadanía e fixo que un candidato teóricamente carente de calquer tipo de apoio acadara o terceiro lugar nas eleccións presidenciais tras Cavaco Silva e Manuel Alegre.

Nobre é un médico, fundador da ONG Assistência Médica Internacional, que ao longo da súa vida ten dado importantes e chamativos bandazos políticos, pasando sen problema de apoiar a Durão Barroso a ser membro da Comissão Política da candidatura de Mário Soares ás presidenciais en 2006 ou Mandatário da candidatura do Bloco de Esquerda ás europeas de 2009.

Semella que os 600.000 votos acadados pola súa candidatura nas presidenciais son un bocado apetecíbel para os dous partidos do sistema en Portugal, finalmente foi o PSD quen o fichou baixo a promesa de nomealo presidente da Assembleia da República no caso de gañar as eleccións pero sábese que tamén o Partido Socialista de Sócrates o tentou nas pasadas semanas coa idea de que se integrara nas súas candidaturas.

O de Fernando Nobre é un caso máis, desta vez en Portugal, de persoeiros que baixo un discurso supostamente anti-sistema e vendendo rexeneración o que conseguen é transmitir a impresión ao conxunto da sociedade de que na vida pública son todos iguais e de que por tanto dá o mesmo apoiar a uns que a outros. Estamos ademais diante de alguén que repetiu até a saciedade hai ben poucas semanas que o seu futuro non pasaba polas organizacións políticas e que estaba na actividade pública únicamente para dar resposta ás necesidades da cidadanía.

Pero xa vemos que á primeira de cambio esqueceu todos os posicionamentos anteriores diante dunha oferta que considerou gorentosa para os seus intereses e para o seu ego, e ademais non ten problema en dicir en público que descoñece cal é o programa do partido político polo que se presenta a deputado amosando así que lle dá igual a política que defende o PSD, pois tal e como se recollía un semanario portugués hai días "...Não se sabia é que Nobre levara tão à letra a incumbência, que a transmutaria em ambição - a de ser presidente de qualquer coisa. É claro que o homem já era presidente da AMI, mas não deve valer-lhe a mesma coisa, dado ter sido fundada por si próprio. Mas que não desanime: se não conseguir ser presidente da AR, como não conseguiu ser Presidente da República, seguem-se largas centenas de colectividades pelo País fora, todas com presidências frescas e sequiosas de candidatos, sobretudo dos que suam independência por todos os poros, como o caro candidato Nobre..."

Estes ambiciosos e supostamente nada perigosos persoeiros son moi útiles ao sistema e axudan a transmitir a idea de que en política todos buscamos un postiño, sendo a única diferenza entre uns e outros a existente entre os que acadan o seu obxectivo e os que non.