Persoas refuxiadas de primeira e de segunda
Desde hai unhas semanas todos os medios comunicación occidentais teñen unha fixación especial polas persoas refuxiadas, en concreto polas que proveñen de Siria, que foxen dunha guerra civil que empezou alá por 2011. Desde aquela até hoxe foron contadas as noticias que tiñamos das persoas refuxiadas, que en xullo pasado un medio de comunicación cuatificaba en máis de catro millóns dispersas nos países veciños de Siria, isto é, Turquía, Líbano, Exipto e Irak, principalmente.
Esta cobertura mediática tivo o seu momento de inflexión coa morte por afogamento do pequeno Aylan Kurdi, mentres el e os seus pais chegaban ás costas de Turquía, fuxindo da guerra civil do seu país.
Outro momento non menos importante, e que tamén tivo unha ampla cobertura, foi a cambadela dunha xornalista húngara vinculada a partidos de extrema dereita a un refuxiado sirio que levaba o seu fillo en brazos. Neste caso o lamentábel suceso tivo un final feliz, xa que unha escola privada de adestradores de fútbol ofreceulle un traballo e o aluguer dunha vivenda até que se poida facer cargo. A súa chegada a Madrid gozou dunha ampla -amplísima diria eu- cobertura mediática, que xa quixera Obama se algún día visita o Estado español. Un final, como vemos, moi propio dunha película “Made in Hollywood”, que sen dúbida terá unha ampla repercusión entre as persoas refuxiadas que aínda non tiveron a sorte de abandonar os campamentos, o que sen dúbida terá un efecto chamada que incrementará o número de persoas que petan ás portas da Unión Europea.
O drama humano das persoas refuxiadas, personificadas no pequeno Aylan e no adestrador sirio, percorreu o mundo enteiro e suscitou mostras de solidariedade e de indignación en boa parte do mundo occidental. No Estado español moitos concellos ofreceron as súas instalacións e mesmo persoas a título persoal as súas casas para acoller a estas persoas que foxen de Siria, que atopan as fronteiras da Unión Europea pechadas, ao tempo que se dá unha mensaxe contraditoria de acollemento desde as altas instancias do poder e a través dos medios de comunicación de masas como estamos a ver.
Porén, non son só as persoas refuxiadas que foxen de Siria as únicas que petan nas portas da Unión Europea. Non hai moitos meses os sucesivos afundimentos das embarcacións ateigadas de persoas procedentes do norte de África, así como o desbordamento dos campamentos provisionais na illa italiana de Lampedusa, ocuparon tamén os primeiros minutos dos informativos. E non me quero esquecer do paso de Calais no norte de Francia, onde tamén se amoreaban centos de persoas que querían cruzar ao Reino Unido na procura dunha vida mellor.
Paradoxalmente estes dous últimos casos non suscitaron solidariedade algunha por parte de occidente. Non houbo nin un só concello que ofrecera as súas instalacións para acoller a estas persoas do norte de África, tampouco houbo concentracións de apoio, nin moito menos unha distribución das persoas refuxiadas entre os países da Unión, como pedían os países recpetores, en especial Italia.
Desde o meu punto de vista isto demostra dúas cousas. Primeiro, que estamos nunha sociedade moi influenciada polos medios de comunicación, que ditan cando temos que ser solidarios e cando non. E segundo, que Occidente está a utilizar mediaticamente o drama das persoas refuxiadas sirias cunha clara intencionalidade política a respecto da guerra civil deste país de Oriente Próximo, onde conflúen intereses xeoestratéxicos moi importantes de Estados Unidos e a Unión Europea, por unha parte, e Rusia por outra.
O tempo dirá en que dá todo isto, pero é evidente que algunha intencionalidade ten, porque non hai persoas refuxiadas de primeira nin de segunda, senón persoas que foxen das guerras patrocinadas e apoiadas por Occidente e da miseria que provoca o expolio dos seus recursos naturais.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.