Os procesos políticos en América Latina son hoxe vangarda na loita polos dereitos dos pobos e por unha nova orde mundial

Os procesos políticos en América Latina son hoxe vangarda na loita polos dereitos dos pobos e por unha nova orde mundial

Desde hai catorce anos a cidade de México no mes de marzo é cita obrigada para organizacións políticas e sociais, intelectuais e activistas, que se reunen nun dos encontros políticos máis plurais que se celebran a nivel mundial; un evento no que hoxe tamén está presente a loita política do pobo galego polo recoñecemento dos seus dereitos.

O Seminario Internacional "Los Partidos y una nueva Sociedad" organizado polo Partido do Traballo de México ten por obxectivo dar a coñecer a experiencia de traballo das organizacións políticas e sociais que propoñen unha alternativa ao actual sistema caracterizado polo dominio do capitalismo neoliberal baixo o liderazgo dos Estados Unidos; unha experiencia de traballo que neste momento en América Latina destaca polo feito de que en moitos países desde os gobernos se están poñendo en práctica políticas transformadoras, que partindo da realidade diversa e plural permiten a construción de procesos alternativos. Uns procesos alternativos que contan con dous denominadores comúns, sendo estes partir da realidade nacional ou plurinacional propia e buscar a unidade continental como único xeito de enfrontar con éxito as agresións dun imperialismo que pese ás esperanzas que nalgúns ámbitos levantou a elección de Barack Obama sigue a considerar América Latina como o seu patio traseiro.

As máis de 600 persoas que participamos no Seminario ademais de coñecer de primeira man as duras condicións polas que están a pasar países como Honduras e Haiti debido ás consecuencias do golpe de estado no primeiro caso e aos efectos devastadores do terremoto acompañados pola ocupación militar ianqui no segundo, tivemos a oportunidade de saber da evolución dos procesos políticos que se están a dar en Bolivia, Venezuela, Ecuador, El Salvador, Nicaragua, Uruguai, Brasil, Paraguai ou a sempre presente e admirada Cuba; procesos políticos que son todos distintos ao partir das circunstancias concretas de cada un deses países.

Nos tres días que durou o evento foron varios os intervintes que advertiron dos perigos que pode conlevar a saída da actual crise do sistema económico neoliberal se non se contamos con forzas alternativas que presionen na construción dun novo sistema de relacións, pois como manifestou Eduardo Lorier, Secretario Xeral do Partido Comunista do Uruguai "a perspectiva anti-capitalista é unha que debemos afortalar e intensificar, pois do contrario poden reconfigurarse condicións de maior explotación e sofremento ao longo do novo ciclo de desenvolvemento capitalista mundial".

E nese sentido diversos ponentes fixeron fincapé na necesidade dunha análise e unha caracterización correcta de cada goberno e de cada proceso político, sendo de destacar as diversas intervencións que se opuxeron a definir aos gobernos da concertación cos que contou Chile nos últimos vinte anos como gobernos de esquerda dado que non o eran nin na súa práctica política nin na súa composición partidaria ou a facer o mesmo co complexo proceso arxentino ou co que se deu até as últimas eleccións en Panamá.

Sobre esa mesma necesidade de clarificación e análise da realidade concreta pronunciáronse moi acaidamente os brasileiros do PT e do Partido Comunista do Brasil que facendo unha avaliación moi positiva dos gobernos Lula e da alianza política que os sustenta deixaron claro que ninguén pode agardar neste momento histórico unha revolución socialista no Brasil, dado que o goberno do que participan non é un goberno revolucionario senón un goberno nacional-desenvolvimentista cun programa claramente progresista pero non revolucionario que está a poñer en práctica medidas que no Brasil tendo en conta a súa realidade son claramente transformadoras ao rachar con decenios de políticas de dereita; sendo todo isto froito do labor e da firmeza das forzas de esquerda dentro da alianza heteroxénea que conforma o goberno, forzas que manteñen a iniciativa política fronte aos sectores máis acomodaticios.

Unha das intervencións máis emotivas e máis valoradas polos asistentes foi a da representante do MAS de Bolivia Silvia Lazarte Flores que ocupou a presidencia da Asemblea Constituinte do seu país, unha dirixente sindical sen estudos que foi discriminada e criticada pola súa suposta incapacidade para presidir a Asemblea Constituínte e que recoñeceu sentirse no seu momento moi preocupada pola inmensa responsabilidade que supoñia aceptar aquel cargo, unha responsabilidade que non era persoal dado que o seu acerto ou o seu erro serían interpretados como triunfos ou fracasos de todas as mulleres indíxenas, latinoamericanas e do mundo enteiro.

No remate da súa intervención sobre a actual situación no seu país fixo un chamamento a todos os asistentes para que tiveran en conta sempre tres cuestións para ela básicas: manter os principios, non roubar e non mentir ao pobo; e lembrou que para o avance de todo proceso político é fundamental a construción dunha organización forte que tire por el e o defenda fronte aos enemigos, unha organización que non debe quedarse no debate senón que debe estar actuando entre o pobo.

Xunto con representantes das organizacións que participan nos procesos políticos que se están a desenvolver en América Latina tivemos a oportunidade de coñecer a realidade actual de países que foron referente para moitos movementos de liberación nacional nos anos sesenta e setenta do século pasado como o Vietnam de Ho Chi Minh e a Tanzania de Julius Kambarage Nyerere, países dos que hoxe apenas se fala pero que siguen o seu propio camiño na construción dunha sociedade máis xusta.

Europa tamén estivo presente no Seminario coa presenza de representantes de diversos países, destacando os partidos do antigo bloque soviético que criticaron a actual situación de pobreza, explotación das clases traballadoras e falla de dereitos democráticos que botan por terra cada día as promesas dun paraíso neste lado do telón de aceiro coas queforon engaiolados á maioría dos seus cidadáns hai agora vinte anos.

Sendo moi importantes os contactos e os coñecementos adquiridos despois de escoitar, falar e debatir con representantes de máis de noventa organizacións políticas e sociais de coarenta e dous países sobre os seus procesos políticos, como nacionalista galego hai un feito que valoro sobre os demais, é o feito de que neste Seminario, ao contrario do que acontece en xeral en Europa, Galiza estivo presente por si mesma; pois as nacións sen estado teñen presenza propia e poidemos explicar a nosa experiencia de loita ao carón de outras nacións que siguen a estar oprimidas como son Palestina, o Sahara, Euskadi Puerto Rico ou a Martinica.

Como manifestei na miña intervención na vella Europa que no pasado cometeu o erro de querer dar ordes e leccións ao resto do mundo debe tomar exemplo neste momento de América Latina, onde partindo do principio de que os procesos políticos son particulares de cada nación e non se poden nin copiar nin exportar, a maioría dos países están comprometidos na edificación dunha nova orde internacional máis xusta.