Occidente e os afogados


Son as alternativas emocionais e morais solución para o éxodo de centos de miles de persoas que foxen das guerras, do terror e da pobreza? É lícito que diante de moitos milleiros de afogados ás portas do que coidaban que era o Edén onde se resolvería o futuro das súas vidas, se busquen solucións por esta vía? Pode a Europa que, de xeito diferente e efectivo maza nos nosos labregos, mariñeiros, pequenos comerciantes... no pobo galego, logo, levándoos á ruína e roubándolles os dereitos democráticos, pode, digo, seguir meténdonos na cabeza a través dos medios de comunicación que domina que a solución para o éxodo é repartir parte deses milleiros de persoas polas distintas nacións europeas?

E despois que? Cando os teñamos caritativamente vagabundeando polas rúas como esmoleiros, desentendéndonos dos seus problemas de comunicación, integración, de vivenda, de traballo, educación... ou castigándonos por axudalos, que diremos? Porque, obviamente, non é cuestión duns milleiros de persoas, senón de nacións enteiras a fuxir do inferno onde os meteron, non só os chamados agora xihadistas do Estado Islámico (non eran hai pouco os de Al Qaeda?), senòn dos mesmos gobernos norteamericanos e europeos que foron e seguen sendo os artífices destas guerras, en Irak, Afganistán, Libia, Siria, Malí ou Palestina...

Podemos ser tan inxenuos para crer que o caos e miseria que agora invaden o mundo é problema de terroristas e ditadores crueis que botan a xente dos seus propios países? Pero seremos tan inxenuos que non nos decatemos de que o conflito non se resolve repartindo os inmigrantes e refuxiados de hoxe polas distintas nacións porque isto vai seguir, van ser millóns de persoas aterrorizadas as que busquen a paz, a xustiza e o benestar. A consigna dos verdugos reais de occidente insistindo na caridade como fórmula de escape para os países explotados por eles mesmos non pode funcionar, é imposíbel, é outro engano. Porque non están dispostos a admitir que o sistema capitalista é o que crea a miseria, a guerra e a inxustiza. Denunciouno até o Papa, horrorizado polo que está a acontecer e pola hipocrisía dos gobernantes occidentais de botarlle a culpa a quen non a ten sen facer autocrítica da política internacional asasina que seguen a levar ("O capitalismo, dixo, impón a lóxica dos lucros a calquera custo, sen pensar na exclusión social ou na destrución da natureza"... "A primeira tarefa é colocar a economía ao servizo dos pobres. Os seres humanos e a natureza non deben servir ao 'Deus do diñeiro".. . "Precisamos dicir non a unha economía de exclusión e desigualdade na cal o diñeiro domina, en vez de servir"), E sen esta autocrítica na que meto tamén a maioría esmagante dos medios de comunicación é imposíbel arranxar o caos que sofren, sufrimos sempre os mesmos.

Lembro o do Papa porque ante as súas palabra valentes houbo un silencio sepulcral, mesmo das esquerdas europeas que non foron nen teoricamente tan claras coma el, nese empeño infrutuoso de pasar a vida en campañas electorais que polo que se ve non serven máis que para ternos enredados sempre e crear a impotencia ante os problemas reais dos pobos e das xentes.

Os millóns de persoas que se están desprazando ultimamente dos seus países de orixe veñen, fundamentalmente de Irak, Libia, Palestina, Siria... como antes lembramos. Este fenómeno nace das guerras que directamene Occidente (EE.UU, Francia, Inglaterra, Alemaña, España... principalmente, baixo o paraugas da OTAN) programou e executou friamente para anular as políticas críticas, no caso, con Israel e monarquías árabes ditatoriais sometidas aos EE.UU. Nestas, según a hipocrisía occidental, non hai ditadores; os ditadores só existen nos países xa nomeados que non seguen as ordes dos imperialistas de Occidente. Daquí (sempre a gadoupa de Occidente) saen as armas para os do Estado Islámico e os chamados rebeldes sirios. Sementada a destrución e o caos, que antes das invasións e selvaxes intervencións non existían, o mundo entra nunha verdadeira e cruel recesión económica e social. Se antes era malo, agora é pior, custando esta diferencia centos de millerios de mortos.

Vivimos a cultura agresiva e ditatorial dos e das que nos gobernan en occidente, porque estes son os que protexen e avivan o rancor e o roubo. E somos nós quen os poñemos, a homes e mulleres poderosos que nunca nas súas vidas padeceu problema de opresión ou pobreza. Os mesmos que sosteñen as empresas rapineiras e a todos os seus xerifaltes protexidos por leis ditadas e aprobadas democraticamente polos parlamentos, é dicir, polos seus amigos que se apoderaron das maiorías (dereita e socialdemocracia, o chamado bipartidismo clásico).

E se eu me equivoco no que afirmo, que contesten estas cuestións: por que non respectan a soberanía dos diferentes países. Por que teñen bases militares ciscadas polo mundo e dominadas polos EE.UU. utilizadas para a invasión. Por que, se tanto aman a democracia, non respectan os distintos idiomas, culturas e políticas, tratando de favorecer cambios positivos pola vía da paz e das relacións en plan de igualdade. Por que non prohiben o comercio coas armas que afirman a guerra e o terrorismo. Por que non deixan de extorsionar as economías dos chamados países pobres de forma claramente colonial, favorecendo as empresas transnacionais que rouban e matan sen escrúpulo algún. Por que se arman até os dentes e dominan o mundo a través dunha organización militarista como é a OTAN. Por que eliminan as formas de produción que escapan das leis do capitalismo e que son as que favorecían os pobos dos países do éxodo actual. Por que, en fin, despois de tantos séculos de dominio colonial, seguen reprimindo a evolución propia de cada nación. Por que, en fin, non recollen a dencuncia daquela nóbel da paz, Rigoberta Menchú, cando aquí mesmo ao lado, en Oleiros, afirmou que cando lle falan os do FMI e outras organizacións internacionais de botarlle unha man aos países pobres ela sempre di que non, por favor, que non lle boten man algunha, que o que teñen que facer é sacarlla dos seus pescozos.

Cando poñamos persoas nos gobernos que defendan e leven á práctica estes principios básicos e realmente democráticos, daquela, comezaremos a respirar e xa non teremos a hipocrisía de laiarnos por ver a millóns de persoas fuxindo do terror e da submisión, porque elas xa poderán comer e esperanzarse nos seus propios países. Xa non se sentirán agarrados polo pescozo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.