O prezo da axuda humanitaria

O prezo da axuda humanitaria

O pasado terremoto de Haití provocou unha auténtica avalancha de información nos medios de comunicación do mundo enteiro: todo aquel que así o quixo -ou aínda sen querelo- foi informado, minuciosamente, de cifras máis ou menos exactas sobre o número de mortos e de feridos, sobre as perdas materiais que se produciron, sobre as axudas humanitarias que enviaban os diferentes países, sobre as dificultades que xurdían para levar a cabo un reparto equilibrado, sobre a necesidade de reconstruír o país...

Non obstante, se queremos facer outra lectura sobre esta catástrofe, quizais debamos fixarnos noutra realidade que tamén revelou: refírome ao feito de que xa non existe unha fronteira perfectamente delimitada entre as actividades civís e militares emprendidas polos EUA e os seus aliados (entre os que se atopa, loxicamente, a UE); dito doutro modo, xa case non se pode distinguir entre un civil que se despraza ao lugar afectado con intención de levar a cabo algún tipo de axuda humanitaria e mais o persoal militar. Cómpre engadir, por outro lado, que esta confluencia é aínda maior no caso das actuacións relacionadas coa axuda no eido agrícola en países previamente destruídos por conflitos militares (Camboia, Iraq, Afganistán....), xa que, nestes casos concretos, a suposta axuda humanitaria é, tamén, un compoñente intrínseco da campaña militar, como se pode ler na Revista Internacional da Cruz Vermella (nº 855 de 2004) "Os Equipos de Reconstrución Provincial creados en Afganistán empregan deliberadamente os proxectos humanitarios de reconstrución como un medio para lograr os obxectivos militares de reunir intelixencia e gañar as mentes e os corazóns da poboación afgá"; é dicir, esta frase vennos suxerir, de maneira bastante evidente, que os envíos da axuda humanitaria recíbense en aeroportos militares e empréganse como "cenoura" nas campañas contra a insurxencia, unhas cenouras, polo tanto, recheas de veleno e atadas a paus moi duros.

Este tipo de actuacións, camufladas nalgún caso baixo o manto de garantir a seguridade e a distribución da axuda internacional e noutros levadas a cabo sen disimulo de ningún tipo, non son máis que unha parte da estratexia dos Estados Unidos para o impulso de políticas neoliberais na agricultura e favorecer a entrada das súas agroempresas en todo o mundo; por outro lado, tamén é necesario facer constar que estamos diante dunha política respaldada polos organismos internacionais encargados da axuda humanitaria, que, baixo o pretexto de "crear un crecemento económico sostible a través de establecer un sector privado dinámico", provocan que os países receptores desa suposta "axuda humanitaria" instauren unha serie de normativas que protexan os dereitos de monopolio por parte da agroindustria transnacional (que leva asociadas realidades como a substitución das sementes tradicionais por outras patentadas, o acceso das empresas estranxeiras ás mellores terras de cultivo...). Por dicilo dunha maneira máis clara e máis directa: a cambio de recibir axuda humanitaria, os países receptores, recentemente destruídos ou xa en proceso de "reconstrución", son forzados (subornados?) a abrir os seus mercados e terras aos agronegocios mundiais, aos especuladores e á importación de alimentos subsidiados provenientes dos países ricos.

O conxunto de cambios que acabamos de enumerar provoca que estes países pasen, de producir alimentos para un mercado local, a producir "commodities" mundiais cara o mercado de futuros (a solución que parecen querer moitos dos nosos dirixentes para o agro galego), un suposto avance que non dá de comer aos habitantes destas zonas, aínda que si mellora a carteira de resultados dos fondos de inversión.

A conclusión evidente de todo o que acabo de dicir é que, con actuacións deste tipo, a dependencia dos países pertencentes ao chamado terceiro mundo é, cada vez, maior, xa que, en troques de mellorar, van perdendo, paulatina e inexorablemente, a capacidade para alimentar a súa propia poboación e, en consecuencia, para ser auténticos estados soberanos e independentes; volvamos a Haití para dar unha última cifra que fala por si mesma: este país, xa antes do terremoto, precisaba importar preto do 60% dos alimentos que consumía. É necesario dicir algo máis sobre o tema?