O penúltimo paso


A pouco máis dun mes para a segunda volta das elección peruanas, o estado andino encamíñase cara un goberno de esquerda; nunha votación marcada pola presenza de Keiko Fujimori, filla do expresidente Alberto Fujimori, condenado na actualidade por delitos contra a humanidade e corrupción durante o seu mandato.

Aínda que nas primeiras enquisas preelectorais Ollanta Humala semellaba moi lonxe de poder repetir na segunda volta, a súa mensaxe, dirixida principalmente cara os colectivos máis desfavorecidos, terminou por impoñerse cun 31'7 % dos votos válidos, porcentaxe similar o acadado 4 anos antes, 8 puntos por riba de Keiko Fujimori, e mantendo con diferente ton e unha presentación máis inclusiva cara outras tendencias as mesma mensaxe: a necesidade dunha reforma constitucional -diminuíndo o peso a cuestión pero sen renunciar tampouco a unha asemblea constituínte-, a redistribución da riqueza por medio dunha transformación do modelo económico, ou un programa de
pensións para os maiores de 65 anos.

Pola súa parte, Fujimori mantívose arredor do 20% durante toda campaña, e terminou por impoñerse por un reducido marxe a Pedro Pablo Kuczynski, sosténdose na poboación beneficiada dos programas e subvencións do goberno do seu pai, e prometendo servizos coma o reparto de roupa a escolares ou equipar axeitadamente os comedores populares. Amais están no seu programa a introdución de xuntas veciñais urbanas para reforzar a seguridade, e a creación de xulgados nas comisarías, todo isto, reivindicando o legado do mandato paterno, do que se desculpou unha vez chegada a segunda volta.

Con relación a un modelo que leva o Perú a un crecemento económico do 7% anual, Fujiimori non o cuestionou en ningún momento, o que non evitou que a presión social obrigara a todos os candidatos a comprometerse con algunha clase de reforma, debido a que a metade da poboación sufra carencias de calquer tipo -a pesar das manipulacións estatísticas do goberno peruano, que para presumir de que baixaran eses niveles, recalcularon os dados tomando so en conta a pobreza extrema, que si corresponde o 30% da poboación, sen valorar a pobreza relativa, que marca a liña divisoria da pobreza nestes casos-. Sexa como sexa, e ante a ausencia dunha liña ideolóxica marcada, os medios de comunicación cualifícana como unha peza da dereita maila o seu peso en estratos humildes, está claro tamén que as políticas macroeconómicas non van ser tocadas, como demostra o apoio que brinda a Keiko o presidente saliente, Alan García.

A pesares da coincidencia coas aspiracións da oligarquía peruana, que pecha filas en torno a Fujimori, purgando nas súas empresas aos posibles insubmisos, coma o despido fai unha semana de dous xornalistas de El Comercio, por non aceptar a liña editorial de apoiar a Keiko e atacar a Ollanta; no tocante a estratos medios e menos elitistas está moi presente o autogolpe que deu Fujimori e a ditadura civil que implantou ate que escapou a Xapón, converténdose nunha fonte de votos non so para Humala, senón para as filas do votos en branco e nulo, que segundo as derradeiras enquisa vai superar o 10%.

Desde logo, a confrontación entre Fujimori e Humala era o peor escenario que agardaba unha porcentaxe salientábel destas clases medias e medias altas pero que non pertencen a burguesía tradicional; como resolveu Mario Vargas Llosa, que dende o seu pedestal literario definiuno como elixir entre o cancro e o SIDA, aínda que chegado momento optou por recomendar o apoio a Humala a costa de Keiko Fujimori, cuxo pai chegou a Presidencia derrotando o mesmo Vargas Llosa fai 21 anos. Sen dúbida, e máis tralo acontecido nas anteriores eleccións presidencias, nos que tódolos partidos uníronse contra Humala a favor de Alan García, que foi o finalmente elixido; a chegada de Keiko Fujimori, que amais dos apoios tamén carrega cun alto nivel de rexeite, pola frescura da fase ditatorial que supuxo o final do mandato de Alberto Fujimori, e a mellor baza para que Ollanta Humala poida ser presidente.

A asesoría dos expertos brasileiros do Partido dos Traballadores axudou a amplia-la base social que nun principio atribuíase ao candidato, ganando ate o momento a carreira nos estratos medios e avanzando con paso firme nos sectores sociais máis altos, onde Keiko, sostida por boa parte de antigo equipo de Alberto Fujimori, podería ter sacado unha maior vantaxe.

Os tres candidatos rexeitaron apoiar directamente a ningún candidato, sen embargo, prevese polas súas declaracións que os votos de Toledo irán a Humala, mentres que os de Kuczynski e Castañeda sumaranse as filas de Fujimori, que en todo caso conta con maior capacidade de influencia a nivel de comunicación en concreto e economía en xeral, co cal a franxa entre 4 e 8 puntos que os enquisas dan a favor de Humala non é un obstáculo insalvábel se o candidato da esquerda non remata de afianzar a súa imaxe para o 5 de xuño, data das eleccións.

No plano internacional, Chávez tivera fai catro anos unha importancia desmedida nas eleccións andinas, fomentado polos medios conservadores que apupados pola claridade do líder venezolano en expresar as súas preferencias, deron en equiparar a Humala cos terribles feitos que os medios liberais atribúen a Chávez, o que lle impediu nesa segunda volta recoller votos máis alá das clases populares. Esa percepción baseada en intereses económicos, que a desigualdade social non cesa de rachar, mantense con maior énfase no estranxeiro, onde os peruanos destacados en Europa ou Asia votaron na súa maioría por Fujimori, relegando a Humala as derradeiras prazas.

Canto todo está aínda por decidirse, a entrada de Perú no grupo dos executivos de esquerda pode supor un paso definitivo na integración continental, a falta de Colombia, non só polas posibilidades que este mercado e esta interacción supón para os peruanos, senón pola consolidación definitiva dun modelo que pon a economía ao servizo da sociedade, tendo como labor principal a erradicación da pobreza, e que a medida sexa asimilado de forma cada vez máis homoxénea por tódolos países da rexión pode rematar por constituírse na carta de presentación do continente a hora de asumir a soberanía real e a posición a nivel mundial que o gran veciño tanto tempo conseguiu opacar.