O Imperio contraataca: A hexemonía da Igrexa ameazada
Non hai moito escoitei na Radio Galega un programa sobre o auxe do satanismo en "España" (sic.!) a raíz do Informe sobre la actualidad del satanismo en España, que me suscitou as seguintes reflexións.
De cando en cando e de xeito reiterado, os medios de comunicación, na eterna procura do escándalo truculento no canto da información real, recorren ao tema das seitas para desviar a atención do público de asuntos de maior calado social, nutríndose da alarma baseada no pánico moral sen ningún potencial de transformación social: nunha palabra, sensacionalismo fronte ao xornalismo investigativo.
Mais, antes de botar as mans á cabeza ante o recruar do coco satánico e outras fantasiosas seitas relixiosas, cabe reflectir de xeito sosegado e razoado acerca do verdadeiro sentir da palabra "seita", ao tratarse dunha 'palabra raposeira' que non se utiliza para se definir a si mesmo, senón que vén sendo un cualificativo despectivo en boca dos seus inimigos. Noutras palabras, son cualificados de 'seitas' aqueles grupos relixiosos heterodoxos que non concordan coa doutrina das grandes relixións socialmente hexemónicas, desexosas de manteren o seu status privilexiado. Para parafrasear Max Weinreich: "Unha relixión é unha seita cun exército".
Son, pois, as grandes relixións as que definen quen é e quen non é unha seita. Por iso non sorprende descubrir que detrás de moitos grupos que 'informan' sobre a actividade sectaria está a igrexa católica (ou a protestante nos países onde é esta a predominante). Proba diso é a invitada de honra no programa da Radio Galega do que antes falei, a chamada Red Iberoamericana de Estudio de las Sectas. Coa máxima falta de rigor xornalístico, 'esquécese' de contrastar as opinións emitidas e, sobre todo, de mencionar o feito de esta organización 'especialista' no tema estar directamente vinculada co "portal de información y opinión socio-religiosa", InfoCatólica, para alén de incluír unha ligazón directa ao sitio antiabortista Derecho a vivir no seu sitio na rede.
Para entendermos mellor a situación 'informativa': sería un pouco como invitar un rabino -mais sen dicir que representa un organismo xudeu- a falar das desvantaxes dos friames e dos embutidos do San Martiño...
E non é para menos. Así, a citada Rede inclúe entre as seitas os mormóns, a santería, as Testemuñas de Xehová, Nova Acrópole, os Nenos de Deus, o satanismo, os raelianos e o reiki... Mais brilla pola súa ausencia desta listaxe o Opus Dei, malia seren frecuentes as acusacións de prácticas sectarias fundamentadas (p.e. Opus Dei Awareness Network e o sitio de ex-membros), por non falar dos Lexionarios de Cristo...
Todo é relativo: desde o seu punto de vista, a homeopatía é 'irracional'; desde a da ciencia empírica, non o é menos a fe relixiosa da que parte o mesmo grupo que, baseando as súas opinións no "ya el famoso documento Vaticano "Jesucristo, portador del Agua de la Vida", obra del Pontificio Consejo de la Cultura y del Pontificio Consejo para el Diálogo Interreligioso". Iso si que é moito máis racional...
Así, o imperio contraataca: ante calquera ameaza ao seu poderío e os seus privilexios, acusar outros grupos disidentes de seren seitas (antes falábase de 'herexía', o que vén sendo o mesmo) sempre foi a escusa perfecta para neutralizalos, incluso fisicamente. Abundan os exemplos: desde os 54 templarios queimados vivos na fogueira en 1310 tras torturas e un xuízo farsa, até as 8.000 vítimas do Tribunal do 'Santo' (sic.) Oficio da Inquisición (G. Henningsen. 1992. The Database of the Spanish Inquisition), pasando polo xenocidio perpetrado contra os cátaros en Besières en 1209 cando foron masacrados 20.000 (!) 'herexes' (léase 'civís inocentes') segundo o propio legado papal, Arnaud Amalric, en Patrologia latinae cursus completus. E non se trata, evidentemente, dunha práctica exclusiva da igrexa católica e apostólica, senón que tamén afecta a calquera Goliat fronte ao seu David como demostran, por exemplo, a persecución dos católicos romanos polos protestantes en Inglaterra no século XVI...
Volvendo ao exemplo anterior, como vexetariano que son, éme totalmente alleo o debate dos pros e contras de comer carne de porco. Ou, dito doutro xeito, como ateo que son, éme exactamente igual que a superstición organizada se plasme nunha 'seita' ou nunha 'relixión'. Non me preocupa no máis mínimo a suposta veneración do anticristo, pois tampouco creo na veneración de cristo... O que si me resulta preocupante é o peso que segue a ter a relixión organizada sobre a vida política, e, por tanto, e de xeito eminentemente antidemocrático, sobre o conxunto da sociedade - sexan ou non crentes. E non importa que sexa por parte dunha seita ou dunha relixión socialmente poderosa, desde o activismo anticomunista primario da Igrexa da Unificación do Rev. Sun Myung Moon e a súa influencia en varios gobernos dos EUA, o recoñecemento da Cidade do Vaticano como estado soberano por Mussolini, ou as continuas tentativas da Conferencia Episcopal Española de se entremeter na política, desde a ameaza de excomungar calquera deputad@ que votase a favor da nova lei de aborto, até o boicot da educación para a cidadanía (ao tempo que se defenden ferreamente as ensinanzas confesionais dentro dos centros públicos), pasando pola campaña en contra do matrimonio entre persoas do mesmo sexo votado pola maioría d@s parlamantari@s (democraticamente elixid@s en votación popular, non como os bispos...).
Fronte á posibilidade de perder o seu poderío, é lóxico que a igrexa ataque calquera que se enfronte a ela e pretenda competir con ela polo seu espazo: de perder 'fieis' ás seitas, recadaría menos diñeiro e exercería menos influencia sobre o conxunto da sociedade. Para entendermos mellor o que está en xogo, comparemos as cifras reais: mentres Zapatero pretende reducir a débeda pública mediante os recortes nos salarios do funcionariado, na Declaración da Renda 2009 (IRPF 2008) a Igrexa católica recadou 252.682.547 €, cun incremento de máis de 11 millóns de euros a respecto do exercicio anterior. U-lo autofinanciamento da Igrexa prevista no Acuerdo entre el Estado español y la Santa Sede do 3 de xaneiro de 1979?
En definitiva, a teima das 'seitas' é unha pista falsa para desviar a atención e que só serve para lexitimar as relixións que chegaron a se impor na sociedade mediante a descualificación de voces discordantes que entrarían en competición con elas. Así, pois, o verdadeiro debate que cabería dar non é outro que a separación aínda pendente da Igrexa e do Estado para a creación dunha sociedade laica, que é a única que pode ser plenamente democrática. As palabras de Marx teñen tanta vixencia como nunca: "A relixión é o opio do pobo".