O crego obreiro, Periko Solabarria

O crego obreiro, Periko Solabarria

Ao meu amigo Elías Ramil, amigo tamén de Moncho Valcarce


Nacido en Portugalete en 1930, aos seus 83 anos de idade o crego obreiro afincado en Barakaldo, Periko Solabarria, acaba de ser procesado pola Audiencia Nacional, xunto con outros seis rapaces de Ernai, por enaltecer o terrorismo nun acto de duelo en Urduña a raíz das estrañas circunstancias nas que morreu o preso político vasco Xabier López Peña e participar na homenaxe ao ex preso Ángel Figueroa, que faleceu o 14 de marzo de 2013. Non se vai poder nin dar o último adeus aos amigos que se van para sempre si non son tamén amigos deles. Antes a desculpa era a violencia de ETA, pero agora é o non ter o seu pensamento cavernícola.

Non é de estrañar que ese Tribunal, continuador do anteriormente chamado de Orden Público, non teña ningunha deferencia pola idade nin porque aínda se atope convalecente dunha operación por rotura de cadeira producida por un brutal empuxón da Ertzaintza, cando participaba nun piquete informativo na folga xeral do 29 de marzo de 2012, tendo que camiñar axudado de muletas. Non anda tan dilixente ese Tribunal para procesar aos verdadeiros apoloxistas do terrorismo e do xenocidio franquista como os alcaldes de Baralla e de Beade, que encima sacan peito presumindo de lobos fascistas. Tampouco foron capaces de procesar a Fraga polos asasinatos de Vitoria, a Felipe González polos do GAL, nin a aqueles que arrouparon a Barrionuevo e a Vera na prisión de Guadalaxara, porque eses si poden facer apoloxía do terrorismo dos seus amigos mentres os xuíces da Audiencia miran para outro lado. Con eses sinistros personaxes pódese solidarizar un, pero non con un preso que morre na cadea por falta da atención necesaria a súa enfermidade, nin con outro que contraeu alí unha enfermidade incurable, pero este é o “Estado de Dereito” do que alardea a “Marca España”.

Como viven de costas ao pobo, instalados no odio e na vinganza, non poden asimilar o afecto que lle teñen os seus veciños a unha persoa que o deu todo polas clases mais desfavorecidas. Non poden aturar tanto cariño e próelles que fora elixido este ano como pregoeiro das festas do Carme de Barakaldo, onde dixo que a festa debe converterse nun territorio que nos faga gozar do encontro, do contacto persoal, do respecto e da tenrura, que nunca deben faltar en ningún ámbito da vida. A festa dos ladróns, en cambio, non ten descanso.

,Periko foi elixido Deputado en Madrid nas primeiras eleccións xerais de 1977 pola coalición Euskadiko Ezkerra, o que non lle impediu seguir traballando de peón na construción da ponte de Rontegi, a onde se tiñan que desprazar os periodistas que o querían entrevistar. Despois foi elixido Deputado por Herri Batasuna nos anos 1979 e 1982 . Tamén conseguiu a acta de Parlamentario Vasco en 1979, pero renunciou antes de tomar posesión dela. Despois foi concelleiro de Barakaldo e Deputado nas Xuntas Xerais de Bizkaia entre os anos 1983 e 1991. Este vello amigo e compañeiro en tantas loitas obreiras como a que levamos a cabo contra o peche dos Altos Fornos de Vizcaya e outras fábricas da comarca de Ezkerraldea, cando Felipe González andaba desmantelando as industrias públicas e privatizando as poucas que quedaban, tivo o primeiro destino como crego na parroquia de Triano; unha zona mineira na que os emigrantes, ao non posuír casa como os nativos, vivían en chabolas de madeira feitas polas empresas e os miserables soldos que lles pagaban tiñan que deixalos nas tendas dos patróns quedando así o comido polo servido. Foi alí onde empezou a tomar conciencia, a organizar aos traballadores e a loitar por unhas condicións de vida mais dignas para aquelas xentes vidas doutras terras e as que sempre profesou un cariño especial. Despois pasou a igrexa do Carme de Sestao, onde daba misa a primeira hora do día e despois ía traballar de peón da construción ou nas liñas de laminación que Altos Fornos tiña nesa localidade.

Mais tarde encoméndanlle a igrexa de Santa Teresa de Barakaldo e no soto da casa reitoral creouse unha escola clandestina de sindicalistas, editándose alí toda a propaganda sindical e política con unha copiadora a manivela, das chamadas “vietnamitas”. Alí durmía nun colchón tirado no chan ou nese húmido e duro chan, cando lle daba o colchón a alguén que pensaba que o necesitaba mais que el. Foi alí onde se fundaron os sindicatos USO e Comisións Obreiras, e por ese soto pasaron sindicalistas como Nicolás Redondo, Marcelino Camacho, José Luís Corcuera, e políticos que logo na transición traizoaron a súa amistade e nunca lle agradeceron a solidariedade que tivo con eles escondéndoos da policía e da Garda Civil cando os andaban buscando. Eles cambiaron, pero el continuou a loita e aínda segue afirmando que o marxismo non pasou de moda; que o que debía pasar de moda son as alfombras roxas e que non sabe porque son dese color cando as pisan persoas de sangue azul.

Dixo Eduardo Galeano que si non nos deixan soñar non os deixaremos durmir, pero Periko non se conforma solo con soñar e non quere deixalos durmir até facer realidade os seus nobres soños, que é como debe facer todo aquel que pensa que as utopías deixan de selo cando se fan realidade.

Pola súa loita contra o fascismo estivo preso na cadea para curas de Zamora e varias veces na de Basauri, o que lle fixo perder a súa condición de sacerdote, deixándolle mais tempo para dedicarse solo a traballar na construción e como activista político-sindical. Esta actividade profesional de peón da construción, que exerceu mais de trinta anos repercutiu na súa saúde contraendo unha enfermidade respiratoria crónica e aínda así, con todas esas eivas, segue loitando.

Os xuíces desa Audiencia, postos politicamente polos dous partidos que alternan o goberno para defender os seus intereses e que compiten entre si na corrupción deste Estado putrefacto, non o van a intimidar co seu arbitrario exercicio de poder a pesar da súa feble saúde, nin van cambiar a firme vontade dese xunco abertzale que nos di como naceu, como foi e como seguirá sendo, neste poema seu que enceta con estes catro preciosos versos:

Rojo fué mi nacimiento y ensangrentada mi vida, roja será mi bandera como el llanto de las minas.