O amigo nazi
Esquézanse de grandes palabras como democracia, liberdade ou dereitos humanos, que xa campan baleiras de contido de tanto seren usadas en falso. Isto non é máis que un novo episodio da guerra enerxética en curso, derivada da crecente escaseza de recursos á que a humanidade se enfronta nas últimas décadas da era dos combustíbeis fósiles.
As prospeccións gasísticas levadas a cabo por ExxonMobile, Chevron e Shell no oeste da Ucrania deron resultados esperanzadores. As compañías estadounidenses e europeas dispóñense a comezar a explotación. O futuro gas ucraniano e polaco reducirá a molesta dependencia de Rusia que padecen certos países centrais da Unión Europea. Para alén de procurarlles un certo alivio enerxético ás nosas elites económicas, unha boa xogada de xadrez procuraría rodear ao competidor ruso de bases militares que o amordazarían xeoestratexicamente. Ucrania debe, por forza maior e sen ambaxes, ser incluída neste lado do Imperio.
Esquézanse pois dos grandes conceptos vendidos nos medios como alicerces das falsísimas revolucións de cores: temos as petroleiras occidentais dun lado do campo de batalla, a Gazprom no outro, o gas de xisto como obxecto de desexo e ao pobo ucraniano no medio.
Quen é quen?
Cativada polo gas, a maquinaria imperial móvese. Victoria Nuland (‘Fuck the EU!’), alta executiva estadounidense para asuntos euroasiáticos, reúnese cos seus peóns en Kiev e recoñece publicamente fortísimos investimentos económicos na ‘promoción das institucións democráticas’ e da ‘sociedade civil’ ucraniana. E con este filantrópico obxectivo, a enviada do Premio Nobel da Paz escolle reputados movementos nazis como aliados de primeira orde sobre o terreo.
Oleh Tyahnybok e Arseniy Yatsenyuk son dous interlocutores clave. Yatsenyuk, nomeado primeiro ministro despois do golpe, é a man dereita da Iulia Timoshenko, ex-primeira ministra e unha das protagonistas das primeiras guerras polo gas entre bandas de gangsters. Tyahnybok é líder do partido neonazi Sbovoda (Liberdade). Sbovoda é recoñecido no ideolóxico pola súa rusofobia, homofobia e antisemitismo, e pola defensa da figura histórica do colaboracionista nazi Stepan Bandera. Un dos seus membros destacados, Iuri Mykhalschysyn, foi fundador en 2005 do think thank reveladoramente chamado Centro de Investigacións Políticas Joseph Goebbels.
Xunto co movemento paramilitar neonazi chamado Pravyi Sektor (Sector Dereito), Sbovoda e Patria, o movemento político do novo primeiro ministro, outros sorprendentes aliados colaboraron decisivamente na estratexia militar que levou a cabo o golpe de estado. Nos movementos tácticos polas rúas de Kiev tomaron parte reservistas do exército israelí, que organizaron pelotóns de paramilitares arredor do emblemático Maidán.
Forxados nas tácticas de guerra urbana na tristemente famosa brigada Givati, estes mercenarios aseguran ‘non ter visto por ningures’ as manifestacións de nazismo e antisemitismo aparecidas nas protestas. Fagamos memoria: a brigada Givati do exército israelí foi autora, entre outros feitos heroicos, do asasinato en masa de civís coñecido en Palestina como o Masacre de Gaza (2008-2009) e entre nós polo nome oficial israelí de Operación Chumbo Fundido. Simples aventureiros ou, máis probabelmente, pezas nada casuais do deseño golpista triunfante, aqueles combatentes nas rúas de Kiev son desculpados ou abertamente apoiados pola prensa maioritaria israelí (Haaretz, 28/02/14) e por outros medios afíns, que chegan a presentalos como ‘salvadores de vidas’.
O UÇK, un antecedente
Foi tamén no corazón de Europa. Durante os meses previos ao sanguento desenlace da guerra de Kosovo, en 1999, sorprendeu a súbita aparición dun exército non regular, pero ben uniformado, xerarquizado, armado, adestrado e abastecido. Xenófobo, islamita radical, violento até o sadismo, hoxe é universalmente recoñecido que o Exército de Liberación de Kosovo (UÇK) foi impulsado desde Washington e Berlín como parte da estratexia occidental na zona. A tensión bélica inducida rematou co bombardeo de Belgrado polas nosas forzas aéreas, que provocaron miles de mortos civís en escasas semanas e acabaron de situar todas as exrepúblicas iugoslavas neste lado do Imperio.
Unha vez rematado o traballo, os militarizados exmembros do UÇK especializáronse no tráfico de drogas e órganos humanos, e incluso deron en morder a man que os alimentara trasladando a súa actividade delituosa aos nosos lares. A estratexia imperial para Europa oriental era naqueles anos a de dividir até o infinito os estados unitarios formando microentidades estatais ben controlábeis. Hoxe os EUA supervisan os incómodos Balcáns desde a megabase militar de Camp Bondsteel en Kosovo, a maior do mundo en territorio non estadounidense. Serbia, pola súa parte, participa como observadora nas reunións da organización militar atlántica, a mesma que a bombardeara en 1999.
Mais volvamos a hoxe. Subitamente Europa amañece con catro nazis nun dos seus democráticos gobernos. Alén de varios gobernadores rexionais, corresponden a Sbovoda unha vicepresidencia e as carteiras de Ecoloxía, Agricultura e Educación. Relacionen agora aquela ben sucedida xogada estratéxica kosovar co apoio estadounidense ás milicias extremistas relixiosas que destruíron Libia, ás que están a facer o propio con Siria e co que acabamos de ver en Ucrania. Terán unha visión bastante exacta da falta de escrúpulos do Imperio á hora de escoller aliados e poñelos no poder cando lles interesa ás corporacións que representa. Todo polo gas: esta amalgama de nazis, iluminados, aventureiros, descerebrados e criminais de guerra foron e son os nosos amigos oficiais, as nosas tropas de choque, a avanzada militar das nosas elites económicas. Aí os temos diante nosa, outra volta.