Not your president?

Protesters hold signs during a protest against the election of President-elect Donald Trump, Wednesday, Nov. 9, 2016, in downtown Seattle. (AP Photo/Ted S. Warren)

Desafiando os prognósticos do cuarto poder mediático, o magnate multimillonario Donald Trump vai ser o novo Presidente de AmeriKKKa. É repugnante. Dá noxo. Diso non me cabe a menor dúbida. Ora, que sexa misóxino, homófobo e racista non é de estrañar, nen podería ser doutra maneira, pois o capitalismo é así. Eríxese sobre a explotación da maioría en beneficio dunha elite enriquecida, da cal forma parte o presidente eleito que xa comezou a reinar desde o seu palacete dourado, epítome do mal gosto ostentoso. Precisa do patriarcado para sustentarse. Emprega o racismo para dividir @s traballador@s, fomentando a competitividade e inculcando o individualismo para romper a solidariedade entre povos e a unidade obreira. Do mesmo xeito, a comunidade LGBTIQ+ proporciónalle un bode expiatorio moi conveniente para desviar a atención.

Sería a Hillary mellor? Máis ben sería menos peor, e só en aparencia. Non é máis que a cara amábel da mesma moeda: como se di en inglés, ‘diferentes cus, mesma merda’. Se ben non mantén unha política interior radicalmente reaccionaria en materia social, no plano internacional non deixa de ser un esbirro do imperialismo, apoiando a intervención militar en Siria e defensora do Estado Sionista.

Seica a eleición de Trump desatou unha vaga da violencia racista. De súpeto, os medios de desinformación sistémicos interésanse polo tema, do mesmo xeito que no pos-Brexit no Reino Unido, como se non existise racismo de xeito endémico antes. O racismo non é nada novo nos U$A, onde @s negr@s (40%) e @s hispan@s (19%) soman 59% da populación prisional, apesar de representaren tan só 29% da sociedade xeral fronte a 39% de branc@s (64% da sociedade), unha realidade apartheidesca que non mudou durante o mandato de Obama. E o mesmo Presidente ‘Negro’ leva encubrindo os asasinatos de afroamerican@s pola policía, apelando à calma face às protestas do movemento Black Lives Matter. Un auténtico lobo con pel de cordeiro, o que se coñece vulgarmente como ‘un coco’ no seu país, isto é, negro por fóra e branco por dentro, fronte ao Trump que non é máis que un lobo. E todo indica que Hillary sería igual de belicista que o Trump, que, à súa vez e por moito que diga o contrario, vai seguir na mesma liña de agresión militarista da cal precisa o imperialismo estadounidense para asegurar a continuidade da súa hexemonía como superpotencia mundial.

Trump soubo aproveitar o desencantamento xeneralizado de quen depositara (tan inxenuamente) as súas esperanzas nas mudanzas radicais que seica ía traer Obama, mediante un populismo que consegue cortexar @s traballador@s empobrecid@s, sen alterar a orde estabelecida. Un populismo que xa se está a viver na Franza e tamén no Estado español, aínda que sob formas e retóricas diferentes. Prepotentes demagogos que pretenden romper a baralla do statu quo, arrogándose o papel de falar en nome do povo (español, por suposto), mais que non cuestionan o sistema, como, por exemplo, o fraude da Transición e a arquitectura pos-franquista que perpetúa o asoballamento das nacións que se achan baixo o xugo do Reino de Ejpaña.

E, ao igual que Obama, Trump tampouco vai cumprir coas súas promesas eleitorais. Así, é máis que probábel que a súa proposta de ampliar o muro fronteirizo xa existente entre México e os EUA nunca chegue a realizarse, pois sabe moi ben que precisa da mao de obra barata que constitui a migración de sen papeis mexicanos para manter a economía a flote, ao mesmo tempo que permite baixar os salarios d@s outr@s traballador@s, criando unha fenda dentro da clase operaria. En todo o caso, tería moi difícil bater o sombrío récord de Obama, que expulsou 2,5 millóns de inmigrantes sen papeis, o que representa un aumento de 23% a respeito do período anterior e a cifra máis alta que calquer outro goberno dos U$A. Sería tamén moi improbábel que desmantelar o denominado Obamacare: non por bondade, nen por preocupación pola saúde d@s traballador@s, mais porque permite que as compañías de seguros se lucren grazas ao diñeiro público. Trump, Hillary, Obama... non son máis que monicreques ao servizo do verdadeiro poder na sombra, pois quen move os fíos nos U$A –aí e en todo o mundo, máis aí de xeito máis descarado– son os lobis que representan o capital transnacional e financeiro.

O truco radica na falacia do bipartidismo que fai crer que só pode escoller entre dúas opcións, fomentando o voto estratéxico e polarizando así o voto entre o malo e o menos malo. Como se os nacionalistas tragásemos o farol de ter que renegar dos nosos principios e escoller entre o PP e o P‘SO’E, en vez de confiarmos con ilusión na nosa propria capacidade e traballarmos para facer realidade a única alternativa real, nucleada ao redor do BNG. Así, tamén existe unha terceira opción nos U$A, que non pasa nen polos ‘Demócratas’ nen polos Republicanos, o Workers World Party, que organiza e loita en contra do imperialismo, a explotación capitalista, o racismo e todas as formas de opresión. Aquí, como alá, o povo traballador só ten que dar o salto cualitativo para ver alén do que o sistema lle oferece.

Após a eleición de Trump unha parte da poboación tomou as rúas ao grito de Not my President! Para que non quede nunha simples perrencha, agora fica por saber se se poderá lograr organizar as masas para transformar este estoupido de descontento nun verdadeiro movemento de mudanza real antes de a xente se resignar a asumir que as cousas van seguir igual ou pior dentro do mesmo marco de sempre. Ora ben, por outra banda, cabe recoñecer que cando se xoga o xogo eleitoral, xa se sabe de antemán cais son as regras. Aínda ben que non gañase a Hillary, pois talvez teríamos que ver como fosen os outros encapuzados a queimar cruces nas rúas ao grito de ‘Non é a miña Presidenta!’. O certo é que na Galiza a maioría d@s galeg@s non votaron no PP e que por moito que diga que vai ser o presidente de todas as galegas e galegos, Feixóo non me representa, mais non é menos certo que o sistema o lexitima para ser presidente. En vez de laiarse e desmoralizarse, hai que mirar para a frente e seguir organizando o povo, nas rúas e nos bairros e tamén nas institucións, sempre como ferramenta de mudanza social.


,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.