No país córnico


Na última semana de agosto acompañei un grupo de persoas da Costa da Morte que querían coñecer a fisterra córnica. Era a miña terceira visita en vinte anos a este país céltico, menos coñecido que os outros, tamén o primeiro en perder a súa lingua, xa no século XVII. Mais nesta viaxe puiden comprobar un aumento da conciencia identitaria e da preocupación pola lingua e por outros sinais identitarios.

Para empezar unha anécdota persoal: nunha anterior visita vin unha cervexa co nome de Cornish Rebellion. Desta vez pedina nun pub e dixéronme que xa non se fabricaba, pero ofrecéronme outra cervexa córnica e o camareiro debuxou un sorriso cando dixen que a prefería unha cervexa inglesa.

Non pretendo facer nesta crónica un repaso pola historia de Cornualles, pero si darei algúns datos que, penso, son significativos para achegarnos á súa realidade.

Coa invasión saxona os celtas británicos quedaron illados e concentrados no oeste de Gran Bretaña. Xurde entón o reino de Dumnonia (de onde ven o nome actual do condado de Devon) do que máis adiante sairá Cornualles, mantendo unha relativa independencia durante os primeiros séculos do medievo, especialmente desde a batalla coñecida como Slaughter Bridge, cerca de Camelford (en córnico sería Ryskammel), e que se confunde xa coa lenda do rei Arturo. Alí dise que Arturo, o da mesa redonda e da espada escalibur, foi un líder local que se enfrontou aos invasores saxóns.

A Cornish Rebellion, da que tomaba nome a cervexa, tivo lugar en 1497. Foi unha resposta ante un aumento das taxas dado polo rei Enrique VII, pois precisaba cartos para facer fronte a unha guerra co escocés James IV. Os córnicos non lles gustou esa nova carga fiscal e dixeron que non a pagaban, que eles non tiñan nada contra os escoceses, que en tal caso era un problema dos ingleses. Pronto se armou un exército de 15.000 homes e chegaron ás portas de Londres, pero o rei mandou vir as tropas do norte para derrotar severamente aos rebeldes córnicos. A derrota significou máis tributos e confiscación de terras comunais, que foron repartidas entre os nobres ingleses. Todo iso fixo empobrecer máis este país e o centralismo dos Tudor acabou minando a especificidade córnica, especialmente a súa lingua.

Outro feito importante ten lugar en 1549. Nese ano os ingleses introducen, coa súa reforma relixiosa, un libro común de rezos en inglés, que ven substituír aos libros en latín, xunto ao inglés como lingua oficial da igrexa anglicana. Moita xente non entendía o inglés. Isto, xunto co empobrecemento, levou a unha nova revolta. Unha das súas reivindicacións era que os córnicos non entendían o inglés, polo que rexeitaban a lingua que se lles impoñía. Pero a derrota foi aínda máis cruenta. Outra consecuencia da reforma anglicana foi a ruptura de relacións entre Cornualles e Bretaña e un maior illamento da lingua e cultura córnica do seu marco común, pois até entón córnicos e bretóns mantiñan relacións continuas, tanto pola proximidade xeográfica como pola cultural, e moitos bretóns vivían en Cornualles, de onde foron expulsados.

Pero volvamos ao tempo de hoxe. Nas miñas anteriores visitas non vira ondear nunca a bandeira córnica ou polo menos non me decatei da súa presenza. A bandeira é unha cruz branca sobre fondo negro e chámanlle a bandeira de San Pirán, o santo patrón de Cornualles, tamén patrón dos mineiros, porque di a lenda que foi quen descubriu o estaño, que abundaba en Cornualles. A lenda tamén di que os irlandeses, de onde procedía o santo, atárono a unha roda de muíño e tirárono ao mar embravecido. Mais ao caer a pedra o mar calmouse e a pedra flotou e navegou até a costa norte de Cornualles. Lenda semellante a moitas galegas.

Unha das visitas que fixemos foi a unha mina convertida agora nun museo. Como queda dito Cornualles foi unha terra rica en mineral e as minas abundaban por todos os lados desde a prehistoria até que o mineral chegou máis barato dos países asiáticos xa no século XIX. O peche das minas levou a unha forte emigración cara a outras terras mineiras, como Australia ou Sudáfrica, pero tamén México ou o Estado Español a lugares como Linares, en Andalucía.

Na mina que visitamos ex mineiros voluntarios explicáronos o proceso de extracción e transformación do mineral. Pero o primeiro que nos chamou a atención foi que alí só ondeaba a bandeira córnica. Un dos guías levábaa tamén na súa roupa de traballo e este home entregounos unha folla titulada "a identidade da nación córnica". Supoño que o fixo porque sabía que éramos galegos. Nela viña a dicir que Cornualles é unha nación, que non forma parte de Inglaterra, que teñen a súa lingua e o dereito á autodeterminación.

Pero a verdade é que o teñen moi difícil. Desde hai uns poucos anos as escolas poden ensinar córnico, pero non é obrigatorio e está fóra do tempo escolar. Na web dunha organización lemos que é unha lingua viva usada por un número crecente de xente na súa vida diaria (non vou entrar en definir o concepto de lingua viva, nin si o córnico está morto). A realidade é que non chegan ao milleiro as persoas que poden manter unha conversa, na rúa non se escoita, os indicadores están en inglés e nas librerías a penas ves títulos en córnico. Pero si hai un aumento de conciencia, hai organizacións que loitan polo idioma e conseguiron no ano 2002 o recoñecemento por parte da UE de lingua minoritaria; tamén chegaron a un acordo normativo para a escrita e o uso público. Pero neste campo hai ánimo e ilusión.

Seguindo coa lingua dise que Dolly Pentreath foi unha muller que lle deu conversa a un anticuario interesado no idioma córnico, quen, en 1775, escribiu un artigo sobre este encontro na revista dos anticuarios. Desde entón esta muller pasou a ser considerada a última monolingüe en córnico, como si un idioma morrese así de repente. Xa no seu tempo houbo polémica e un pescador do mesmo pobo, de Mousehole, escribiu unha carta en córnico co que demostraba que había máis xente que aínda falaba a lingua. Cando Dolly morreu outro home escribiu o epitafio en córnico.

Co interese crecente ao longo do XIX polo mundo celta, tamén aumentou o interese pola lingua e cultura córnica. Pero non sería até o século XX cando este interese se canaliza politicamente, mellor habería que dicir que son intentos de revitalizar a lingua e, tamén, os deportes célticos, como o hurling. Así en 1904 aparece o primeiro manual para aprender córnico. O autor pregúntase neste libro por que os córnicos queren aprender esta lingua, pois non hai intereses monetarios, non serve para propósitos prácticos, a súa literatura é escasa e non de moito interese literario. E contesta: a resposta é simple. Porque son córnicos.

Pero este movemento a prol da lingua levou a un espertar da conciencia nacional e ao conseguinte movemento político. En 1932 nace o que se podería chamar primeiro partido nacionalista, Tyr ar Tavas (Terra e Lingua), pero máis que un partido era un grupo de presión. Mais ao chegar a II guerra mundial (a gran guerra tamén fora un gran paso atrás para o movemento organizativo córnico) o grupo case desaparece. Non será até 1951 cando se constitúa o que si será o primeiro partido nacionalista córnico, o Mebyon Kernow (Fillos de Cornualles). Actualmente este partido ten algunha presenza na sociedade, tendo varios concelleiros e unha certa actividade, aínda que non chega o 5% dos votos. Na súa actividade non só reivindica unha maior autonomía, senón tamén que defenden os servizos públicos fronte á privatización ou loitando contra a construción de novas vivendas dirixidas ao mercado inglés de segunda vivenda (nova colonización), algo que lembra a unha campaña levada a cabo en Gales na década de 1980. Nas últimas eleccións xerais logrou presentar candidatos en todos os distritos electorais, o que para eles era xa todo un éxito. Agora loitan porque o goberno central quer reducir o número de "constituencies" córnicas, os distritos electorais.