Mensaxe para un ano que chega

Mensaxe para un ano que chega

As miñas verbas de salutación con ocasión da Terceira Conferencia Internacional da Resistencia Saharaui. Arxel, 15 e 16 de decembro de 2012, celebrada coa asistencia de persoas chegadas, a ese chamado, dende 37 países diferentes

Excelentísimo Sr. Primeiro Ministro da R.A.S.D.,
Ilustres e dignas autoridades,
Queridas compañeiras e compañeiros na solidariedade e na loita polos dereitos do pobo saharauí,
Os meus moi estimados irmáns e irmás saharauís que hoxe aquí representades o mellor, o máis nobre e digno do voso pobo,

Señoras e señores:

Bismillahi
A Rahmani A Rahím. Quero comezar con esta invocación, o inicio da basmala, como mostra do maior respecto e consideración cara ás vosas crenzas e a vosa cultura, demostración de que a fe relixiosa non debe de ser motivo de afastamento ou rexeitamento, nin estar por enriba da fraternidade que nos une e que dá fortaleza e enerxía á nosa causa común...
E cunhas palabras de gratitude e felicitación para todos os membros do Comité Nacional Alxeriano de Solidariedade co Pobo Saharauí pola espléndida acollida que nos dispensou e pola magnífica organización desta 3ª Conferencia Internacional sobre "O dereito dos pobos á resistencia. O caso saharauí". Soamente quen conquistou a liberdade co sufrimento e o sacrificio da colectividade, como o pobo alxeriano, sabe o auténtico valor da verdadeira amizade e o sentido profundo da hospitalidade. Sen o seu traballo, sen a súa cordialidade, sen o seu entusiasmo... a nosa Conferencia non se tería desenvolvido dunha forma tan exitosa como a que esperamos. Parabéns, queridos amigos e amigas...

Hoxe represento ante vós á solidariedade civil española, aos centos e centos de mulleres e de homes que, dende todos os pobos e cantos de España, fan da causa saharauí a súa causa, e da sorte do pobo saharauí parte do seu propio destino. En nome da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Pobo Saharauí de España (CEAS-Sáhara) no do seu Presidente José Taboada (que me prega transmítavos un saúdo moi especial), da Federación de Institucións Solidarias co Sahara (FEDISSAH), dos seus dirixentes e dos seus miles de membros e adheridos quero facervos saber de que a nosa vontade de acompañar ao pobo saharauí cara ao seu futuro, que se iniciou dende o abandono e a traizón do Estado español, segue viva e decidida en todos e todas e que, malia as dificultades enormes que nos está a crear a grave crise económica que padecemos, non deixaremos de avanzar ao voso lado en épocas de escaseza como o fixemos en épocas de maior prosperidade. Que non deixaremos de loitar no noso empeño pola defensa dos vosos dereitos e o recoñecemento da dignidade individual e colectiva e de todos os inmensos valores morais que os vosos antepasados vos legaron e que vós contribuístes a acrecentar co voso sacrificio.

Unha solidariedade que se preocupa da atención aos nenos nas súas Vacacións en Paz, pero que atende á sanidade, á educación á problemática do abastecemento de auga ou a contribuír á alimentación dos campamentos ao tempo que organiza un Festival de Cine no deserto ou unha Escola de Cine. E que, nos últimos anos, ampliou a súa acción ao Sahara ocupado promovendo as viaxes políticas que puxeran en evidencia o control ríxido das posibilidades de acceso e información acerca do territorio, a presenza de letrados nos xuízos (en colaboración coa Asociación Internacional de Xuristas, IAJUWS, e Fedissah) ou o envío de observadores e grupos de acompañamento en apoio dos militantes de dereitos humanos. Un esforzo que estamos dispostos a proseguir e intensificar na medida das nosas posibilidades.

Fai pouco máis de dous anos reuniámonos aquí, neste mesmo lugar, para celebrar a 1ª Conferencia e, algúns de nós, coa misión de acompañar aos saharauís que dende o interior do Sahara Occidental asistiran a ela. Poucos días antes da creación do campamento de Gdeim Izik. Hoxe ante a evidencia da ausencia dalgúns compañeiros de entón, hoxe detidos en espera de xuízo, e do inxusto encarceramento doutros moitos denunciamos a inxustiza dunha retención cuxa única xustificación son motivos políticos plenamente lexítimos na orde internacional e chamamos a unha campaña mundial para a súa liberación e a erradicación dos chamados delitos de opinión, que castigan o exercicio dos dereitos e liberdades máis elementais. LIBERDADE PARA OS PRESOS POLÍTICOS SAHARAUÍS. SEN ELA CALQUERA SOLUCIÓN CARECE DE VALOR.

Nunca estivestes sós; ao contrario, cada vez somos máis os que cremos na xustiza da vosa causa. No mundo aumenta o sector dos excluídos, aquilo que Noam Chomsky (o intelectual americano que soubo ver no campamento da dignidade o primeiro exemplo dunha vontade de transformación a nivel mundial) chama o "precariado". Para este sector numericamente moi importante pero económica e politicamente pouco poderoso, aínda que para nada inactivo, causas como a do pobo saharauí son importantes porque, en cada unha delas, se determina a liberación do mundo enteiro. E os saharauís son unha parte do "precariado" que ademais sofre unha discriminación política que lles arrebatou a súa capacidade de decidir sobre o que lles pertence por dereito.

Gdeim Izik fixo crecer a colleita. Que a luz que se acendeu e brillou en cada corazón e en cada familia saharauí co resplandor de Gdeim Izik luza cada vez máis forte e se faga inextinguible ata cegar os seus inimigos. Que a comunidade que floreceu e deu unidade á gran familia do pobo saharauí nos faga máis fortes e decididos. E que asumamos, en palabras ditas pola poetisa americana June Jordan, que "nós e nós somos aqueles aos cales estabamos a esperar para liberarnos”. Non esperemos por máis, e agardemos tan só, sin deixar de buscala, á nosa hora.

VIVA O POBO SAHARAUÍ.
LIBERDADE PARA OS SEUS PRESOS ENCARCERADOS.
POLA SÚA DIGNIDADE E OS SEUS DEREITOS,SEMPRE ADIANTE.
SAHARA HORRA.

LA BEDIL
, LA BEDIL, AN TAGRIR EL MASIR.
SAHARAUI… SAHARAUIA… EIDI FA IDAK LIL HURRIA