Libia, o caos e nós


Cando un dos nosos aviadores baixou en paracaídas ao chan, nun país cuxo líder tan frecuentemente ten demonizado os Estados Unidos, este americano non atopou inimigos. Pola contra, foi recibido por xente que o abrazou. Un mozo libio que chegou na súa axuda dixo: “Nós somos os vosos amigos. Estámoslles moi agradecidos a eses homes que están a protexer os nosos ceos.”

Non, esta anécdota non está tirada dun guión cinematográfico, senón un calculado discurso do Presidente Obama, meditadamente elaborado palabra por palabra para convencernos da necesidade da guerra. En marzo de 2011, rodeado de militares e bandeiras, o Premio Nobel da Paz le un discurso apoloxético sobre a intervención armada que días antes tiña desatado sobre Libia. Unha alocución chea de recursos emocionais que ofuscan a fundamentación lóxica. Unha estratexia ben certeira a dos asesores lingüísticos do presidente: daquela era a seguridade e o benestar do indefenso pobo libio o norte que debía poñer en movemento, nun arrouto de humanidade, a salvadora maquinaria de guerra.

Meses despois do triunfo militar dos Estados Unidos, Libia, esquivada polos fluxos maioritarios de información, afogaba no desconcerto. Mais como ter unha idea fiábel e contrastada sobre o que está a acontecer realmente en Libia a día de hoxe? Unha persoa corrente que more na Galiza non o ten nada doado. A prensa empresarial, a xulgar polo medio hexemónico na provincia de A Coruña, informa pouco, e cando o fai utiliza en exclusiva o ángulo de representación dos poderosos. As seis noticias publicadas por La Voz de Galicia sobre Libia desde o mes de maio non teñen desperdicio. Os Estados Unidos, a Casa Branca, o FBI, a embaixada francesa ou o ministro francés de exteriores e son os suxeitos dos titulares en cinco delas, e na sexta sono dous axentes armados occidentais feridos nun atentado. Nin unha soa nova cun cidadán libio como protagonista.

,Noutros medios privados algo máis abertos a cousa mellora un chisco, malia seren moitas delas informacións practicamente inaccesíbeis para o común dos cidadáns galegos. The Guardian, estrela da prensa liberal británica, informa sobre o caos libio con asuntos aquí tan ignorados como o olímpico recoñecemento por parte da policía do novo estado sobre o secuestro de cidadás inocentes por parte desa propia institución, algo que ao parecer non lle causa aos seus responsábeis o máis mínimo remorso, nin xera nas chancelerías occidentais a máis leve preocupación. Ou sobre a prohibición, por motivos relixiosos, dos partidos de fútbol da selección feminina, asunto que pasa totalmente inadvertido para os defensores dos dereitos da muller a golpe de mísil. Ou sobre o asasinato do terceiro xornalista en catro días na cidade de Bengasi por parte das milicias islamitas que Occidente arma, feito que está lonxe de erguer calquera tipo de corrente solidaria nos valedores da liberdade de prensa nestes lares. Moitas das novas sobre Libia aparecidas en The Guardian son fornecidas ou comentadas por recoñecidas institucións como Human Rights Watch ou Reporteiros sen Fronteiras, fontes tan accesíbeis para o medio británico como ignoradas polos nosos.

E na prensa libre de capitalismo, a pesares da precariedade de medios sobre o terreo, interprétase nunha clave entendíbel o que alí está a suceder. Cubadebate, Contra el Terrorismo Mediático tira bo partido das noticias de axencia e informa sobre o tráfico ilegal de petróleo, sobre a curiosa condena da ONU encol da violencia no país –dado que foi a ONU quen de facto autorizou a guerra que o desestabilizou definitivamente- ou, sen eufemismo, relata o caos político no que Libia se afunde.

Non insistirei no que todas as lectoras de Terra e Tempo saben: trátase de petróleo e de gas, non de dereitos humanos. A teima destrutiva dos EEUU con Libia foi un asunto de estado. As accións desestabilizadoras emprendidas polo imperio foron un contínuum desde as provocacións de Reagan en 1981 até a definitiva intervención de 2011, pasando polos bombardeos de Trípoli e Bengasi de 1986. Porén, a diferenza da estratexia utilizada na latinoamérica dos 70 e os 80, deseñada polo Premio Nobel da Paz Henry Kissinger e consistente na eliminación pola forza de gobernos democráticos e a súa substitución por elites de asasinos uniformados, o proceder imperial en Oriente Medio e o norte de África está a consistir na intencionada balcanización da rexión. En Libia, como en Siria ou en Iraq, o obxectivo é o caos: o debilitamento e na destrución intencionada dos estados, aproveitando e exacerbando as fendas tribais e relixiosas. É a secular máxima do divide et impera levada ao paroxismo máis sanguento.

Toda esta estratexia sucede a maior gloria do estado de Israel, valido dos intereses estratéxicos occidentais e único estado verdadeiramente forte da zona. Sería a translación a Libia do chamado Plan Oded Yinon, esquema israelí consistente na creación de débiles microestados árabes enfrontados entre si. A israelización da política occidental é un feito, observable cando menos na adopción por parte de Occidente de dúas prácticas iniciadas no seu día polo estado hebreo: os asasinatos selectivos de opositores –hoxe tecnificados co uso de drones- e a normalización de potentes accións armadas ‘de represalia’ por parte dos exércitos. Como un observador norteamericano puntualizou nos anos 60 referíndose á influencia do goberno survietnamita sobre o dos Estrados Unidos, “é a cola a que move ao can”.

Este caos está a verificarse baixo unha cobertura ideolóxica sustentada nuns argumentos tan febles como a anécdota que o que abre o artigo, aos que só a súa constante reprodución pode converter en efectivos. Ou nos apagamentos informativos programados e no súpeto esquecemento mediático dos avatares dun pobo. Son argumentos e estratexias dirixidas a nós coa intención que activa ou tacitamente lles deamos o permiso para cometeren e aumentaren os seus delitos de sangue. É aquí onde entra a nosa vontade: podemos tragar do prato que nos presentan precociñado ou non tragar e actuar en consecuencia. A fin de contas, como sucede cos que abertamente desafían as ditaduras, mañá seremos xulgados pola nosa capacidade para encarar a mentira.


Para ler máis: Informe de AI sobre a situación dos DDHH en Libia en 2012: http://www.amnesty.org/es/node/39919 Mentiras mediáticas sobre a intervención estranxeira en Libia, desmontadas con argumentos (en inglés): http://axisoflogic.com/artman/publish/Article_64475.shtml A “iraquización” de Libia (2011), sucinto e clarificador artigo do galego Roberto Mansilla: http://www.cronicasdelaemigracion.com/opinion/roberto-mansilla-blanco/iraquizacion-libia/2011032510175526769