Leccións e consecuencias da crise siria
Dicía nun artigo anterior que as contradicións e vaivéns en política internacional no seo da Administración Obama ían ser habituais como consecuencia da irrupción na esfera mundial de novas potencias económicas e militares como China e a Federación Rusa. Os últimos movementos de Estados Unidos e os seus aliados no conflito sirio con ocasión dun suposto e ‘oportuno’ ataque químico do exército dese país (unha montaxe posta en evidencia polos servizos de intelixencia rusos e diversos medios independentes) confirman esta tese. Primeiro Obama anunciou pomposamente unha resposta militar inmediata e “limitada” contra Bashar al Assad, despois foi dilatándoa no tempo e, finalmente, parece que fica suspendida de forma indefinida, dito isto último con todas as cautelas. O episodio internacional máis relevante desta crise ocorreu coa votación do Parlamento británico a finais de agosto negándose a Cámara dos Comúns a apoiar a tese do seu goberno para unha intervención militar en Siria, votando en contra os laboristas e unha parte dos deputados conservadores. Esta votación ten unha enorme relevancia —non só por recoller o sentir popular dos británicos contra a guerra— porque, por vez primeira en moitas décadas, unha alta institución británica se pronuncia en contra dunha decisión de grande significado tomada polo seu aliado estratéxico americano.
Pero as novidades da actual situación non paran aí; todo indica que a votación solicitada por Obama ao Congreso (despois de ser obrigado por un sector do seu goberno) para apoiar a intervención militar contra Siria ía ser negativa, tal como aseguraron fontes da mesma institución americana. Estas dúas cuestións —a votación no Parlamento británico e a falida no Congreso USA— son, cando menos, sorprendentes porque en anteriores intervencións militares como as ocorridas en Iugoslavia, Irak, Afganistán ou no recente caso de Libia non pasou nada parecido e as forzas políticas (demócratas e republicanos ou conservadores e laboristas) do establishment anglonorteamericano estiveron encantadas e ampararon ao unísono as políticas dos seus gobernos imperiais. Pero agora a confusión da Administración Obama ante tal estado de cousas levouno a buscar o apoio do despistado Hollande, xa na altura totalmente desprestixiado ante os franceses polo incumprimento das súas promesas e o seu aliñamento coas teses neoliberais.
,Sen embargo, quizais se poida comprender mellor esta secuencia de feitos extraordinarios se coñecemos como funcionan os partidos políticos nestes países. No caso de Estados Unidos as diferenzas entre os demócratas e os republicanos non van moito máis alá da tibia defensa das minorías sociais polos primeiros e de velar pola moral dos americanos os segundos coas súas correspondentes poses e persoeiros singulares. Polo demais, incluso se poden ver senadores e congresistas de ambos os dous partidos mantendo posturas propias do partido contrario sendo considerado iso o máis normal en Estados Unidos. No que coinciden invariablemente é na concepción imperial do seu país e no seu modelo económico neoliberal, salvo raras excepcións. Pero a maior coincidencia radica no control de ambos partidos —e, por ende, do Capitolio e a propia Casa Branca— por distintos lobbies económico-financeiros, comúns en moitos casos, que son os que axudan a conformar en realidade as decisións lexislativas de congresistas e senadores, máis que a propia decisión independente das direccións dos partidos como tais. O mesmo ocorre no Reino Unido, aínda que o Partido Laborista ten tradicionalmente unha minoría de esquerda que acostuma a levarlle a contraria ao líder de quenda, pero nas cuestións estratéxicas do Imperio case todos coinciden, como ocorre ao outro lado do océano.
Para ilustrar esta tese nada mellor que a figura do ‘laborista’ Tony Blair —un abandeirado do intervencionismo militar e fiel aliado de Bush— actualmente financiado pola oligarquía mundial para os “asuntos da paz” en Oriente Medio, unha función moi orwelliana perfectamente acaída para este gran manipulador e principal promotor da última guerra de Irak. Pero os lobbies económico-financeiros non son exactamente bloques monolíticos e o que se puxo de manifesto cos feitos antes citados é a súa crecente división ante o aventureirismo do, ata agora, sector predominante da gobernanza angloamericana ademais de estar asustados de que se produza un estalido social que debilite ou deslexitime seriamente o Sistema Occidental afectado xa por unha longa crise económica de desenlace incerto. Non andan desencamiñados porque as enquisas de opinión revelan que a maior parte da poboación mundial está contra a guerra, incluídos América e Europa. É, por tanto, este control paralelo e transversal do aparello burocrático-institucional dos dous grandes partidos por grupos integrantes do sistema financeiro internacional —e a súa patente división— o que explica, en parte, os últimos movementos nos parlamentos británico e norteamericano.
Pero o ocorrido non só se explica pola opinión popular maioritaria contra a guerra e as diverxencias manifestas da oligarquía. Resulta evidente —despois do ocorrido no pasado cumio do G-20 en Rusia— que unha parte considerable da viraxe angloamericana está producida polo crecente papel protagonista da Federación Rusa no ámbito internacional feito que a converte nun interlocutor indispensable en diversos asuntos de alcance mundial e, de maneira especial, no Oriente Medio. Fronte ao débil papel ruso de hai pouco máis dun ano no conflito libio, nesta ocasión Rusia emerxe como unha Gran Potencia disposta a defender non só os seus intereses directos na rexión do Mediterráneo Oriental senón, ademais —e isto é o que lle dá un valor especial ao seu papel— a defender o dereito internacional e a soberanía dos pobos por riba de calquera outra consideración. Neste senso non é casual que Snowden ficase finalmente asilado en Rusia, malia ás presións norteamericanas e os riscos para a Federación eslava polas represalias que no ámbito económico poida ocasionarlle Occidente. Está claro que Rusia se sinte forte e apoiada polos seus aliados chineses e o resto dos países BRIC, ademais dunha parte significativa dos países emerxentes de América Latina, África e Asia.
A mobilización dunha potente armada rusa fronte ás costas de Siria, ao tempo que se lle subministra máis armamento a Assad, despois de anuncialo publicamente a semana pasada en San Petesburgo durante o cumio do G-20, pon de manifesto que Putin está disposto a pararlle os pés a Washington ou a venderlle cara unha posible intervención. Tanto é así que algúns analistas ben informados afirman que a saída diplomática para o control internacional das armas químicas sirias foi pactada con Obama na cidade rusa despois de comprobar este a firmeza da dirixencia do Kremlin, ademais de servirlle como unha saída respectable á súa arroutada militarista rexeitada por unha gran maioría de países. Ao Secretario de Estado Kerry tocoulle o papel de suxerir esta posible saída que foi recollida ‘oportunamente’ polos rusos. É difícil pensar que todo isto non fose nada máis que unha carambola casual.
Isto non ten nada a ver con considerar Rusia, ou incluso China, como modelos a imitar, ademais iso a eles coido que nin lles preocupa nin lles interesa, do que se trata é do enfoque dos conflitos internos de cada país en base ao respecto escrupuloso do dereito internacional revocando a doutrina angloamericana —asumida en mala hora pola ONU en 2005— coñecida como R2P ou ‘Responsabilidade de Protexer’, eufemismo baixo o que se oculta unha patente de corso internacional para o intervencionismo imperialista máis desprezable. En definitiva, independentemente do que ocorra finalmente coa intervención militar en Siria —aínda hai moitos cabos soltos e a ameaza non foi conxurada— estamos ante o nacemento dunha nova orde mundial multipolar que marca a decadencia dos Estados Unidos e dos seus aliados, malia o seu enorme poder económico e militar, e isto só pode ser positivo para todos os países do mundo e, especialmente, para todos aqueles que defendemos un mundo máis xusto e en paz.