Latinoamérica: evanxélicos e reaccionarios

Latinoamérica: evanxélicos e reaccionarios

No cadro do século XVI A escola de Atenas de Rafael Sanzio, no centro, aparece Platón sinalando ao ceo e Aristóteles á terra. É toda unha declaración de intencións de onde estaba o centro do seu pensamento. Mentres Platón aseguraba que todo estaba arriba... Aristóteles pensaba que todo estaba aquí abaixo, ao noso carón, ao noso redor.

Este sinalamento de «arriba» e «abaixo» pódese trasladar á actuación das igrexas evanxélicas e católica en Latinoamérica.

Así, os primeiros, desde a súa implantación na década dos 70 e 80, optaron por sinalar cara a arriba, esquecendo o grave problema social e de clase de Latinoamérica, e a igrexa católica (non a súa xerarquía) optou por sinalar cara a abaixo e comprometerse coas loitas dos máis desfavorecidos, compromiso que vai desde a elaboración dunha teoloxía da liberación até a fundación e participación en movementos de loita armada como o ELN.

,Por iso non é de estrañar que no Brasil do franciscano Leonardo Boff, Pere Casaldàliga ou Hélder Câmara, sacerdotes comprometidos cos dereitos sociais, estes sexan os revolucionarios mentres os evanxélicos representen ideas reaccionarias. Xa que logo, non é de estrañar que o grupo parlamentar evanxélico, formado por 92 deputados, se declarou na súa maioría a prol da destitución da presidenta Dilma Rousseff.

O teólogo mexicano Salatiel Palomino crítica un sector das comunidades evanxélicas latinoamericanas que en Estados Unidos e Latinoamérica xogan e xogaron un papel de lexitimación relixiosa do poder do imperio e das oligarquías locais latinoamericanas que defenden eses intereses foráneos para proveito persoal [1]. Lembra os casos dos ditadores Augusto Pinochet e Efraín Ríos Montt, que contaron co apoio dalgúns líderes evanxélicos, os cales culpou de complicidade coa inxustiza social de Latinoamérica...

«Os evanxélicos estiveron dispostos a ignorar os masacres e etnocidios de réximes ilexítimos que pretextan defender asuntos ou valores prezados por crentes conservadores. As medidas represivas, as políticas económicas inhumanas e os conflitos bélicos de baixa intensidade ou contrainsurxencia patrocinados polo imperio non foron importantes nin materia de reflexión para as igrexas latinas. E deste xeito lógrase manter o libre imperio da cobiza, a violencia e a explotación dos pobos [2]». (p. 251).


[1] Introducción a la vida y teología de Juan Calvino. Salatiel Palomino López. Abingdon Press, Nashville, 2008 p. 250. [2] Op. Cit. P. 251.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.