Intervir ou non intervir, o conto de Nunca xamais
A historia da humanidade está construída, en boa medida, sobre a base de crimes, masivos ou selectivos; tiranías, explícitas ou implícitas; e guerras, declaradas ou apenas consentidas. Recoñezamos, emporiso, que tamén se asenta sobre outros alicerces máis respectables: por non ser exhaustivo, o exercicio da solidariedade, o respecto polo contrario ou a defensa da palabra como instrumento de convencemento. Pero ao cabo é a cotra da represión a que fica gravada nas mentalidades colectivas, a que impresiona e aplasta pola súa dose de brutalidade e terror.
Baixo os efectos devastadores dunha traxedia planetaria, no outono do ano 1945 as potencias vencedoras da II Guerra Mundial acordaron fundar unha nova organización internacional que velase pola paz, pola seguridade colectiva e polo respecto dos dereitos humanos. A institución, agochada baixo o fachendoso nome de Organización das Nacións Unidas, naceu vacinada das inxenuidades da súa antecesora, a Sociedade de Nacións, pero resulta doado intuír que, por tras do seu pretendido igualitarismo, o verdadeiro interese que abrollaba non era outro que o de asegurar o status quo, a garantía de que no mundo de guerra fría que se aveciñaba cada unha das dúas grandes potencias ía dispór da súa tallada de planeta e que aos seus socios conmilitóns ficaríalles reservado o aroma de pasados privilexios coa moi ritual posesión do dereito de veto. A ONU naceu viciada de orixe e non é grande descubrimento vir tachala, agora, de hipócrita.
E, ao abeiro dese descomunal monstro, de barriga inchada por toda a ringleira de novos e novos estados que foron nacendo, pero de cabeza anana e bifronte - o Jano bipolar - fóronse desenvolvendo as ocorrencias semánticas colaterais. Unha das que fixo máis furor foi a da (non) intervención. Preocupados como estaban os seus patrocinadores por evitaren unha nova guerra mundial, o concepto de non inxerencia e de respecto pola soberanía de cada estado semellou unha coartada axeitada para evitar, na medida do posible, os roces directos entre as potencias que poderían desembocar no holocausto nuclear. Outra cousa foi, claro está, a aplicación dese principio nos estados vasalos, nas liortas que os socios menores (ou os recén liberados do mundo terceiro) tiñan entre eles ou nas loitas agónicas que os aínda colonizados desenvolvían para soltar a pouta do colonizador. Aí, a intervención constituíu a carta de presentación dos novos amos do mundo. No anaco que cada un deses amos gardou para sí, fosen os Estados Unidos ou a URSS, o dereito de intervención acabou por ser retorcido de xeito permanente. Así, a procura da seguridade xustificou afogar de raíz a libre vontade expresada por certos países das súas respectivas circunscricións: os húngaros en 1956, os (aínda) checoslovacos en 1966, os guatemaltecos en 1954, os panameños en 1989, os granadinos (da Illa de Granada) en 1983, os dominicanos en 1965,... ¡O demo a gardar pola virtude!
Daquela, a ONU permaneceu inerte. Eran conflitos menores que non precisaban de pronunciamentos incómodos (e imposibles). Aínda que tan só fose pola aplicación dun aserto elemental: quen paga manda. E os Estados Unidos pagan máis do setenta e cinco por cento do orzamento anual da institución internacional. A ONU, pois, ollou para outro lado cando os norteamericanos atrocidaron o Vietnam, cando os soviéticos "libertaron" Afganistán, cando os devezos xenocidas desbordaron Ruanda e o Congo, cando os gobernos norteamericanos acordaron, porque sí, afogar Cuba e cando, faltaría máis, o estado de Israel adoita aplicar a cada pouco unha vinganza "proporcional" aos "excesos" palestinos. Daquela, o ollo de Cíclope da ONU apágase de súpeto porque o horror é sempre duro de observar. Escrúpulos do cínico.
Todo o que aquí se leva dito non é novo, nin orixinal, en todo caso é interpretativo. Como tampouco é nova a ansia dalgúns por aniquilar aos seus contrarios. De toda caste e condición. O mundo está cheo deles. Xa que logo, que compre facer? Eu non teño unha solución á carta, pero vou falar de tres casos. A finais de 1944 as redes clandestinas de presos que operaban nos campos nazis de exterminio solicitaron (pregaron, diría mellor) das forzas aliadas que procedesen ao bombardeo daqueles centros infames. A resposta foi que esas accións militares poderían causar moitas vítimas inocentes. En agosto de 1936, as potencias occidentais deixaron a II República aos pés dos fascismos por non agravar a tensión en Europa. Tres anos despois, Alemaña arrasou case todo o continente. No ano 1945, o réxime franquista "desapareceu" da lista negra dos sistemas fascistas e pasou a converterse en aliado estratéxico dos "demócratas". Por case corenta anos, Franco e o franquismo masacraron á vontade. Atentaría contra a soberanía e a independencia dos pobos (ou das persoas), unha intervención estranxeira en cada un deses supostos?
Non quero avaliar o posicionamento táctico dos grupos políticos a respecto do que está a acontecer en Libia, o Iemen ou Costa de Marfil. Alá cada quen cos seus asuntos. Só digo que a demagoxia e o oportunismo son unha tentación gorentosa demais e que para descalificar as decisións dun goberno (das que, sen dúbida, el mesmo será responsable) non convén cegar os pozos da racionalidade. Na miña opinión, o principio de inxerencia humanitaria precisa de ser redefinido e aclarado no máis que se poda, e a comunidade internacional (da que por certo tamén forman parte Kiribati ou Andorra, non só os Estados Unidos e China) debe avanzar na aplicación "ética" dese concepto. É ben certo que nin a ONU actual é unha panacea nin as intervencións militares a mellor solución para os padecementos do mundo, pero non é coa deixación das responsabilidades colectivas nin co accidentalismo ético que terán alivio os males de moitos cidadáns deste planeta. E intuo que sempre será mellor dispór dun criterio, por moi sesgado que sexa e aínda que estea avalado polo Consello de Seguridade, para avalar esas hipotéticas intervencións que a invocación retórica e escapista da soberanía territorial dos estados e da non inxerencia nos asuntos internos. Se ademais esa apelación non impide, como ocorre en moitas ocasións, a violación reiterada dos dereitos individuais e colectivos por parte de calquer aprendiz de bruxo.