“Habemos de buscar outras alternativas para acabar co Goberno de Damasco”

“Habemos de buscar outras alternativas para acabar co Goberno de Damasco”

Segundo diversas axencias de noticias a frase que dá título a este artigo foi pronunciada hai uns días por alguén que sabe moi ben do que fala cando se trata de empregar calquer medio legal ou ilegal na defensa dos intereses norteamericanos no mundo, a persoa en cuestión amosouno na súa longa carreira "diplomática" propiciando golpes de estado en Chile, Uruguai ou Arxentina, o xenocidio de Timor Oriental, bombardeamentos en Laos e Camboia ou o trunfo da contra-revolución en Portugal. Trátase de Henry Kissinger que aos 89 anos segue servindo aos intereses do seu goberno.

Esta frase segundo as mesmas fontes estaba acompañada de outras tamén chamativas "(...) os sirios apoian de forma incríbel ao seu Presidente.(...) Siria ten un exército unido. A educación e os servizos sanitarios son case gratuítos, ademais, conta cun abastecemento de trigo para cinco anos. Para pór en xaque ao presidente sirio hai que actuar desde o interior".

No mundo normal semellantes declaracións deberían ser portada a cinco columnas dos xornais independentes e prestixiosos pero no noso mundo non é así e atopeinas de casualidade nunha das miñas habituais consultas a medios non tan prestixiosos pero á hora da verdade moito máis informativos como Cubadebate.

Tanta propaganda sobre o que supostamente está a acontecer nestes momentos en Siria e tan pouca información contrastada deberían levarnos a reflexionar, só deixo algúns datos

- Os EEUU levan cando menos desde 2003 buscando por diversos medios (sancións económicas, campañas propagandísticas, financiando á oposición...) modificar a situación política interna en Siria.
- Non hai moito no Oriente Medio había tres estados laicos nos que a maioría da poboación e en concreto as mulleres contaban con un nivel de dereitos moi superior ao existente nos estados da zona; coa conversión de Libia e Iraq en estados falidos só resta Siria.
- Israel e Siria manteñen un enfrontamento desde a guerra dos seis días debido fundamentalmente á ocupación polos primeiros dos altos do Golán que son territorio sirio.
- En Damasco teñen a súa sede organizacións palestinas que loitan a prol dun estado palestino soberano e contra a política xenocídia israelí como a FPLP, FDLP ou Hamas.
- O actual réxime sirio é o máximo apoiante da independencia real do Líbano, sendo xunto con Irán o maior apoio a Hezbolá que despois das eleccións de hai un ano ten unha presenza fundamental no goberno libanés.
- Rusia conta coa base naval de Tartus en territorio sirio sendo un elemento chave na súa disputa cos norteamericanos na zona do Mediterráneo.
- O grupo de "Amigos de Siria" que vén de se reunir en Túnez ademais de por EEUU e a UE está potenciado polas monarquías feudais do golfo nas que a vulneración dos dereitos humanos é moi superior á que se poida estar a producir en Siria.
- A Liga Árabe encargou un informe a 160 observadores que despois de estar un mes en Siria constataron vulneración dos dereitos humanos tanto por parte do goberno como da oposición e que a maioría das mortes débense a unha guerra non declarada entre as forzas gubernamentais e importantes grupos de mercenarios estranxeiros fortemente armados. O informe apenas tivo difusión. - O chamado Exército Libre de Siria con bases en Turquía conta con importante apoio armamentístico e loxístico occidental e económico dos emiratos.
- Os EEUU e Al Qaeda non só coinciden no obxectivo de rematar co actual réxime sirio senón que empeza a albiscarse colaboración entre o grupo terrorista e os servizos de intelixencia norteamericanos por medio do Consello Nacional Sirio que agrupa a un sector da oposición.
- Hai uns días "informouse" amplamente da morte de 18 meniños na cidade siria de Homs ao deixaren de funcionar as incubadoras dun hospital debido a un corte do abastecimento eléctrico producido por culpa do réxime. Esta "información" é idéntica á que se deu cando a guerra do golfo en 1990, e na que se culpaba aos iraquís da morte de 312 meniños kuwaitís nun hospital (anos despois sóubose que se tratara dunha montaxe).

Cada persoa debe quitar as súas propias conclusións sobre se estamos realmente diante dun novo sátrapa que ao parecer non ten máis interese que masacrar ao seu pobo ou estanse empregando casos de vulneración dos dereitos humanos por parte do réxime de Bachar Al-Assad e problemas políticos internos de Siria para agachar accións que forman parte do enésimo capítulo do coñecido libro de estilo do imperialismo norteamericano.