Guerra contra o jihadismo e civilización universal

Guerra contra o jihadismo e civilización universal

Cada vez que Francia se ve sacudida por un atentado jihadista, o seu Presidente repite que o Estado islámico está en guerra contra a República e reacciona “en lexítima defensa” pondo en funcionamento o portaavións Charles de Gaulle rumbo ao Mediterráneo oriental cargado de bombardeiros que soltan a metralla nos territorios sirio e iraquí. Ao mesmo tempo, emprende accións diplomáticas co resto dos países occidentais, que nuns casos cooperan e noutros apoian estas accións. Pouco a pouco, esta idea do estado de guerra contra Occidente vai callando en amplos sectores da poboación que enchen cos seus votos o celeiro dos partidos xenófobos. A mesma chanceler alemá vén sendo acusada de ser responsábel de permisividade fronte so jihadismo ao permitir a entrada de un millón de refuxiados que foxen da guerra dos seus lugares de orixe.

Pero a realidade non é tan simple como parece nin como nola transmiten os medios de comunicación. É certo que o jihadismo golpea con terror en Europa, mais, segundo os datos da Global Terrorism database, o 87% dos atentados perpetrados por organizacións islamistas entre 2000 e 2014 producíronse en países onde a maioría da poboación é musulmá. Na Europa occidental, nese mesmo período de tempo, só se perpetraron 22 dos 15.818 actos terroristas cometidos por grupos jihadistas en todo o mundo. Aínda máis, a metade destes actos localízanse xustamente naqueles países que arden nas sanguinarias guerras propiciadas e alentadas por Occidente.

,Por outra banda, esta falsa idea de que o islam está en guerra con Occidente non é recente nin se orixina o 11 de setembro de 2001 cando foron derribadas as dúas torres neoiorquinas do World Trade Center. Coincidindo coa caída do socialismo real e coa desaparición do enfrontamento de bloques reinante desde a fin da Segunda Guerra mundial, a principios da década dos noventa, o pensador norteamericano Samuel P. Huntington, para xustificar a política internacional estadounidense e a creación dunha nova Orde Mundial, difundiu a través do seu libro O choque das civilizacións e a reconfiguración da orde mundial a tese de que desde ese momento Occidente debía continuar coa política militarista para defenderse dos graves perigos que ían supor os enfrontamentos futuros derivados xa non das diferentes concepcións ideolóxicas senón das distintas culturas existentes e nomeadamente da musulmá. O cometido dos políticos occidentais, asegura Huntington, consiste en garantir que Occidente se faga máis forte e que someta as demais civilizacións. Entende, e con el os executores da súa “nova ideoloxía” no plano político, que Occidente constitúe unha homoxénea unidade cultural pechada e invariábel e que a Estados Unidos lle segue a corresponder o mesmo papel que desempeñara fronte ao socialismo real: manter a hexemonía e a orde no mundo. É preciso, xa que logo, desprazar a localización do poder do Eixe do Mal desde Moscova a outros lugares dado que o internacionalismo soviético xa non serve para explicar o lume que prende os numerosos enfrontamentos que se suceden en todo o mundo. A segunda intifada (2000-2005), os ataques ás Torres Xemelgas do 2001, as guerras no Oriente medio non se poden explicar pola disputa do poder no mundo como se fixera pouco antes, por citar algúns exemplos, coas intervencións contra o sandinismo nicaraguano ou contra o socialismo chileno de Allende. Proclámase agora que son as civilizacións as que se disputan o dominio do mundo e, nesta tarefa, dinnos que debemos estar todos preparados en Occidente para involucrarnos nesta guerra para derrotar os nosos inimigos e, unha vez que os aniquilemos, ao non existiren as diferentes civilizacións e a diversidade cultural, recuperarase a harmonía universal.

Nisto consiste a modernidade: na destrución da diversidade e na creación dunha sociedade globalizada etnocida de todo cando se identifica co peculiar e propio. Executando esta maneira de pensar, a política exterior do mundo occidental, capitaneada polos EEUU, emprende unha serie de ofensivas militares contra os países do novo Eixo do Mal: Afganistán, Irak, Libia, Siria… Desde 1960, Francia realizou máis de cincuenta intervencións en África para preservar os seus intereses económicos e demostrar con iso a posición de gran potencia do país tanto nos períodos presidenciais de dereitas como de esquerdas.

Simultaneamente, proclámanse tamén o neoliberalismo e os principios sagrados do triunfo do libre mercado e da democracia representativa: xa non existen clases sociais senón desigualdades económicas derivadas de causas históricas e culturais. Non importa que o gato sexa negro ou branco, o importante é que cace ratos. Non hai dereitas e esquerdas, recoñecen outros, todo se engloba na transversalidade ou, nos últimos tempos, se cadra tamén, na socialdemocracia. Se non existen outros principios que os derivados desta “civilización universal”, ¿para que valen as ideas de Marx, as de Rosalía ou as de Castelao? Para nada, aprendamos todos inglés para poder participar con fervor nas modernas procesións que conducen a Walt Disney World. E mentres tanto, manteñámonos como espectadores pasivos do choque de intereses que estas ideas etnocidas facultan aos de sempre para a posesión da riqueza.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.