Gabriel Aresti, o amigo dos galegos

Gabriel Aresti, o amigo dos galegos

O gran poeta e dramaturgo vasco Gabriel Aresti Segurola nace o 14 de outono de 1933 en Bilbao onde vive até a súa morte acaecida o 2 de xuño de 1975 cando aínda estaba na súa plenitude literaria. Nace, críase e edúcase nun ambiente no que soamente se utiliza o español, pero aos doce anos decide aprender éuscaro para facer a creación literaria mais importante que se fixo nese idioma nos últimos anos e ser o autor mais traducido da literatura euscaldún, renovando e modernizando a poesía vasca. O seu libro Harri eta herri, primeiro da Triloxía da Pedra (1), supuxo un xiro nas letras vascas despois da guerra e o exilio de moitos escritores. En 1957 foi nomeado académico correspondente de Euskaltzaindia (Academia da lingua vasca) desde onde seguiu traballando pola unificación do éuscaro, o que lle custou moitos enfrontamentos con outros entendidos, puristas e localistas que se opoñían a elo e que hoxe ninguén discute e todos acatan.

Apreciaba a súa lingua porque sabía que era a alma do seu pobo, por iso cando lle preguntaron como aos doce anos lle dera por aprender a lingua vasca contestou que o importante non é a arroutada dun cativo, o importante é que agora con corenta e tantos anos sigo sendo euscaldún.

Pero ese profundo amor que tiña polo seu idioma patrio non lle impedía amar o de outros pobos e ser solidario con aqueles que chegaban a súa terra na procura dunha vida mais doada. Era un gran coñecedor da nosa literatura e na súa biblioteca tiña obras de Curros, de quen chegou a dicir que era o mellor poeta do mundo; de Castelao, Paz Andrade, Méndez Ferrín, Alonso Montero e, sobre todo, do seu amigo Manuel María. O seu amor por outras culturas e por enriquecer a súa fixo que, dada a súa condición de políglota, chegara a traducir do francés, catalán, italiano, alemán e inglés ao éuscaro. Do galego tamén verteu nese idioma o álbum Nós de Castelao, os Seis poemas galegos de Federico Garcia Lorca, Pranto Matricial de Valentín Paz Andrade, a edición Homenaxe ó Che que fixo Luís Seoane, ademais pasou ao español e o éuskaro obras importantes da literatura galega como O catecismo do labrego de Lamas Carbajal, o Divino Sainete de Curros Enríquez e tamén de autores galegos en español como Divinas Palabras de Valle-Inclán.

Aresti chegou a defender que os fillos dos galegos de Ermua debían ser escolarizados en galego, o que lle custou unha tunda intelectual daqueles que sempre lle zurraron a badana en vida e de morto recitaron os seus versos converténdoo logo en poeta nacional para apropiarse da súa obra. Aresti pensaba que o emigrante primeiro debe integrarse e como consecuencia desa integración aprender a lingua do país de acollida, pero non ao revés. Sendo membro do xurado do concurso de contos "Breogán" do Centro Galego de Barakaldo negouse a firmar un acta porque estaba en español e o secretario, Paco González, non tivo mais remedio que pasala ao galego.

Tocoulle vivir tempos difíciles, tempos de represión e xenreira que soubo levar con unha gran honradez, valentía e dignidade. Del dixo Manuel María no seu décimo cabodano: Aresti aínda segue sendo minoritario porque si algo non se perdoa nesta pel de touro é precisamente a honradez. Aquí perdoase todo, perdoase un cambio de chaqueta, que un se venda, pero a honradez é algo que dificilmente se perdoa porque a honradez é unha conduta limpa, clara e sen fisuras, é unha acusación para aqueles prevaricadores, para aqueles homes que están xogando coa crenza e a boa fe dos homes, sobre todo para aqueles homes que son totalmente venais. Por iso teñen que pasar anos para que esa honradez acrisolada se perdoe e Aresti e unha de estas vítimas.

Atacábano por todas partes converténdose na bicha de distinguidos e probos patriotas. Pola súa ideoloxía comunista atacábao a dereita nacionalista ultracatólica do PNV tachándoo de españolista e recriminándoo por casar con unha filla de emigrantes non euscaldúns, e, pola outra banda, os españolistas tachábano de nacionalista por escribir en éuscaro. Nun recital que deu man a man con Manuel María no Paraninfo da Universidade de Deustu, a primeiros dos anos setenta, xentes do PNV chegaron a dicirlle que non lles servía nin como poeta nin como vasco, pero Gabriel sempre defendeu aquelo no que cría e sempre dicía a verdade aínda que lle trouxera sufrimentos.

Nunha carta a Manuel María datada o 29 de maio de 1970 maniféstalle a súa preocupación pola existencia dunha terrible antipatía mutua entre vascos e galegos e, aproveitando que o Centro Galego de Barakaldo lle pedira unha colaboración para o programa de festas de Santiago, pensa que estas manifestacións da cultura na súa mesma base son as que teñen verdadeira importancia e, en vez de facer un articuliño de mala morte, como dicía na carta, prefire facer uns poemas que aborden o tema abertamente, polo que escribe tres sonetos. O primeiro seria un mensaxe aos galegos que viven en Euskal Herria ofrecéndolles a súa terra para que a traten igual que si fora deles, como se pode ver nestes fragmentos traducidos ao galego polo propio Manuel María:

OUTRA volta á miña boca, castelán
levo a palabra, para falarche
povo galego e para darche parte
desta -¿vela?- miña pobre terra chan.

No segundo o mesmo ao pobo vasco para que trate ben aos galegos;

Dime, meu povo vasco, ¿ti que opinas?
Náufragos son en estranxeira praia,
¿cecais fogar lles ofreceu Vizcaia
por estes altos fornos, fondas minas?

.......................................


¿Virán? ¿Iranse? ¿Quedaránse acaso?

Non lle neguedes un pequeno chan
para tecer o seu niño en ningún caso.

E no terceiro pídelle a Manuel María que tamén se dirixa a ambos pobos escribindo uns poemas, coa intención de publicalos conxuntamente no programa de festas do Centro Galego e despois facer unha tirada de douscentos exemplares en éuscaro, galego e español para repartir entre os intelectuais vascos e galegos;

Onda xigante son que avanza, avanza.
Subido nela ti comigo, dinos
Manuel María en versos dignos, finos
como romperás, por eles, a túa lanza.

Abertos á espuma vela e remos
pola paz dos povos, canta, escribe
a fe infalible na que os dous creemos.

Este par de poetas morre e vive,
Gabriel Aresti no alfoz de Uribe
e Manuel María aló no Val de Lemos.

Esta é unha das poucas veces que escribe poesía en español, e fíxoo para que o puideran entender os galegos alí emigrados. Era tal a simpatía que sentía polos galegos que cando toma a determinación de non volver a falar en público, ante os ataques indiscriminados que sufría, solo se atopa ben entre os nosos emigrantes tal e como lle di noutra carta a Manuel María: ...fai moito tempo que non falo nin recito en público, pois os lios que despois se organizan póñenme moi nervioso e tiven que cortar. A última charla que din, precisamente nun teatro de aquí de Bilbao, rematou en tumulto e prometinme non aparecer mais en público, e despois lémbralle; Tamén deixei de participar en xurados de literatura culta e popular polos desgustos que me trouxeron. Algún día contareiche as nosas peripecias de pobo en pobo. Unicamente gardo bos recordos dos xurados do Centro Galego de Barakaldo.

Gabriel Aresti foi un home bo e xeneroso que defendeu a nosa identidade desde a súa condición de vasco cando era mais difícil facelo e defendeu este idioma galego que os nosos gobernantes actuais, perseguen e desprezan. Algún día, os que amamos o noso país e contamos cos emigrantes non solo para votar, debéramos facerlle unha merecida homenaxe nacional a quen tanto fixo pola nosa colectividade emigrada e polo noso idioma en Euskal Herria.

(1) A Triloxía da Pedra está composta polos libros Harri eta herri (Pedra e pobo), Euskal harria (Pedra Vasca), Harrizko herri hau (Este pobo de Pedra) e despois de morto os seus amigos recolleron os poemas que publicou en varias revistas e editáronos nun libro baixo o título de Azken harria (Pedra final).