Fraude eleitoral: Trump ten toda a razón

Fraude eleitoral: Trump ten toda a razón
Por se alguén non o sabe, o día 3 de novembro culminou o último tramo das eleicións presidenciais na terra dos libres e o lar dos valentes, segundo reza o himno dos Estados Unidos da América.

Apenas cinco días despois, Luis Arce foi proclamado Presidente do Estado Plurinacional de Bolivia, após a vitoria esmagadora do Movimento ao Socialismo (MAS-IPSP), que conseguiu 55% dos votos cunha participación de 88,24%. Así, a formación liderada por Evo Morales alargou a súa maioría absoluta nas dúas cámaras, cunha maioría de mulleres por vez primeira no Senado. Mais todo isto, por histórico que fose, pasou case desapercibido, sen infamia e sen louvores, polos meios de desinformación sistémicos.

Ao parecer, o único que debe importar é quen vai ser o novo líder do auto-proclamado “mundo libre”, como se aínda vivísemos durante a época da Guerra Fría. Como se trocar un republicano por un demócrata na Casa Branca fose mudar a base estrutural profunda do imperialismo ianqui.

Hai moita podremia endémica dentro no sistema político ianqui que daría para falar: corrupción e cleptocracía e os intereses ocultos dos potentes lobbies económicos, teorías conspiranoicas fascistoides como QAnon, a manipulación mediática e as noticias falsas (fake news), o populismo dun lado e do outro, a perigosa estulticia do Presidente saínte e o sionismo delirante do Presidente entrante, o racismo sistémico dun país que só puxo fin à segregación racial ha pouco máis de 50 anos e onde non vai ser erradicado por arte de maxia grazas à simples alternancia anti-democrática, e unha longa lista de etcéteras.

Mais do que quero falar aquí é do proprio sistema eleitoral do país que ousa erixirse en paladino supremo da democracía e que non lle treme a mao à hora de a impor pola forza redor do mundo inteiro a golpe de mísiles, torturas, conivencia coa represión de reximes fascistas, napalm e axente laranxa e até bombas atómicas... Todo en nome da democracía e da liberdade.

We the people, Nós o povo. Así comeza a Constitución dos Estados Unidos de 1787. Así comezou tamén o primeiro discurso que proferiu Biden como Presidente eleito, que non hesitou en cualificar a súa de “vitoria para nós o povo”. Tras máis de 200 anos, segue a ser un home branco da clase media quen se arroga a voz de todo o povo, por moito que, desta vez, pretende lexitimarse grazas a nomear unha muller negra no papel secundario de Vice-presidenta. Polo visto, algo si mudou nos EUA no transcurso do séculos, xa que non foi até 1920 cando as mulleres puideron votar, se ben tamén é verdade que só podían votar homes con propriedade até 1856. E nen foi até a aprobación da Lei dos direitos de voto de 1965 que se conseguiu eliminar todas as trabas legais que empecían o sufraxio das persoas negras.

Falar en nome de todo o povo está ben cando é, xustamente, todo o povo quen elixe o presidente de xeito realmente democrático, tal como aconteceu na Bolivia. Ora, cando fala o Presidente dos EUA en nome de todo o povo, está a usurpar ilexitimamente unha voz que non lle corresponde à vista das salientábeis eivas de que adoece o sistema dese país. Vexamos.

O primeiro atranco que hai que superar no camiño de poder exercer o direito a voto surxe à hora de ter que se rexistrar como votante. En principio, o rexistro en si é gratuíto, mais a exixencia de identificación persoal nun país que carece dun sistema de documentos de identidade fai que –aínda que algúns estados admiten outros documentos tais como o cartón de arma de fogo– a carteira de motorista serve amiúdo para demostrar a identidade. Este requisito funciona como filtro para eliminar de facto potenciais votantes de determinados sectores da populación, sobretodo persoas racializadas, sabendo que son tres veces máis as persoas afro-americanas do que american@s branc@s que carecen da carteira. Tamén se pode mesmo chegar a fechar as oficinas que emiten a documentación precisa e bairros seleccionados. O resultado é que, segundo un estudo publicado en 2012, 24% das persoas con direito a voto non estaban rexistradas, uns 51 millóns de persoas.
Despois hai que superar outros obstáculos como colas interminábeis diante dos colexios eleitorais, sobretodo en bairros cunha alta proporción de persoas racializadas ou a limitación no estado de Texas dunha soa caixa entrega por condado para depositar os votos postais, sabendo que cada condado pode alcanzar unha extensión de máis de 5.000 quilómetros cadrados. Tamén se poden mover os lindes dos distritos eleitorais co fin de concentrar o determinado voto.

Aínda existe máis unha batería potente de filtros anti-democráticos cuxo único fin é o de frustrar a vontade popular onde prevalecería o principio de unha persoa un voto. Pode surpreender, por exemplo, que en 2016 saíse eleito o Trump cando foi a súa adversaria, Hillary Clinton, quen gañou a maioría do denominado voto popular, cunha diferenza de máis de case 2,9 millóns de votos. A explicación áchase no sistema de colexios eleitorais, onde cada estado nomea unha serie de eleitor@s en quen se delega o voto, cun total actual de apenas 538 eleitor@s. Así, non todos os votos valen o mesmo, xa que pesa máis este tipo de sufraxio do que o sufraxio popular. Por exemplo, Biden precisou de 270 colexios para saír eleito independentemente de conseguir a maioría do voto popular.

Se pasase algo semellante nalgún país africano, os líderes das democracías liberais occidentais serían os primeiros en botaren as maos à cabeza e acusalo de vulnerar as regras democráticas máis elementares. Mais, aínda así, os EUA seguen a proclamarse o defensor da democracía no mundo.
Tras os comicios, Trump non cesou de denunciar un suposto fraude eleitoral. E, en parte, ten toda a razón, xa que o proprio sistema é un fraude.

Mais non nos enganemos, se ben o sistema ianqui é especialmente escandaloso, todas as democracías burguesas dispoñen de mecanismos para abortaren a verdadeira vontade popular. Para dar outro exemplo, o sistema de escrutinio maioritario uninominal (first-past-the-post) do Reino Unido serve para perpetuar o bipartidismo e permitiu que Thatcher seguise reinando cun puño de ferro apesar de conseguir apenas 42,4% dos votos en 1983 nun estado onde a cámara alta non-eleita dos lordes, composta de bispos e pares hereditarios (nobres) e vitalicios (nobres), ten a potestade de frear iniciativas aprobadas da Cámara dos Comúns.