Fidel é parte de nós


O sábado á mañá as nacións do mundo e as súas clases populares choraron, Fidel Castro era e é pobo digno que loita pola súa soberanía, Fidel Castro era e é clases populares que queren construír un mundo xusto.

Non creo que me equivoque se digo que todas aquelas persoas comprometidas na loita polos dereitos das persoas e dos pobos sentimos unha profunda dor ao ter coñecemento do falecemento do líder da revolución cubana. No meu caso foi así e non teño problema en recoñecelo.

A entrada dos barbudos en Santiago de Cuba o 1 de xaneiro e na Habana o 8 de xaneiro de 1959 abriron a porta a un dos feitos que pasarán á historia da humanidade. A revolución cubana demostrou que unha pequena nación subdesenvolvida situada e poucos quilómetros do imperio foi quen de botarlle un pulso, negándose a seguir sendo unha simple formiga que podía ser esmagada pola bota imperial cando este tivera a ben. As ideas revolucionarias baixo a dirección de Fidel permitiron organizar a todo un pobo que se desprendía das cadeas para construír unha nación soberana e unha sociedade nova rexida pola solidariedade, o respecto polas persoas e a xustiza social.

Cuba ten problemas e Cuba ten contradicións, pois nin Cuba é o paraíso nin a revolución cubana é perfecta. Cuba non o esquezamos nunca, é unha luz de esperanza nun continente dominado pola violencia, o xenocidio, a falla de dereitos, a explotación dos recursos para beneficio do imperialismo, etc...; un continente que desde a posta en marcha da doutrina Monroe no século XIX foi considerado o patio traseiro dos EEUU, algo que aínda reiterou non hai moitos anos John Kerry ( secretario de estado da administración Obama).

Unha luz de esperanza heterodoxa que foi quen de vincular maxistralmente o orgullo nacional cubano, encarnado no pai da patria José Martí, co marxismo e o leninismo. Unha luz da que moitos movementos de liberación nacional do planeta recollemos ensinanzas, pero sempre fuxindo do dogmatismo, exercendo a crítica e a autocrítica sempre e partindo da propia historia para erguer un modelo propio; pois como moi ben dixo Fidel “...hai algúns que cren que o que están facendo noutros lugares é o que nós temos que vir facer deseguida; hai tamén cerebros deses, xente sen confianza no seu pobo, sen confianza na súa revolución, que deseguida din que hai que copiar. Esa é unha actitude incorrecta, esa é unha actitude equivocada, porque non hai procesos revolucionarios iguais, non hai dúas historias iguais, non hai dúas idiosincrasias iguais,; uns teñen uns problemas, outros teñen outros; uns cometen uns erros, outros cometen outros...”[1]

Teremos que agardar aínda para podermos comprobar o efecto tanto a nivel interno como rexional e mundial da desaparición física de quen exerceu ese forte liderado. Haberá tempo para poñer por escrito máis opinións e valoracións sobre a figura de Fidel, pero neste momento cando o pobo cubano honra ao seu líder, considero que a quen dicimos traballar por unha sociedade máis xusta desde unha perspectiva progresista, nacionalista, revolucionaria ou comunista o que nos queda é secar as bágoas e manter o rumbo certo, lembrando que “...ser internacionalista é saldar a nosa propia débeda coa humanidade. Quen non sexa capaz de loitar por outros non será nunca suficientemente capaz de loitar por si mesmo.”[2]


[1] Discurso de Fidel Castro; 26 de xullo de 1988
[2] Discurso de Fidel Castro; 5 de decembro de 1988


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.