Extracomunitarios
Ouvimos nesa fermosa serie da televisión, Comisario Montalbano, personaxe ben conseguido do escritor siciliano Andrea Camilleri, esta palabra creada pola Europa para que nós, os de aquí, nos sintamos máis unidos nas propias fronteiras da riqueza: extracomunitario. Úsase arreo cando as historias teñen como tema personaxes inmigrantes que chegan ás costas sicilianas e son miserabelmente explotados ou perseguidos polas mafias ou moitos dos gobernantes. E aquelas danlle o sentido real en canto a caracterizan como ser excluído, abourado, non merecente dos dereitos básicos que para os humanos fomos conseguindo nos últimos anos. Esas historias a cabalo da mafia, da política dos corrompidos e da inmigración, fan chorar ás veces a Montalbano que, ante a impotencia da súa propia loita, refúxiase no mar de Punta Secca, onde ten a casa, nadando á desesperada para mitigar a dor e esquecer.
Vimos estes días ese case millar de inmigrantes afogados nas augas da Canle de Sicilia. Mozos, mulleres e nenos. De seguir as contas oficias, uns 20.000 levan morto desde 1988. Europa, a triste cantora da democracia e a que sempre presumiu de romper fronteiras, anda agora a meter barcos e gardas non para axudar, senón para impoñer a exclusión dos pobres con fronteiras artificiais pensadas para o crime, porque crime son eses muros levantados co odio deles e cos nosos tributos, en Melilla, no Sahara occidental, nas fronteiras de México cos EEUU ou na propia Palestina. Quedounos gravada a ferro a visión dos gardas civís da fronteira de Melilla recibindo os inmigrantes no propio mar con disparos de bolas de goma, cando moitos deles nen sabían nadar.
As escenas en Lampedusa, recollendo cadáveres e xentes esgotadas levou o debate aos medios de comunicación de forma intensa. As autoridades comunitarias foron criticadas masivamente, pois ninguén entendía a frialdade mostrada ante os milleiros de mortos que, por outra parte, permitían. E saltou de novo o horror sentido polas alternativas que a Comisión Europea deu, escandalosamente arrepiantes nas bocas do presidente inglés, Cameron, ou do ministro de Exteriores español, Margallo: bombardear os barcos dos traficantes e seguir coa política asasina de controlar os inmigrantes e devolvelos aos seus países. Os que sobrevivisen, claro.
Sempre, nesta cultura da represión, a agresión e a ameza como alternativa. Retorna a cantilena: A letra con sangue entra. Pero máis ensanguentada.
Os debates nos medios seguiron por esta liña: a ameaza dos responsábeis políticos desta miseria, ou simplemente o formigo emocional das distintas entidades sociais ante as mortes. Que o control do Mediterráneo servise máis para protexer as vítimas, no mellor dos casos. Partidos e xentes da esquerda porfiaron nisto (que fan en Europa os parlamentarios das esquerdas?). Mais cal é o problema real da emigración masiva? É claro que a fame ou a fuxida ante as guerras. E quen son os responsábeis da fame e das guerras? Non exclusivamente os gobernantes dos países de orixe de quen foxen. O chamado occidente é aínda máis responsábel no conflito, pois armou as guerras de Libia, Siria, Irak e todo ese longuísimo etc. E explota irremisibelmente as riquezas de África e Asia. A Europa rica éo precisamente pola explotación que dirixe nestes continentes. Serva como exemplo a actitude do FMI interesado exclusivamente en ter afogadas as súas economías e sacar dólares e euros de balde (película moi interesante a este respecto, do cine africano: "Bamako", do director mauritano Abderrahmane Sissako). Por isto, a masa impresionante dos emigrantes só rematará dun xeito radical cando empresas e gobernos occidentais retiren a súa man asfixiante e permitan que as súas economías se desenvolvan libremente sen o tanque ou o avión ameazadores. E que os medios de comunicación occidentais informen obxectivamente e sen tregua do que pasa realmente e non sigan as consignas dos máis poderosos, sempre favorecedoras dos gobernos opresores a nível internacional.
Un exemplo para reafirmar isto que digo: só informaron uns poucos días dos mortos no Mediterráneo máis próximos ás costas de Libia ou de Italia. De súpeto, ante a alarma popular dos distintos países, calaron e pasaron a centrarse no sismo do Nepal. Todos, como unha consigna. E aínda onte, na letra pequena dalgún xornal ou nos segundos utilizados nas voces dalgunha televisión, apareceu outra parte do horror: 5.800 persoas recollidas do seu mortífero destino. Dez mortos atopados. Os medios a que me refiro, xa non usan os altavoces e as imaxes dos último días de abril. Agora é noticia de paso así programada. Había que escorrentar o verdadeiro perigo: a consciencia dos pobos occidentais.
Saquen a man que os afoga. Deixen aos ferreiros africanos producir os seus artigos; aos panadeiros facer o seu pan; aos barreiros confeccionar os utensilios diarios da cociña ou do adorno; aos tendeiros, coa súa arte comunicativa, comerciar; aos obradoiros populares fornecer os distintos materiais necesarios; aos artesáns, aos músicos, aos artistas... déixenos traballar e construír a súa economía, o seu futuro, en África, en Asia... Non os axuden con mentiras. Non lles impoñan os produtos fabricados aquí... É tan doado coma isto. Déixenos, os Rajoi, os Obama, as Merkel, os Cameron, os Hollande... Deteñan o imperio económico tirano das transnacionais que operan para explotar e arruinar os distintos pobos. E os inmigrantes desaparecerán do mar occidental onde afogan, e así quen aquí gobernan xa non terán que investir millóns de dólares e euros, nosos, en barcos, avións, gardas, fronteiras artificiais e asasinas... Até sae máis barato, non si? E as mulleres, homes, nenos e nenas, mozos e mozas, vellos e vellas africanas ou asiáticas, serán iso, xentes dos distintos pobos, etnias e tribus que axudarán a construír a riqueza, o benestar, a felicidade e, sobre todo, a solidariedade necesaria. Sen ela seguiremos todos nas mans dos mercadores insaciábeis. E os demais, tranquilos e felices, poderemos viaxar de novo a eses países para gozar da súa beleza, das súas culturas e das súas xentes.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.