ETA, a escusa para amordazar a unha sociedade

ETA, a escusa para amordazar a unha sociedade

A esquerda abertzale hai tempo que manifestou públicamente a decisión de defender o seu proxecto político só por vías democráticas combinando a mobilización social e a participación institucional, desmarcouse claramente das últimas accións violentas responsabilizando aos seus causantes de poñer pedras no camiño do proceso de pacificación de Euskadi, e ao tempo exixiulle a ETA repetidas veces que manifestara claramente a súa disposición a rematar coa actividade armada. Pero polo visto o que se poñía como condición hai pouco tempo agora non chega. A non legalización de Sortu, a intensificación do acoso policial e mediático nos últimos meses con detencións e operativos espectaculares que moitas veces quedan en nada pero sirven para encher

as candidaturas de Bildu son un paso máis na involución democrática do estado español; unha involución que hoxe se dá en Euskadi de xeito máis chamativo tendo en conta os cincuenta anos de existencia de ETA e o que supón a violencia terrorista, pero que estamos a sufrir tamén día a día todas aquelas persoas e organizacións que defendemos un proxecto transformador que se saia do rego marcado polo sistema e polos seus defensores. Recomendo a quen teña gusto polas novelas de intriga de mala calidade a lectura dos dous recursos presentados pola avogacía do estado español para solicitar a impugnación das candidaturas de Bildu e das agrupacións electorais; asistirá a unha verdadeira caza de bruxas que non ten nada a ver con argumentos xurídicos e poderá ler cousas como "...aprovechó la intimidad de la manifestación para departir durante casi todo el recorrido... ", "...sobreactuación lingüística de SORTU en lo relativo al rechazo de la violencia...", "...no ha presentado candidaturas desde tiempo inmemorial...", "...los sedicentemente "independientes"..." ...

O terrorismo e o tema vasco en particular siguen sendo unha gorentosa mercadoría electoral empregada polo PP e tamén polo PSOE, pois saben que na España profunda conleva importantes réditos electorais cando se poñen a funcionar as vísceras de moita xente facilmente excitábel polos chamamentos a defender a integridade da pel do touro de Osborne fronte aos separatismos. Uns e outros teñen ben engraxado o mecanismo para poñer a andar esas vísceras que fan esquecer o raciocinio a moitos. Cando remate este artigo para enviar ao Terra aínda non será coñecida a decisión do Tribunal Supremo sobre a petición de impugnación das candidaturas, pero sexa cal sexa o resultado final a simple presentación dese recurso por parte do goberno español é un paso máis cara un novo fascismo, un fascismo do século XXI que como se sinalaba nun dixital español hai uns días "...disfrázase de sociademocracia ou de dereita civilizada..."

Pode que algunhas persoas despois de ler o parágrafo anterior pensen que nesta ocasión paseime de freada e que a cousa non é para tanto, pero eu cada vez reafírmome máis en que estamos a sufrir en toda Europa un proceso de involución que ninguén acreditaríamos hai ben pouco; un proceso fronte ao que desgraciadamente van ser moitos os que deserten por medo a ser sinalados co dedo ou por simple traizón a quen se di representar, pensemos senón en determinados posicionamentos ao respecto da guerra de Libia ou na sinatura do pacto das pensións polo sindicalismo español. Pero ese non é o único camiño posíbel e cando menos para o nacionalismo galego non é o desexábel; debemos manter a nosa solidariedade coa loita de todos os pobos e en concreto co pobo vasco ao tempo que andamos o noso propio camiño sen inxerencias externas, vinculando firmeza de principios e flexibilidade na acción.