Estimado señor Obama:


Antes de ir ao motivo que me leva a lle dirixir estas breves liñas, e para ser sincero, debe saber que cando hai algo máis de catro anos o seu rostro e o seu lema de campaña entraron nas nosas vidas fun un deses que non amosaron esperanza algunha, é máis, repetidas veces fun acusado de sectario e de manter uns anticuados preconceitos anti-ianquis ao non asumir que nos EEUU estaba a producirse un importante e moi positivo cambio chegado da man desa grande ilusión creada arredor de vostede e das súas propostas políticas.

Dinlle por esta banda do océano que a verdade é filla do tempo señor Obama, e conforme ían caendo as follas do calendario a súa actuación foi reafirmando a miña diagnose inicial de que vostede só era unha peza máis dun sistema que nun determinado momento precisou mudar o traxe Bush xa moi gastado e cheo de buracos por un novo traxe de corte máis actual pero feito do mesmo tipo de tecido. E confésolle nestas letras, sabendo que queda entre nós, que non me importaría terme trabucado na diagnose.

Señor Obama, podería poñer multitude de exemplos da súa acción política no tempo que leva de estadía na Casa Branca pero para sermos operativos deixarei pasar que Guantánamo segue aberto, a súa responsabilidade na guerra de Libia, etc...; vou pois ao verdadeiro motivo desta carta para non roubarlle demasiado tempo.

Na última semana amosou vostede ao mundo unha vez máis que o Premio Nobel da Paz que lle concederon en 2009 non cotiza á alza nin en Wall Street nin no IBEX-35 da democracia senón na lista de defraudadores e embaucadores, e dígolle isto polo seu rotundo anuncio de que vetará no Consello de Seguridade da ONU a toma en consideración da petición feita o 23 de setembro polo presidente da Autoridade Palestina Mahmud Abbas de que sexa recoñecida oficialmente a existencia do estado palestino, unha petición de recoñecemento que conta xa co apoio de 126 estados dos 193 que forman parte da Organización das Nacións Unidas.

Ben sei que para vostede Palestina non é un tema calquera, por poñer un exemplo para vostede Palestina non é Sudán do Sul, e saiba que para min tampouco; dígolle isto sen segundas intencións pois ao mellor as súas múltiples ocupacións impedíronlle decatarse de que os Estados Unidos si que votaron no mes de xullo a favor da admisión de Sudán do Sul como novo estado membro e número 193 dunha Organización das Nacións Unidas na que polo visto os palestinos non teñen dereito a estar.

Señor Obama, entendo perfectamente que o seu constante labor a prol do mantemento da paz mundial e en defensa dos intereses de Norteamérica, que a fin de contas veñen sendo os intereses do noso querido mundo libre, téñeno moi atarefado e impídenlle atopar un momentiño para ler os múltiples informes sobre o xenocidio ao que desde hai décadas os seus socios/amigos israelís someten ao pobo palestino; e comentáronme ademais hai pouco que os seus sesudos asesores de política internacional concluíron despois dunha detida e completa análise que a meirande parte deses informes están manipulados e feitos por encargo de axentes do anti-sionismo e do terrorismo fundamentalista internacional.

Como lle dixen nas primeiras liñas desta misiva quero ser totalmente sincero e por iso debo dicirlle que a súa postura neste tema lémbrame moito á daqueles homes de orde da nación branca americana que acusaban aos defensores dos dereitos civís de seren axentes dunha confabulación comunista internacional; seguro que lle soan dos libros de historia os nomes de Rosa Parks, Ella Baker ou Martin Luther King que tiñan en común con vostede a nacionalidade e a cor de pel, e se non lembra que era iso da confabulación comunista internacional pode perguntarllo ao seu amigo Vladimir Putin que algo sabe do tema, pois chegou aos meus ouvidos que traballou nunha empresa que se chamaba Komitet Gosudárstvennoy Bezopásnosti, empresa á que hai anos aplicáronlle un ERE extintivo e que antes de pechar popularizou en todo o mundo a coñecida marca KGB, para entendérmonos e salvando as distancias KGB era un produto moi empregado polas distintas administracións norteamericanas que segundo din contaba con propiedades miragreiras semellantes ás da actual Al Qaeda á hora de enmascarar os verdadeiros problemas en moitas sociedades.

Señor Obama, xa remato que vostede ten moito do que ocuparse e eu téñolle a sorte de ser funcionario; aínda que semelle paradóxico non lle vou pedir que reconsidere a súa postura e defenda os dereitos do pobo palestino, sería perder o tempo dado que non me vai facer caso, pero saiba vostede que o famoso Yes, We Can vaise voltar na súa contra con efecto boomerang porque Palestina, e non só Palestina, será quen de pasar por enriba do imperialismo.

Sen máis despídese atentamente un dos súbditos do imperio.

Nota: para que vexa que non teño nada persoal contra vostede e sabendo que está xa en campaña cara a reelección teña a ben atender un pequeno consello que lle dou, coido que debería valorar coa súa equipa asesora en materia electoral empregar máis a miúdo o seu nome completo Barack Hussein Obama, penso que lle permitiría facerlle unha chiscadela ao voto musulmán, e así ao mellor recupera algúns dos votos perdidos debido á súa nefasta política externa.