En que momento se escarallou o Perú?
Este ano 2011 é un ano histórico para o pobo peruano. Dunha banda, a devolución por parte da Universidade de Yale, devolución que a honra, do tesouro de máis de 46.00 pezas arqueolóxicas que roubara o profesor desa mesma universidade, Hiram Bingham, despois de chegar a Machu Pichu en 1911 e, doutra, a posibilidade da vitoria dun líder nacionalista e de esquerda como Ollanta Humala.
Vista a política peruana desde o prisma desenfocado e mal graduado do europeo, semella un concurso de candidatos baratos cheos de populismo ante un pobo inerme e crido. Nada máis afastado da realidade. Nin Keiko Sofía Fujimori, nin Ollanta Humala, nin Pedro Pablo Kuczynski (PPK) nin Alejandro Toledo son líderes populistas cheos de palabras e baleiros de contido. No debate televisado entre os cinco candidatos, incluído o ex alcalde de Lima Castañeda, segundo a opinión de moitos Keiko Sofía saíu gañadora.
A orixe dos cinco candidatos é fiel reflexo da realidade peruana, que aínda que pareza mentira, ten maior mobilidade social e máis posibilidade de progreso que a ríxida europea. Así como Keiko Sofía era neta duns humildes mecánicos xaponeses, que enviaron o seu fillo á universidade, Toledo era un limpabotas quechua-falante que chegou a estudar nos Estados Unidos. Ollanta é un militar de extracción humilde e o millonario PPK é fillo, á súa vez, doutros emigrantes.
Todas estas forzas ancestrais converxen nun Perú en permanente revolta, desde a revolución socialista-nacionalista de Velasco Alvarado até a guerra civil entre os movementos armados Sendero Luminoso e MRTA contra o Estado na década dos 80 e 90. O pobo peruano non é un pobo conformista nin fatalista. Unha poderosa clase oligárquica, presente durante a ocupación española, negouse á independencia, razón pola que o Perú foi o último país en se independizar dos españois.
En que momento se escarallou o Perú ?
¿En qué momento se jodió el Perú? É unha frase feita das burguesías peruanas que se repite xeración tras xeración. O eterno dilema da abundancia de materias primas, sobre todo minerais, e a pobreza que todo o invade.
Máis de 3 millóns de peruanos vive no estranxeiro, un 10% da súa poboación, moitos deles no noso país, Galiza, máis de 70 mil no Xapón. Para marchar a este país moitos compraron certificacións falsas para demostrar a súa ascendencia xaponesa, nikkei, e moitos chegaron a operar os ollos.
O Perú precisa de moito máis ca un certificado falso e unha operación estética para lograr a xustiza social que, coa loábel excepción de Juan Velasco Alvarado (1968-1975), ningún presidente procurou. O problema non é arrimarse ou desarrimarse a Chávez, senón arrimarse a todos aqueles que non comen e viven na máis absoluta miseria coa macroeconomía e cos datos económicos en permanente crecemento desde hai máis de 10 anos.