E(lección)s estadounidenses

E(lección)s estadounidenses

Na escena final do filme Killing them softly (Mátaos a modiño, 2012) Brad Pitt aseguraba que Estados Unidos non era un país... senón un negocio. Pasou de ser un país a ser un negocio coa elección na vicepresidencia (1945) de Harry S.Truman, cando o chamado a suceder ao doente presidente Franklin Delano Roosevelt era o seu vicepresidente de anos, o liberal e filosoviético (que non comunista) Henry A. Wallace.

Truman, antigo propietario dunha mercería quebrada na Gran depresión, meteuse na política á desesperada, escalando de vagariño por distintos postos grazas á súa acomodada antiga clientela. Exerceu a dedo de xuíz local e chegou pola porta de atrás ao Senado, logrando a reelección grazas á súa condición de masón. Fiscalizou dende o Senado o gasto militar en plena guerra cun resultado sobresaínte, cheo de sentido común e propio dun pequeno comerciante. Gañou tal sona que fixo del unha figura pública e determinante para tirar do medio o «comunista», e rexeitado polo grupo dominante, Henry A. Wallace.

Só un par de meses durou a súa vicepresidencia, polo falecemento de Roosevelt; exerceu de presidente até as eleccións de 1948 nas que sorprendentemente saíu gañador contra todo prognóstico, malia ser o presidente máis impopular da historia de Estados Unidos até a chegada de George W. Bush.

,
Truman foi o primeiro de todos os presidentes estadounidenses posto a dedo polo grupo dominante, o poder na sombra. A derradeira oportunidade que tivo Estados Unidos de ter un presidente distinto, popular, foi con Wallace, e o último presidente «distinto» Jimmy Carter; tan «distinto» que carga o sambenito de ser o único non reelixido na presidencia.

Agás as maneiras, nada distinto de Obama ou Hillary Clinton, de ter sido elixida, vai facer Trump. O «filtro» está na posibilidade de ser candidato; quen chega aí é un futuro presidente «seguro». En nada afectan o grupo dominante financeiro as medidas «revolucionarias» de Obama: peche de Guantánamo ou o restabelecemento de relacións con Irán e Cuba e en nada afectarán as de Trump. A teima de Jimmy Carter na defensa dos dereitos humanos no mundo puña en perigo unha serie de negocios que si afectaban o grupo dominante, tanto en Latinoamérica coma en Oriente Medio.


,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.