É Corea do Norte unha ameaza?
No filme estadounidense de Barry Levison, Wag the Dog, A cortina de fume, o presidente estadounidense é pillado in fraganti nunha situación embarazosa e os seus asesores de imaxe convénceno para que invente unha guerra virtual con Albania para entreter a opinión pública e marear o peixe.
Estados Unidos precisa dun inimigo externo, dunha situación constante de tensión para tapar desfeitas ou para xustificar o seu papel de gardián da (súa) «liberdade». No filme de Levinson víanse imaxes trucadas de ataques, violacións, etcétera, por parte do país «atacante». A escolla dun pequeno e cativo país como Albania non fora ao chou, senón que deixa patente que Estados Unidos non ten vergoña en sinalar como inimigos e agresores a Estados, organizacións ou persoas sen a mínima capacidade de agresión.
O tema non é novo. Son moitos os que dubidan da existencia ou protagonismo nos atentados do 11 de setembro dun Osama Ben Laden que, de loitador pola liberdade, pasou a ser o terrorista máis perigoso do planeta, do que tiveron que desfacerse cando o guión non daba para máis. A lista de Estados e persoeiros «malos» no mundo vén fornecida polo Departamento de Estado (Ministerio do Interior), que elabora unha listaxe anual no que aparecen e desaparecen Estados como se fosen cancións de moda.
O caso norcoreano di moito da irrelevancia desta listaxe ou da «ameaza» de Estados que teñen como maior preocupación non ser invadidos ou esmagados polo simple feito de ser «sospeitosos». Considerado un Estado colaborador co terrorismo por unha bomba colocada nun voo de Korean Airlines en 1987, once anos despois Estados Unidos retira da lista de Estados «colaboradores» a Corea do Norte pois «… segundo as leis dos Estados Unidos, certifícanse que o Goberno da República Popular de Corea non colaborou nin asesorou ningún acto terrorista internacional nos últimos seis meses e é previsíbel que non o fará no futuro[i]».
O «verdadeiro» perigo
Nos tempos da «guerra fría» Estados Unidos autoproclamouse o primeiro defensor e loitador pola democracia contra o inimigo común, que bautizaron como «o imperio do mal». Pero a loita non a reduciron á guerra silandeira entre os Estados Unidos e a URSS; os estadounidenses camuflárona como a loita do ben (eles) contra o «mal» (os que non eran eles), unha loita que incluía a obriga moral de non permaneceren inactivos, ante o perigo nuclear que resultaba unha ameaza para o seu modo de vida que eles definiron e bautizaron como o do «mundo libre».
Segundo Truman, os Estados Unidos custodiaban o armamento nuclear «en nome de toda a humanidade[ii]».
A única época histórica en que Estados Unidos tivo un contrincante foi durante a época da «guerra fría». O historiador catalán Josep Fontana aclara ben as razóns polas que nunca se deu un ataque desde calquera dos dous bandos: «Como ían pensar nunha guerra xeral contra a Unión Soviética? Dixo Eisenhower en 1953: [iii]?>. Os soviéticos, pola súa parte, terían podido apropiarse da Europa occidental grazas á superioridade do seu exército de terra, pero non só carecían dos medios de desembarcar nos Estados Unidos e conquistalos, senón que nin sequera chegaron a formulalo[iv]».
Se en tempo de confrontación e equidade de forzas as dúas potencias non se formulaban agresións mutuas, por que Estados Unidos, hoxe, sinala como castigábel ou agredíbel calquera pequeno Estado con forzas cativas? Para seguir mantendo, baseado en mentiras, o seu autoimposto papel de «gardiáns da humanidade en nome do mundo libre». No se trata de defender a Corea do Norte. o réxime talibán, o Iraq de Sadam Hussein, a Venezuela revolucionaria, a Cuba comunista ou o Irán díscolo (nótese que na enumeración anterior non todos son iguais, excepto para os Estados Unidos), senón sinalar que, despois dun exixente traballo de propaganda e maquillaxe, é posíbel que Albania ataque Estados Unidos. O filme A cortina de fume está catalogado como comedia-drama, nada máis achegado á verdade.
Para saber máis:
Dentro da República Popular de Corea. Reportaxe fotográfica de Olaf Schuelke.
Un vasco turista en Pyongyang.
En Diário Liberdade, Entendendo a Coreia do Norte
[i] East Asia and Pacific Overview.
[ii] Josep Fontana , Por el bien del imperio, Ediciones de Pasado y Presente, p. 16.
[iii] Ronald Reagan, The Reagan Diaries, New York, Harper-Collins, 2007, p. 199 (18 de novembro de 1983), citado por Josep Fontana.
[iv] Josep Fontana, Op. Cit. P. 17.