...e agora toca Siria


O nerviosismo dos EE.UU. e os seus aliados por desprestixiar a Rusia e China despois de que estas se opuxesen a condenar (e invadir) un dos poucos territorios que quedan onde non existen bases ianquis. As mentiras da prensa occidental sobre o que acontece en Siria.

Hai xa moitos anos que os EE.UU. teñen programada a invasión dos países de Oriente Medio que non se someten á súa lei imperial. E todos foron caendo, invadidos até a máis fría crueldade. Nos dous últimos anos, o ataque bélico variou a súa táctica, metendo o polvorín no interior dos países invadidos como se fosen os seus pobos os artífices diso que o atacante deu en chamar unha nova primavera.

Siria é un país que nunca aceptou a imposición dun Estado sionista en Palestina. Máis evolucionado que os do seu contorno, ten a sanidade e o ensino públicos, cunha tasa de alfabetización do 86%. Hai tempo que está inmerso nunha muda da propia Constitución e das institucións locais e nacionais para adaptalas ao momento político. Viaxei outra vez a este país hai apenas un ano, e comprobei no contacto con xente popular a satisfacción desta por vivir nun país seguro no que o chamado terrorismo apenas tiña presenza.

Non é a oposición (pódese crear da noite para a mañá?) a que combate na rúa, nen o pobo sirio quen está enchendo as prazas de descontentos (cando as enchen é para apoiar a Al-Assad e, sobre todo, a soberanía da nación). Hai xornalistas de todo o mundo que están a falar arreo das mentiras da prensa occidental a respecto do que ocorre, mais aquí son censurados ou silenciados para que a manipulación atrofie as nosas mentes e así aceptemos sen titubeo a invasión. (Por certo, por que desapareceron as noticias sobre Libia unha vez tomado o poder polas forzas da OTAN que agora llo teñen entregado ás empresas do petróleo? E Irak, sabemos algo do que está a ocorrer alí agora, despois do xenocidio?).

Os que antes eran terroristas resulta que en Siria convértense en oposición ao goberno de Al Assad. Na fronteira con Turquía e xa polo interior, actúan na formación e avance dos mercenarios os ianquis da CIA (os seus métodos son inconfundibles), O MI-6 británico, o Mossad israelí, entre outros. Hai que arrasar, queimar, crear o caos para amedrentar o pobo sirio e preparar as nosas conciencias para a aceptación da invasión ou o silencio, seguindo outra vez a Doutrina do Shock, que tantos froitos leva recollido nos países atacados e mesmo nos nosos.

Mais sobre todo isto hai un dato que aclara outra vez a mala idea da maior parte dos países da OTAN: a insistencia en que o presidente sirio ten que deixar o goberno para que aqueles poñan outro da súa corda. Como vemos, un bo exemplo de democracia á occidental.

Temos unha pequena esperanza fronte ao sangue e á destrución que queren con tanta présa os imperialistas en Siria e para o cal necesitan o apoio da ONU: a posición de Rusia e China. Estas non admiten tanta manipulación nen berran polas trompetas do Apocalipse. Un contraste, á fin, necesario para frear os asasinos e verdadeiros terroristas. A resistencia ás ofertas que seguramente neste momento lles están a ofrecer os tres verdugos reais da película (EE.UU. Francia e Inglaterra), é fundamental para sosteren a cultura da paz, tan necesaria nas nosas conciencias e nos nosos feitos, e para que non se consuma outro xenocidio.

O mundo está tolo, dicimos, inxenuamente ás veces. Mais quen perdeu o xuízo en base á obsesión polos beneficios económicos é esta elite que controla os gobernos e a economía mundial, afeita por costume a matar. Terroristas de estado que campan por todos os países coa lei imposta (sen avalar democraticamente polos pobos), e co armamento criminal. Nos mares periféricos matan sen remordemento, e aquí, nesta xeografía aureolada de democracia (que sarcasmo), simplemente, asédiannos desde os medios de comunicación para que bendigamos a mentira e lles rendamos submisión. A doutrina do Shock, dos maquiavélicos chicago boys de Milton Friedman, imponse, e nós, amedrentados polo futuro, ofrecemos as nosas cabezas ao ditado dos que mandan. Siria non está lonxe, pois é a cara cruel do que todos e todas padecemos. Manter hoxe unha práctica nacionalista e antiimperialista, é a mellor arma para combater este terror. Sábeno ben os fanáticos do capital, de aí o interese en bombardear arreo os as poucas organizacións políticas que quedan en Europa capaces de lles enfrontar a verdade. As divisións e deslealdades que sufrimos teñen que ver, obxectivamente, co ataque dun inimigo que está a mover todas as forzas reaccionarias coas que conta: Igrexa oficial, todos os medios de comunicación, gobernos entregados ao seu suborno, e, sibilinamente, o aproveitamento dos inxenuos e inocentes para a súa causa...

A camelia que ía ser un símbolo aparentemente transformador, esfóllase fronte ao teatralizado, como se o destino se empeñase en mostrar o camiño real a seguir: humilde, respectuoso e unido na tarefa real do combate colectivo. Así que, firmes e constantes, digamos algo, fagamos algo, aínda que sexa un pouquiño, para que o último baluarte antiimperialista que queda en Oriente non sexa devorado polos lobos.