Deus, Democracia e Crime

Deus, Democracia e Crime

Dous símbolos, Deus e Democracia, preparados polos gobernos de Occidente para a invasión e o Crime. Libia como exemplo da barbarie do imperialismo e do silencio cómplice da sociedade occidental.

Escena primeira

Conta a voz popular que cando Bieito XVI entraba en Xerusalén montado nun impresionante automóbil e protexido por outros moitos do seu cortexo, san Pedro, que observaba desde o monte das Oliveiras acompañado dun tal Xoán, díxolle a este: ...e pensar que comezamos o negocio con Xesús montado nunha burra... Así é, o negocio borrou o lema da pobreza e mudouno polo comercio e as dozuras do poder. Bieito XVI acaba de montar outra das súas coa visita que tivemos que soportar hai uns días. Visita pouco respectuosa, por certo, e que, nun momento de crise coma este, axudou a aumentala polos gastos que todos, forzosamente, tivemos que pagar. Que falta de humildade a del e que dependencia a dun goberno que debería manterse á marxe tal como manda un Estado aconfesional. Bieito aproveitou ben a xogada: trouxo xente de todo o mundo para ofrecer unha manifestación de forza. Non lle importou enfrontala cos que pedían respecto ás normas civís, nen obrigar a que todos tivésemos que soportar discursos trasnoitados e mesiánicos. Mais cumpriu certamente os seus obxectivos: apareceu ás portas das eleccións xerais, mostrou unha estraña masa relixiosa a aclamalo, e deixou claro que o PP é quen apoia os postulados oficias da Igrexa, polo tanto... a votar.

Pero preocupado por centrar ben os obxectivos devanditos, ao Bieito dos 16 palitos, esqueceulle aquilo ao que realmente e en consecuencia cos propios Mandamentos da Igrexa se tiña que dedicar neste temíbel momento da historia internacional: chamada urxente para atallar os millóns de mortos pola fame en África; chamada urxente para non permitir os milleiros de asasinatos que a OTAN estaba a producir, desta vez e directamente, en Libia. A Igrexa dos pobres, nada menos, a que leva a Deus como obxectivo e predica a Paz, cómplice tamén dos asasinos.

Escena segunda

Libia, si, a vergoña da política internacional. A vergoña e contradición da propia Democracia. Ser demócrata dá avais para entrar nun país a lume e ferro, violando a súa soberanía? Matar para roubar petróleo segue a ser o programa dos demócratas occidentais, camuflados baixo as bandeiras da liberdade. Cada un dos 50.000 mortos en Libia é responsabilidade directa da OTAN, esa panda de guerreiros capitaneados por Obama, Cameron, Sarkozy, Zapatero... Porque só se pode argumentar a axuda aos civís se antes se programa a matanza, e a revolta foi preparada por estes presidentes con mercenarios que trouxeron da área asiática e africana e das tribos libias que puideron atraer. Como non daban vencido ao pobo e presidente de Libia, cos avións e demais armamento da morte activaron o terror, bombardeando e asasinando para que os mercenarios das democracias occidentais puidesen entrar en Trípoli e as outras cidades coas rúas convertidas xa en cemiterios. Antes, cando Irak, lembras, lector, lectora?, quen invadían e mataban eran Bush, Blair, Aznar..., da dereita máis radical, pero agora fano os novos demócratas, os socialdemócratas ou conservadores ou mesmo progresistas, que máis ten? Todos acaban comestos pola cobiza e os intereses dese capital financeiro que comercia co demo e o serve sen escrúpulos.

Despois de asediarnos a cada hora do día coa mesma propaganda en todos os medios informativos da sonada Democracia, sen fisura algunha que contrarrestase a mentira, mentres as estrañas e súpetas protestas de Exipto, Xordania, Tunicia, Arxelia, Marrocos (o máis escandaloso, coa cambadela esa da nova constitución da monarquía, que sarcasmo, con atentado terrorista en Marrakech incluído)... desaparecían nun repente dos medios, estes daban paso á información exclusiva e intensa como un bombardeo sobre a persecución e captura do tirano Gadafi (sic), e a súa familia. Todas as revoltas desapareceron da información, excepto a de Siria (derradeiro obxectivo aínda por cumprir). Había que centrar a atención pública en Gadafi, o novo demo levantado polos demócratas de toda la vida, a quen ao final, como no seu día no caso de Sadam, acabarán convertendo en mártir para a Historia do futuro. E xa, as tópicas imaxes do seu palacio que por mandato tiñan que gravarse nas meniñas dos nosos ollos: a cabeza de ouro do tirano pisada polo "pobo"; os salóns de luxo, os cuartos de baño de película, o búnker con todos os adiantos técnicos... Como se os presidentes de occidente vivisen en cabanas, ou o Papa ese do Vaticano pobrísimo, ou os monarcas como os de España, que os pobres malviven nun apartamento de 100 metros escasos pagado por eles mesmos, ou os grandes magnates americanos e europeos do petróleo que son os máis beneficiados desta masacre. Que cinismo e que facilidade para meter nas cabezas nosas a confusión, o odio cara á vítima e a aceptación desapiadada do crime.

Díganlle ás nacións e pobos de occidente quen son eses estraños homes que forman o Consello Nacional de Transición libio, cal é a biografía de cada un, onde se educaron, que propiedades teñen... Díganlles abertamente nos medios que vostedes, criminais de guerra, controlan, que pasa hoxe despois das súas democráticas invasións, tortura e exterminios, con Irak, Afganistán, Irán... e toda a área de Oriente Medio? Chegoulles a Democracia alí? Son máis libres alí? Viven mellor alí? Morreron todos os tiranos? O que vostedes deixaron montado é un inferno de podremia e corrupción, con mortes e enfrontamentos diarios dos que son responsábeis máximos os gobernos instaurados pola Democracia occidental. E a inmensa pobreza que se multiplicou. Quedarán agora reprimidos e sometidos, mais non quero pensar no que pode suceder o día en que logren unirse e organicen a vinganza. Vostedes están a multiplicar os Ben Laden renovados e fortalecidos.

Escena terceira

Os mesmos que invaden os países empobrecidos e estratexicamente situados son os que manteñen o mundo occidental na profunda crise que está a desenmascarar os alicerces económicos do imperialismo. Eles embebedáronse de cobiza e poder e, excedidos, acabaron por poñer en perigo as riquezas colectivas. A grave situación das familias multiplícase, e vítimas reais, son de novo quen teñen que adelgazar os ingresos que percibían e malvivir. A vella mecánica capitalista, esgotada, intenta reproducir o antigo sen modificalo un milímetro. E obriga por lei e propaganda única outra vez, a someterse aos seus ditados como solución exclusiva. Xa as propias Constitucións comezan a consagrar por imposición e mandato, o reinado indiscutíbel dos especuladores. A Democracia outra vez, en nome da cal todo se fai sagrado para debilitar aínda máis ao humilde.

Este é o mundo actual en tres escenas. Pero se as dúas primeiras causan arrepío, a terceira métenos na desolación. Porque indica que o control da xente occidental é tan grande que anulou calquera capacidade de resposta e oposición real. O silencio cabalga matando un mínimo respiro. Cada día estou máis convencido de que as grandes protestas que no seu día se deron en todo o mundo contra a invasión de Iraq foron potenciadas polos medios de comunicación, porque naquel momento eran outros os intereses. Porque se non fose así non sairía á rúa tal cantidade de xente. As cadeas de televisión métense nas nosas cociñas, nos nosos dormitorios dunha forma desapiadada, e sen apenas esforzo gañan as batallas.

Tal é a situación, e o silencio convértese na aceptación do retroceso social e do crime planificado. Mais unha sociedade que abdica dos mínimos deberes da solidariedade é unha sociedade á deriva. Sen liberdade real, sen formación na sensibilidade dp colectivo, individualista até a medula, convencida de que "non hai nada que facer", inhibida ante a práctica dunha democracia real, do pobo, sen obxectivos claros... non poderá enfrontar o planificado control que a somete. Poderemos aturar o retroceso das conquistas sociais de antano, mais se nos afacemos a ver como normal o crime de milleiros e millóns de seres para roubalos impunemente, daquela cantaremos o exterminio do sálvese quen poda e a cantilena de como a min non me toca... Os partidos, sen excepción, seguen calados e pasivos ante a invasión de Libia. Coido que nunca o silencio xeneralizado toldou o ceo da esperanza como agora. E inclúo ás organizacións nacionalistas, por historia máis sensíbeis ao roubo da soberanía, escandalosamente caladas na ocasión. E un sente a impotencia acesa dun xeito novo e tan frío que ten o corpo como se o comesen as formigas. Buscaremos esa estrela cada día máis afastada da forza desexada e da acción polas corredoiras, virxes agora e solitarias e descontaminadas da polución urbana?