De Txiberta a alianza abertzale de hoxe

De Txiberta a alianza abertzale de hoxe

A finais de agosto o amigo Eduardo Renobales mandoume un correo electrónico no que me invitaba a presentación do seu libro La ruptura de Txiberta. Lo que no pudo ser, e a que non puiden asistir por atoparme de vacacións nesta querida terra da que emigrei fai xusto agora corenta e dous anos. Neste libro, editado por Ahaztuak (Asociación de Vítimas do Réxime Franquista) o historiador vasco fai un relato das cinco reunións case clandestinas que se levaron a cabo no hotel Txiberta de Anglet entre o 24 de abril e o 23 de maio de 1977, que xurdiron polo impulso de Telesforo Monzón, quen é capaz de convencer ao PNV e a ETA para inicialas, pero que tamén foron apoiadas por José Luís Elkoro e un Grupo de Alcaldes que tiveron a mesma idea de aglutinar forzas abertzales para ter unha voz unida como pobo ante o que se cocía en Madrid.

Contan os que apostan polo fracaso, e para denigrar eses acordos entre nacionalistas, que Argala chegou a poñer a pistola encima da mesa. Ninguén asegura que este feito fora real ou un argumento dialéctico, pero alí ningún participante se sentiu ameazado como afirmaron descaradamente nos seus medios de comunicación. Do que si se tratou é que de chegar a un acordo aquel sería o final de ETA e da loita armada en Euskal Herria, que poñía as armas a disposición dos alí presentes.

Daquela o debate principal estaba en que a chamada Transición Española a democracia debía ser con rotura ou sen ela e si os partidos nacionalistas debían presentarse as eleccións do 15 de xuño de 1977, uns comicios sen plenas garantías cívicas, con partidos ilegalizados e ausencia de amnistía, polo que presentarse nesas condicións era, para ETA, lexitimar a reforma do franquismo.

Txiberta fixo historia xa que por primeira vez todas a correntes do nacionalismo vasco séntanse nunha mesa para debater unha proposta e, aínda que fracasaron porque ningunha das partes se moveu das ideas preconcibidas anteriormente, demostrounos que a unidade abertzale é imprescindible para calquera proxecto de nación. Di Eduardo no libro que o fracaso é un borrón no debe dos seus participantes con cotas equivalentes ao peso que cada cal puxo na mesa. O fracaso de Txiberta supuxo a rotura absoluta do movemento nacionalista e a perda de tres décadas nas que houbo moito dolor e sufrimento que puido e debeu ser atallado.

Trinta e catro anos despois as forzas que compoñen Bildu (Esquerda Abertzale, Eusko Alkartasuna e Alternatiba) fixeron unha invitación, aberta e sen condicións previas, as outras agrupacións nacionalistas para concorrer todos xuntos as eleccións do 20N que solo foi aceptada por Aralar e non polo PNV. A decisión de Aralar de sumarse a coalición deixa a Nafarroa Bai nunha situación delicada, xa que soamente quedan nela un PNV sen forza en Nafarroa e os independentes de Uxue Barkos agrupados en Zabaltzen.

Esta invitación podía facer realidade os desexos truncados en Txiberta si o PNV non cometera os mesmos erros, si tivera un proxecto de nación e non o "proxecto" de negociar co Goberno Español de turno catro frangullas en forma de transferencias, pero o PNV nos momentos clave sempre apostou pola colaboración co estado. Parece ser que non aprenderon nada neste tempo e seguen indo as reunións con ideas preconcibidas e inamovibles. A reunión que tiveron con este partido os membros da coalición o pasado día 6 rematou coa frase pronunciada por Egibar: xa teñen o que viñan buscar, imitando ao herdeiro do Borbon imposto por Franco cando lle dixo en Iruña a republicana Laura Pérez: xa tiveches o teu minuto de gloria. Tanto un como o outro considéranse tan importantes e a nosoutros tan parvos que babeamos por poder falar un minuto con eles, eles que teñen tantos minutos de gloria inmerecida a conta dos demais.

Malia non unirse o PNV, Rubalcaba ten moi difícil derrotar nas urnas ao independentismo e non vai poder demostrar nelas que os que pensan que o País vasco está mellor en España son maioría, salvo que queira facer trampa e queira contar os votos de "todos os españois". A maioría dos vascos non se senten cómodos dentro de España e menos dentro desa Constitución que mente incluso aos españois ao afirmarlles que a soberanía reside neles, cando esa soberanía é administrada por Sarkozy e Angela Merkel a vontade dos mercados capitaneados por Francia e Alemaña, que é nos que verdadeiramente reside. Proba diso é que cos españois non contaron para nada a hora de reformala.

Os que si aprenderon e se deron conta do perigo que supón para eles a unidade dos nacionalistas vascos neste momento histórico foron os unionistas de UPN, que axiña chamaron a Rajoy para ir en coalición co PP creando un conflito co PSN no goberno de Nafarroa e xa intenta vetar en Madrid a alianza abertzale para impedir que se erixa en portavoz de Navarra nas Cortes españolas. Non cabe dúbida de que cando eles se poñen nerviosos é porque imos na boa dirección.

Esta unidade abertzale, que foi capaz de deixar de lado intereses partidistas, ten que levarnos ao raciocinio tamén aos nacionalistas galegos, non andar de liortas entre nós e non darlle carnaza a eses medios de comunicación que están por facernos desaparecer como pobo, como organización e como persoas que pensemos por nós mesmos. Dentro do BNG hai democracia dabondo e canles suficientes para defender as nosas ideas internamente e si estas non prosperan por non acadar a maioría debemos acatar os resultados e non achacalo a outras causas. Temos que antepor os intereses de nación aos intereses da corrente a que pertence cada un ou do partido no que militemos. Están en xogo os nosos intereses colectivos e case todos os intereses individuais desaparecen se non temos a suficiente decisión de defendelos colectivamente.